martes, 29 de octubre de 2013

Macroexposición de Cómic


Xulia Vicente Jiménez: "Una historia corriente", 3º Premio do Iº Certame.
Nas salas do Museo Municipal remata a exposición de ilustracións de cómic coa que se inicia o Outono Cultural. Desta volta as 'Historias de Galiza' son o máis salientable. Os seus debuxos comparten protagonismo coas obras premiadas da primeira convocatoria do 'Primeiro certame Benito Losada', unha das apostas da nova fundación xurdida no ronsel do director da antiga Casa da Xuventude, falecido hai uns anos. Aquí están Cristian Caruncho, Giovanna Lopalco, Luis Yang, e Xulia Vicente Jiménez.

Esta última presenta 'Una historia corriente', que se basea nos enchufes eléctricos (sic), acadou o terceiro premio. Son todos Banda Deseñada, formato histórico dende o que naceu esta forma de expresión que utilizou os diarios como medio privilexiado. Agora apenas unha viñeta, ou dúas e sempre con argumento conclusivo é o que se estila. Da calidade de todos eles fala do nivel de esixencia da novel fundación.


As 'Historias de Galiza' ocupan a parte máis ampla da exposición. Os tres volumes, que se poden consultar na sala, proxecto realizado entre 2008 e 2009 por Jerónimo Piñeiro, Juan Luis Pérez, Carlos Alfonzo Fernández Idioia de Luxán Vázquez, e Jaime Eizaguirre: eles son os debuxantes-ilustradores que seguiron os guións de Carlos Rafael Ramos. Trátase do derradeiro proxecto en cómic de Benito Losada, quen foi o seu coordinador-director.

 O artista e profesor Manolo Figueiras -da Fundación Benito Losada- fixo o trofeo de xeito non venal para o Premio.

Da idea inicial, da que se ven falando (clásicos contemporáneos da literatura galega: Cunqueiro, Blanco Amor, Castelao ou Fole, que chegou ó Parlamento como plan maduro... que resultou papel mollado) chegouse á realidade publicada: historias tiradas dos tempos pretéritos, dende a Prehistoria ata a nosa Historia das épocas romana e medieval. Os deseños, 'story boards', imaxes sen diálogos e follas finais, é dicir, o proceso, son o que se nos está a amosar neste mes no piso baixo do Museo Municipal. Dende a idea esbozada por Losada a Fundación que leva o seu nome debería poder finalizar o proxecto de outros dous tomos, un reto que paga a pena completar pola súa memoria, mais tamén polo que atinxe á parte plástica e temporal, xa que logo chegaría á época da Idade Moderna e Contemporánea.

No andar superior están outras dúas facianas: a exposición dos traballos presentados e gañadores da convocatoria do Instituto de la Juventud e a exposición dos fanzines.

Son así estas XXV Xornadas de Banda Deseñada unha festa da ilustración e dalgúns dos contidos nos que se move estas artes sobre papel, de relevancia no audiovisual nos ultimos oitenta anos.

Con todo resulta chocante constatar cómo a morea de debuxantes ignora a riqueza de temas da veciña Catedral, na que hai moito máis que expresións de relixiosidade.





No hay comentarios:

Publicar un comentario