lunes, 26 de septiembre de 2016

PREGO DE OLIVER, PINTOR LITERARIO



XABIER LIMIA DE GARDÓN.
o artigo na web de La Región
ARTE ET ALIA.


Estamos a conmemorar ao artista Manuel Prego de Oliver, co gallo dos cen anos do seu nacemento. Gran creador, os seus temas forman parte xa do canon da pintura galega. A súa inspiración estivo ao longo da súa vida nos Faladoiros cos amigos literatos, e os seus libros, e na escolla do variado abano das súas lecturas. Deste cosmos de cultura procede todo.


Prego lé a Verne e Stevenson, e as horas da mocidade sonlle poucas para Papini e Nietztche, ademais de Ortega y Gasset. Así o puidemos constatar no curso do proxecto ‘Prego100anos’, para o que ademáis da parte visible das tres exposicións complementarias e simultáneas na cidade afondamos nas súas técnicas pictóricas e na súa vida, nos seus materiais artísticos e as súas influenza vitais..., e tentamos a reconstrucción da súa librería, dunha fonda importancia no seu pensamento e na súa pintura e que está dispersa. Todo é nel unha ‘kunstliteratur’, que abrangue máis alá das lecturas específicas de arte. 


Así o Teatro de Gabriel Marcel, Ensueños de Herman Hesse, as Obras completas de Baudelaire..., un elenco no que hai obras do seu tempo, caso de La ciudad y los perros (Vargas Llosa) ou Cien años de soledad de García Márquez. Noutra obra deste autor, El otoño del patriarca, debuxa entre as follas, e tamén na de Liam O’Flaherty, El delator, entre outras. 

En El rayo que no cesa, de Miguel Hernández, retrata o poeta represaliado no cárcere de Alacant; e sonlle especialmente fértiles os Cuentos de Pío Baroja, no que hai seis debuxos: 'Errantes', inspíralle unha parella de costas con un neno na paisaxe.



Pero é a relación e trato cos literatos galegos que lle son amigos os que reflicten o seu mundo cotiá: así Valente, José Mª Castroviejo ou Cunqueiro, con que a relación foi intensa. En Si o vello Sinbad volvese ás illas ponlle: ‘Estas historias para Manolo Prego son os relatos dos soños que non hai’. Con Vicente Risco, moito máis que un mestre para íl, Otero Pedrayo e Cuevillas, ou Antón Tovar e José Luis López Cid





E Luís Manteiga, Manolo González del Valle e Fernández Mazas. Para o mestre e poeta Manuel Luís Acuña Sarmiento faille a portada de Fírgoas (Poemas 1930-1931), editada en Santiago pola Editorial Nós, obra que ilustra, capa e interior, na reedición de 1979 na imprenta de La Región.

A editada por La Región en 1979, e a orixinal, do 6.IX.1933.

En ABC, Xaneiro 1959.

Eduardo Blanco Amor dedícalle as Farsas que publicara en Buenos Aires en 1953, cando chega a Vigo cinco anos despois: ‘A Prego de Oliver para que descanse de las cosas serias… con un abrazo de un admirador de verdad y de su amigo en serio’. E nos seus derradeiros lustros Torrente Ballester do que tiña a Saga/Fuga de J.B., e Carlos Casares.

Este manancial aboia na súa arte, para sentirse galego de seu. As súas imaxes plásticas, forman parte da percepción de Galicia desde os anos cincuenta. Este é Prego, un sólido alicerce da Atenas de Galicia, Ourense, cuxa pintura segundo Alvarado é poesía pura.

Que dende hoxe poderemos respirala ao redor do Congreso do Pen Internacional, que na súa 82ª edición, e con Luís González Tosar ao timón, quere construír pontes literarias en Ourense...

viernes, 23 de septiembre de 2016

Pablo Gargallo retrata a Kiki

                                 Pablo Gargallo: Kiki de Montparnasse, 1928.



Ela, unha muller que era máis libre que moitas da súa época, adiantada aos tempos. 

 

Está en Zaragoza, no museo, porque así o quixo a súa filla Pierrete (Petra Mª Francisca Gargallo Tartanson), que a mediados de ano vivía aínda cos seus 94 anos en París...

Gargallo, foto de 1910.

lunes, 19 de septiembre de 2016

A MUSA DA PAZ NO AUDITORIO



Apareceu, non sen sorpresa, a Iª Semana Internacional da Paz, no Auditorio en formato de exposición artística colectiva. Eis o primeiro dos elementos do programa que desenrola en Ourense o Instituto Galego de Estudos Internacionais presidido por Artur Alonso. E comeza no alto, nas abas de Montalegre, para ir baixando cara a cidade, con palestras, ioga termal, poesía e música. Coa frase Mudar as nosas conciencias, mudar as nosas vidas a modo de lema, espalla unha nova maneira de desenrrolar a vida dende a procura da paz interior, asentada en fondos valores éticos dende a amizade e camarería, a paz ambiental e social, en harmonía co medio, e a paz cultural, dende o cerne propio o diálogo e a apertura. Un plantexamento holístico dende os peares do multiculturalismo, o ecoloxismo e a Arte.



No amplo soleado hall do Auditorio, pouco propicio poro exceso/carencia de luz que ten, a pintora Ehlaba Carballo, comisaría a mostra ‘A Musa da Paz’. con esculturas e pinturas de variados formatos, materiais e técnicas, que os artistas levaron, algúns deles na man, como o Prada, polas rúas de Ourense ata a singular sala dos pasos perdidos. Con este espíritu xuntou vintesete artistas, cadanseu con unha obra, agás alguns, aos que se engadiu o Cristo de Manzano, ubicado dende fai anos noutra estanza do edificio -con outra obra de Ignacio Vasallo-, no cuadríptico de man da mostra malia a negativa do vello artista de sumar unha obra específica: un elegante proceder da comisaria e da coordinadora dos espazos museísticos.


O espíritu da xuntanza faise corpo nos títulos dalgunhas das obras, que se asocian xaora ex professo ao tema elixido, como ‘A Paz do espello’, cadro en verde espranza da propia comisaria, ‘Paz encuberta’ obra moi realista de Tono Lorenzo Guisado dunha escena de bazar musulmán, a ‘Arquitectura da paz’ de Xosé Luís Otero, moi suxestiva polos amplos empastes, ocres e terras, con espátula do monte agachan un resol de lume no interior.

Con eles, a de Ruth N. LodeiroLa paz de los ojos velados’, interesante peza escultórica de lixeiras láminas cerámicas onduladas a dúas cores, como as follas de patacas fritidas, corpo anélido regular con dúas de maior tamaño no centro, suxeitas todas por unha corda: símbolo e metáfora dos soños. Na de Irene Silva dúas mulleres enloitadas levan o pesado fardel da Paz entre cordas, e o Pombal-torre de Karballo, unha acaída construcción escultórica con craves dende a metonimia.


Xosé Rivada coa súa Menina...

E ademais Ana Costas, Otero, Sara Bello, Sula Repani, Tatiana Lameiro, Xosé Rivada, aLeXandre, Yolanda Carbajales, Irene Lumbreras, Arantza Pardo, Beatriz Ansede, Loreto Blanco ou Tareixa Taboada e Moxom. Paga a pena velas, e tamén Antonio Souto, Ramón Conde, César Prada e Tony Ferrer, polo que aportan ao abano.

Aínda que para nós, con Lodeiro, é Galobalo de Fernando Barreira, un capón con espolóns nunha columna xónica, e as ‘Palabras precisas para prender un lume’ de Soledad Penalta as pezas sobranceiras. E cando o poder do amor supere o amor ao poder, que dixo Jimmy Hendrix....



lunes, 12 de septiembre de 2016

TAMARA FEIJOO, GOFRANDO O TEMPO


XABIER LIMIA DE GARDÓN.
velaquí o texto en La Región
ARTE ET ALIA


Os mergullos no verán son o verán, porque este é un estado mental: velaquí a esencia da felicidade para tantos no tempo de vacacións. Tamara Feijoo Cid, a xoven artista plástica ourensá, tenta atrapar dende o seu proceder plástico este concepto fuxidío, tan ricaz e por veces obsesivo. Dende pouco antes desta segunda estación do ano, inaugurou na Marisa Marimón Galería de Arte que, co intermezzo de agosto pechada, volta á actividade para contemplar esta exposición chea de calma, dende a reflexiva sensibilidade da autora. Son ‘La imagen fantasma’ a penas unhas obras nas que o devalar dos ‘mundos sutiles / ingrávidos y gentiles’, que Machado apuntara, reflicten unha aposta polo sosego, dende un aquel que ten algo de filosófico e moito de toma de postura vital. Coida coa atención debida os papeis, materiais que nas súas mans semellan paleta de cores, e fai dende as transparencias por superposicións, os volumes. Todo elo, no fondo, coido que expresa moitas cousas de si mesma. Así tamén dende o lapis de grafito, e o gouache, medios técnicos. Cartografía e silencio co papel Fabriano Rosaspina. E, desta volta, láminas de madeira, nas que aplicar esmalte, e o procedemento do gofrado. Consegue así que aparezan os rastros como pisadas de xilófagos, esas pequenas pegadas da vida na escala trófica, que son a penas uns ronseis. Mais as marcas poden ter algo persoal, pois toda cicatriz agacha feridas.


Hai tamén na mostra obras de ‘Geometrías imprecisas’, I, II, e III, de 2016; e varios Nocturnos de 2015, traballos que nos achegan ás súas actividades como ilustradora e deseñadora gráfica. Neste campo destaca a capa de ‘O último día de Terranova’, de Manuel Rivas, publicada por Xerais, Premio da Crítica 2015, agora en castelán en Alfaguara. E a piques de presentarse está ‘Auga a través’, un poemario de Dores Tembrás, na que a capa é un dos seus gofrados do tempo, que comentamos. Deles dixo:‘me centro en los rastros que permanecen, esa persistencia de la imagen en la retina, la huella ilusoria que permanece, es la imagen fantasma”. Eis a lembranza do xa foi, pois malia que nos pese, vivimos sempre no agora, e o tempo non dura máis que cando o inventamos. E así dende esta sensación é como xurde a beleza.

Con anterioridade, na súa traxectoria, e sempre dende o seu debuxo preciosista e detallado, foron ‘Acciones para perdurar un instante’, e sobre todo as ‘Naturalezas invasoras’, ca. 2011-2013, que se exhibiu no Museo de Arte Contemporáneo GasNatural / Fenosa. Mais eran os seres humanos, e as cores nos rostros, frores e ramas coas súas follas, que se comportaban como apéndices deles. Foi un centrarse no protagonismo da natureza, consecuencia directa da beca de creación en Berlín, tempos de esixirse, e probarse, logo da licenciatura na Uvigo / Pontevedra. Dende as cores, os tonos e sombreados acadaba o volume e corporeidade. Era o medrar sen control, o crecemento natural, non sen tempo, de novo. Un outro camiño por facer é o do ‘jardin clos’, tamén chamado ‘hortus conclusus’, o xardín das delicias. Interesaralle?

lunes, 5 de septiembre de 2016

ESCULTURAS NAS CALORES DO VERÁN



XABIER LIMIA DE GARDÓN.
a artigo na web de la Región
ARTE ET ALIA.


No taller, en restauración...
No Agosto Arousán os intensos días de calor e choivas esporádicas axudan a medir o tempo. E tamén as novas de Ourense, que lemos en La Región, arume cotiá dos días. Entre as do campo da plástica artística, aboian as da nobre arte da escultura. Unha delas é ‘Popi’, que está sendo refeita logo da perda do seu rabo-brocha. A rechamante vaca rosa da Praza de Paz Nóvoa, da autoría do pintor mallorquino Leandro Sánchez, cuberta por retais xeométricos de cores e do logotipo da Fundación Cum Laude en destaque, fíxonos lembrar un artigo do gran Vicente Risco no que lle pedía perdón as vacas abstractas, xustificándose en que todo arte é abstracto: como esta vaquiña concreta, inserida no millo urbano das terrazas familiares como mobiliario, contra a que se cargou con aleivosía. Unha vaquiña que é abstracta, malia todo, pois como é coñecido as de verdade ralean nos lameiros.

Así estaba antes da inauguración. Malia o logotivo da Fundación que a dona, en destaque (a primeira escultura-anuncio de Ourense), a maiores engadiuse unha placa con lenda no pavimento. Fixádevos no rabo...
(Fotos Manuel Freire)





Distinto é o caso da peza de Dona da que é autor o Xosé Cid e que foi reintegrada nos pasados días na micro-glorieta a carón do Audiorio. Contra ela batera un coche ao pouco tempo de ser trasladada dende a praciña de Paz Nóvoa, logo do seu arranxo fai uns anos. O pouco apropiado do emprazamento escollido en comparanza co que tiña, onde estivera durante décadas, tan tranquila ela, centralizando o espazo dedicado ao ilustre docente e escritor decimonónico ourensán, amigo de Lamas Carvajal e Curros, ao que defendeu como avogado no seu famoso proceso contra a censura eclesiástica episcopal.


Acisclo


O escultor Acisclo Manzano ben de culminar o seu demorado desexo por anos de chantar a obra homenaxe ao Pan de Cea, logo de estar rematada e gardada, na capital do concello no que vive: alí está, a un lado da praza urbanizada para a ocasión no barrio de San Lourenzo, agora da Saleta pola capela que ocupa a Virxe dende fai cen anos. Polas súas recorrentes formas escultóricas, tan similares a outras obras, e polo idéntico soporte-pedestal do seu Cristo, a 300 metros escasos, revela un esgotamento expresivo; mais tamén podería verse neste exceso de protagonismo un aceno de cariño cara o vello artista, capitalizando o seu recoñecemento dende o seu penúltimo abano plástico. Por outra banda, a vila gaña unha praza máis aínda que, como as outras, a penas humanizada.

Nunha beira da praza. Reparade nas uralitas e os canalóns das casas... (fotos Evaristo Rodríguez).

Mentres, na costa, onde conclúo os días de lecer entre lecturas, vexo medrar o verde millo dende a miña fiestra que xa tapa os baixos das casas. Aquí en Rianxo (A Coruña), síntome como na casa, acompañando á Rianxeira, magnífico monumento do que é o autor Manolo García de Buciños. Convertido no seu moderno símbolo na praza da Ribeira, entre Rosalía e Manuel Antonio, foi estragado no seu pedestal fai uns días. Arranxarao o concello antes das festas setembrinas da Virxe moreniña? Malia o cantado do suceso, xa vaticinado denantes da súa inauguración, como a da Praza Paz Nóvoa, as esculturas son para as prazas. Elas son destes espazos, nos que vive a xente.

jueves, 1 de septiembre de 2016

ALCOBAÇA 1

                                  Patrimonio de la Humanidad por la UNESCO en 1989


La fachada conserva sólamente original la portada medieval de arcos ojivales. En los cuerpos laterales, las estatuas de São Bento y de São Bernardo. Hay en el segundo cuerpo un rosetón de progenie gótica y arcos de medio punto con gabletes y pináculo en las laterales que le dan un aire medieval a una pesada fachada de estilo Barroco. El frontispicio 
 y las torres son del s. XVIII. 
Foto Brúno Januario

En el año 1178 da comienzo, aproximadamente, la construcción del monasterio. Se sigue el modelo de la Abadía Madre de Clairvaux (una de las cuatro primeras casas salidas de Cîteaux/ Císter), en Francia.

Destacamos en la grandiosa nave central, de claves muy altas, para un edificio de espiritualidad.

En el centro de cada brazo del transepto están los sepulcros de D. Pedro I (1357-67) y de D. Inês,  uno frente al otro..., que pensaban que así se reencontrarían el día de la Resurrección.









Entre las estancias medievales destacan el Refectorio, el Dormitorio y la Sala Capitular, así como la Cocina y la Sala de los Reyes. Y ante todo, el Claustro de D. Dinis. En el próximo post, más.

Praça 25 de Abril num dia de inverno