martes, 12 de enero de 2010

Breve Guía Turística municipal (I)

PRIMEIRA ENTREGA

O municipio de San Cristovo de Cea está no noroeste da provincia de Ourense, no seu extremo, e limita coa de Pontevedra no municipio de Rodeiro e co de Carballedo, este da provincia de Lugo. O resto do circundo son: polo leste o de Vilamarín; os de Amoeiro e Maside polo Sur, e finalmente polo polo sudoeste o de Carballiño, sendo o veciño do Oeste o de Piñor e, todos eles na mesma provincia que o noso, que ten por capital a vila de Cea. Unha das súas peculiaridades e ter unha parroquia, a de Vilariñofrío no territorio de Piñor, limitando xa co de Dozón (Pontevedra). Con unha superficie de 94,4 quilómetros cadrados, a poboación censada en 2004 era de 2.994 habitantes (en 1981 éramos 5.358, segundo o INE e o IGE), que están distribuídos en 83 entidades, con 13 parroquias, das cales pódense destacar as da capital do concello, e a e Santa María A Real de Oseira.

A capital municipal é Cea que conta cunha poboación próxima aos 1.000 habitantes, constituíndo un punto estratéxico en canto a comunicacións xa que dista 22 Km. da capital provincial e 9 Km. do Carballiño que é a cabeceira da comarca. A N-525 é a arteria que comunica a capital galega, Santiago de Compostela, co sur de Galicia, atravesando o municipio. A nova autoestrada AP-53 Santiago - Ourense, ten acceso nas inmediacións de San Facundo.
Ten dúas zonas ben diferenciadas, a do Norte que ocupa os dous terzos do territorio, asucada polas abas da dorsal central galega, que une as serras de A Martiñá (1.039 m.) e A Madanela, que se acha en dirección nordeste- sudoeste. A zona do Sur é unha penichaira que descende de xeito suave cara a os Chaos de Amoeiro. No medio, Cea, con unha altitude na vila de 520 m.

En canto ao clima pódese dicir que é oceánico de montaña e abundante pluviosidade, ao redor dos 2.000 / 2.500 mm. de precipitación anual, que orixinan unha nutrida rede hidrográfica, subsidiaria da conca do Miño pola súa marxe dereita no curso comprendido entre Os Peares e O Ribeiro: o Oseira, o Silvaboa, o Búbal, o Barbantiño, son algúns dos pequenos ríos.
A economía ten sido fundamentalmente agrícola e gandeira, sendo a propiedade de tipo minifundista. Hai feiras na vila os días 6 e 22 de cada mes. A industria característica é a do pan artesanal en fornos comunais ata fai poucos lustros, que teñen evolucionado cara o réxime individual. É sen dúbida a actividade que lle da fama en toda a provincia, e en toda a Comunidade Autónoma Galega, que ten xerado unha festa de exaltación gastronómica e un movemento de asociacionismo en relación coa consecución de producto de “Indicación Xeográfica Protexida” pola Xunta de Galiza para os fornos acollidos. No termo hai unha fábrica de gaseosas, algún que outro serradoiro (a superficie arborada é superior á media provincial) e varias granxas avícolas e porcinas.

ASPECTOS HISTÓRICOS

Da época prehistórica hai vestixios de mámoas nas terras de Cea (Os Aguaceiros) e Mosteirón, A Grela e Covas, mais tamén por Ardesende, Bustelo, ou en Castrelo. Os materiais achados nos Castros de A Martiñá, Covas, San Facundo e O Piñeiro en Faramontaos de Viña dan probas da presenza humana anterior ao Imperio Romano. Neste contexto hai que mencionar a singular cabeza achada en Anllo, hoxe no Museo Arqueolóxico Provincial, ao igual que parte dos outros restos mencionados. A súa presenza confirma a súa relación cosn chamados guerreiros castrexos galaico -portugueses, cómo os de Arméa (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz), ou o de Xinzo de Limia.

Os tempos históricos comezan polo Imperio Romano, sendo algo máis que unha hipótese a existencia dunha Vía Romana que pasando por Tamallancos (Vilamarín) atravesase polo concello. Consérvase unha ara en Souto Mandrás, aínda que quizais nos estea a introducir xa na Idade Media, época na que se conserva naquel lugar un sarcófago dos chamados de “estola”, sistema común da Monarquía visigótica.
Este amplo período histórico que vai , grosso modo, desde o século V ata o XV, e no que se define a vila, e a bisbarra pola fundación en Oseira dun mosteiro da Orde do Císter dedicado a Santa María. Desde a segunda metade do século XII polarizará a vida desta zona da provincia ata o Miño -ademais do das terras próximas das provincias de Lugo e Pontevedra- ata o fin da Idade Moderna. A meirande parte das terras do Concello eran súas. Polo grandiosidade do edificio xa se lle daba no século XVII sobrenome de "O Escorial Galego".

Ademais, convén sinalar que en Santa María de Covas sitúan diversos autores a existencia dun Castelo que foi derrubado no curso da Grande Guerra Irmandiña de 1467. Neste século constatamos documentalmente a tradizón do martirio dos santos Facundo e Primitivo, na parroquia de Cea que leva o nome de San Facundo, o que se disputa coa vila de Sahagún en León. Na catedral de Ourense, dáselles culto aos seus restos preto da capela maior, nuns sartegos medievais. O “Martirologio romano”, importante libro de 1583, asegura que foron martirizados nas beiras do río Cea, en Galiza, punto este no que convén concretar aínda máis noutra ocasión.

A exclaustración forzosa dos monxes en 1835 e o seu regreso en 1929 marcan dous dos fitos máis salientables de historia recente do Concello, sendo utilizado o edificio do mosteiro cómo cárcere política nos anos da guerra civil e, nos posteriores, serviu de reformatorio provincial de menores. Na década dos anos sesenta o mosteiro estivo a piques de quedar de novo deserto máis daquela mudouse o plan primixenio pasando a depender de San Isidro de Dueñas (Venta de Baños, Palencia)

martes, 5 de enero de 2010

Anuncio de la reed. de la GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL

AVANT PROPOS

Na noite de Reises, quérovos deixar un regalo: o da Guía do Patrimonio Cultural do Concello. Trátase dunha nova versión posta ó día da que escribín en 1991, edición bilingüe, realizada sendo alcalde D. José Hipólito Rodríguez Presas, e realizada con unha subvención da Xunta de Galicia. A obriña, pouco máis que un folleto tivo grande aceptación e esgotouse decote, sendo copiado o seu texto e fotos polo Inorde en pasados anos, e malia non citar a súa orixe e autoría téñome sentido máis satisfeito que molesto, se ven infrinxir os indudables dereitos de autor. No 2008 téñoa actualizado en exclusiva para a web do concello mais como na renovación a sección desapareceu, e logo dos meses trancorridos sen ter explicación ningunha póñoa na rede á pública consulta de xeito íntegro. Terá varias entregas, e poderá servir de consulta a cantos nos queiran achegarse nalgún momento e coñecer un Concello do interior de Galicia, sito no noroeste da provincia. Pode ser útil para estudantes, e amigos do saber das nosas fermosas terras. E tamén para os que transiten como peregrinos cara Santiago.