Mostrando entradas con la etiqueta Concello de San Cristovo de Cea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concello de San Cristovo de Cea. Mostrar todas las entradas

domingo, 18 de marzo de 2018

O río Oseira e o campo de Casledo

Dende a porta da Abadía de Oseira, o camiño bifúrcase a leste e oeste. É naquela dirección no que descende polo lugar, no que viviron durante séculos os serventes dos dos monxes. Hai que cruzar o pequeno río se se quere ir cara a Vila de Cea, pois a rota vai paralela á grande cerca en dirección á Ventela e Piel (a) es.


Do outro lado do río, baixo o lugar está o Campo do Casledo, entre carballos. Hai un pasal con poldras, antes do muiño, e agora o cauce remánsase para o baño.


Un palco octogonal con luz eléctrica e soto está no medio da pradera. 


Campo parroquial do Casledo. Concello de Cea, Oseira. 1992



Nas inmediacións del, á beira do camiño, hai un magnífico cruceiro de fins do século XVI, época do estilo renacentista manierista. É un dos máis antigos datados do Bispado e Provincia.  


domingo, 25 de septiembre de 2011

BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL (V)

CULTURA E MÚSICA DE SAN CRISTOVO DE CEA

No eido cultural hai dos polos principais: por unha banda está a Abadía de Oseira, con importante biblioteca dividida en varias estancias do mosteiro, de miles de volumes, e un arquivo, de temática relixiosa e monástica, principalmente. Teñen o que chaman un 'museo de pedra' por baixo do antigo refectorio, recentemente se ten inaugurado noutra estanza a carón del a recreación da botica. Mais carecen tanto de metodoloxía como de material didáctico. Ten axudado a estas novas o seu a concesión do importante premio “Europa Nostra” en 1989 -entregado pola Raíña Dona Sofía de Grecia-, que expresa o feito por eles co apoio das autoridades na intensa laboura reconstrutiva dende fins da década dos anos sesenta dese século; premio ó que se engade a 'medalla de ouro da provincia', concedida pola Deputación, unha das institucións colaboradoras. 
Ad portas do espazo monástico, no antigo edificio da hospedaría de peregrinos, está o 'Museo Olimpio Liste', inaugurado en 1972, especializado en etnografía popular (dende 1998 ten unha sección en Vigo independente). No primeiro andar, sala de reunións, biblioteca e uns cuartos museificados para lembrar a presenza do derradeiro monxe exclaustrado que viviu nela facendo as veces de párroco e boticario. 

Dous monxes destacan pola súa actividade cultural: frei Mª Damián Yáñez, no campo de historia, e frei José Luís Santos, no espiritual. O escritor Graham Greene visitou a súa hospedaría en diversas ocasión, incluíndoa na trama da  súa obra “Monseñor Don Quixote”, que se levou ó cine, para o que se filmou no mosteiro.  E no campo da plástica, o H. Luís María, quen ten feito exposicións de pintura, repuxado, e debuxos.
H. Luís Mª diante de obras dunha exposición de 2010

No outro polo está a vila de Cea. Hai un novo edificio Multiusos, con biblioteca municipal, e salas para exposicións temporais. Na vila hai apenas un pequeno museo etnográfico nun dos vellos fornos de cocelo pan. A Agrupación cultural Choutizo, foi un referente desde os anos oitenta, colaborando con outras do occidente da provincia na edición da revista “Bisbarra”desde 1984. Nela teñen escrito artigos intelectuais e escritores da terra como Ángel Sevillano, escritor e periodista; Xosé Paz profesor pedagogo; o Dr. en arte Xabier Limia Gardón, profesor e escritor; e tamén o profesor Ramón Caride Ogando, un dos autores máis premiados nos concursos literarios de Galiza. Nas artes, digamos que aquí teñen casa os artistas Acisclo Manzano Freire (Viduedo) e, dende fai poucos anos, Felipe Iglesias, que casou aquí. Mencionemos tamén a Asún Adá, da familia dos Grelas, pintora e fotógrafa, que tivo aquí estudo.
Acisclo entrou no antigo refectorio de Oseira na Real Academia de Belas Artes Nª Sª do Rosario ( I.2008) 
A música ten dende fai décadas sona en Cea, pois fundouse a Banda en 1916. Desapareceu no derradeiro cuarto do pasado século, para integrarse na da vila de O Carballiño. Nos lustros pasados destaquemos a presenza do grupo tradicional de gaitas dos García de A Grela (=agrela, por mellor denominación, en realidade). 
Máis é a Banda de Gaitas a que ten tomado o relevo daquela das primeiras décadas do século, trala súa fundación en 1988, pois é a máis laureada de Galicia, como o reflicte o seu impresionante palmarés: ben de gañar este año en curso a liga galega por sexta vez, e ten acumulados ademais cinco títulos no campionato nacional, con moitos subcampionatos. Teñen gravado un disco. E ademáis están as Pandereteiras de Cea.
Ventresca con pimientos confitados sobre Pan de Cea
Xa seguiremos noutra xeira. Ata daquela, pois, bo proveito (con pandecea) !

lunes, 19 de septiembre de 2011

BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL (IV)


Podemos facer outro itinerario no noso concello de nacemento. Vamos en dirección ó suroeste, e para elo nos diriximos á estrada que vai á vila de Carballiño. Este debe ser para nós singular entre todos por achegarse ante todo ata os lugares que con Cea conforman a parroquia, no entorno co cruce de Santioago / Ourense e Carballiño / Ribadavia. Aquí, nestas terras baixas, se concentraban os muíños, fundamentais ata fai poucasdécadas para a produción do pantrigo nos fornos da vila. 
Logo, continuamos para San Facundo de Cea, e E ademais os conxuntos artísticos de San Facundo, dunha parte, e os de Lamas e Longos, parroquias que foron un antigo priorado de Oseira.


No lugar da igrexa está a parroquial, que leva a advocación de San Cristovo, santo propio dos lugares de paso, de camiño. Foi sempre propiedade directa do Bispado, o que explica a súa ubicación afastada da vila, que era control directo da abadía cistrciense de Oseira. A súa orixe é na época medieval, quedando daquela unhas poucas testemuñas no aleiro do N, inseridas na nave única que ten esta fábrica arquitectónica. Esta é relativamente recente, do século XVIII.
No seu interior hai tres interesantes retablos: o do presbiterio é de estilo Barroco, e tamén o da capela do Rosario -a única da igrexa-, sendo o da Virxe das Dores na nave posterior. O cemiterio estaba no adro, quedando algunha tumba aínda, máis levouse fai décadas para o N. No seu espazo central, a carón dunha palmeira -impropia árbore exótica nun camposanto-, están unhas monumentais esculturas dos catro Evanxelistasobra sobranceira do mestre Antón Faílde de mediados do pasado século. Presiden os panteóns das familias de facenda, que llas encargaron na época de Franco. Nun sobranceiro panteón de pisos está a tumba do escritor Ángel Sevillano García (+ 1989), e a ras de terra, a do pintor Julio Tizón Diz (+1999), sordomudo xenial. Ámbolos dous lle dedicaron a Cea e á súa terra libros e pinturas de interese. Nos lugares de A Lama e Fondo de Cea hai casas con interesantes galerías, algún que outro cruceiros e restos arqueolóxicos de interese, non só da Prehistoria senon máis recentes.



Trala curva do pombal, onde hai tamén algún muíño, está San Facundo, importante lugar con notable igrexa románica (fachada e nave) datada en 1177. A portada principal presenta dúas arquivoltas e decoración de taqueado xaqués, coa inscrición fundacional no tímpano. Os canciños do texaroz e dos aleiros son variaos e de interese. A estreita porta sur sobre poderosas impostas ten unha curiosa pedra que ademais de facer de tímpano se prolonga ata os salmeres formando unha soa peza desde a que se dispoñen as dovelas do arco de medio punto de descarga. 
Sobranceiro peto e aira de cabaceiros de S.Facundo
Cara o sur dela está o núcleo habitado, con un conxunto sobranceiro de cabaceiros e unha eira; e nos camiños, un bo peto das ánimas, do século XVIII. No colateral monte hai un castro cristianizado, onde a tradición sitúa o martirio dos santos Facundo e Primitivo. 

En Ariz hai un cruceiro e eira con hórreos.
A fonte foi feita pola concesionaria da autovía en 2010
Nunha cota inferior, cara o N, discorre, paralela á estrada en moitos tramos, o antigo e histórico camiño que desde a Abadía de Oseira pasaba por Cea e comunicaba coas outras posesións súas en Arcos, o Carballiño, e Señorín e Partovia, xa en dirección ó Ribeiro. No Marañao está a ponte medieval reconstruída na idade moderna, a carón da ermida de San Bieito, con importante romaría a comezos do verán. O escudo daquel mosteiro na fachada é a marca da súa posesión.

Nas inmediacións,  está San Martiño de LamasA súa igrexa é de 1729, con heráldica cisterciense no exterior (de Oseira e da Congregación de Castela). No retablo destaca a estatua gótica do patrón e no exterior, no estremo da explanada, hai un cruceiro con mesa ou pousadoiro. 

Algo máis lonxe está a parroquia de Santa Olalla de Longos, o centro do antigo Priorado do mosteiro de Oseira, polo que é aquí onde está a casa dos monxes, xa moi desfeita por debaixo da igrexa, pechada por outa tapia, obra do século XVIII. A igrexa é da mesma centuria, levantada en 1798, con fachada barroca na que loce o escudo monástico. No interior ten retablo de estilo rococó.
Por trás hai un interesante pombal cadrado, e do outro lado do camiño unha eira con hórreos.
[continuará]

COPYRIGHT: XABIER LIMIA DE GARDÓN. Pódese citar citando o nome do autor e o lugar onde se publica.

lunes, 5 de septiembre de 2011

BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL (III)

CARA O NORDESTE
2.- Pola estrada cara o Nordeste está o lugar de A Grela, corrupción toponímica recente por Agrela (agro pequeno). No seu núcleo hai un conxunto etnográfico de interese, do que destacamos a fonte santa con lavadoiro, eira e diversos hórreos, un deles datado en 1860. No vello camiño entre Cea e Agrela, que vai por as Lamelas, hai varias mámoas, campo de enterramento da etapa do Megalítico, na Idade dos Metais, que se extende ata a parte norte da vila capitalina municipal a ámbolos lados do camiño do Coto cara Cotelas. Nesta chaira cara Covas, onde está a fonte de Salgueirós, e zonas próximas, hai en diversas rochas marcas de límite de parroquias, que son antigas referencias xurisdiccionais. A seguir do lugar de Agrela está Covas onde, antes de entrar no núcleo, está nun outeiro de perfil castrexo a hoxe igrexa parroquial (pois foi ermida mariana). Alí hai restos dun vello castelo na Baixa Idade Media, destruído na Guerra Irmandiña. 
O edificio relixioso, dedicado a Nosa Señora na advocación da Asunción, é unha das parroquias más recentes dos arciprestádego trala separación da de Cea, e presenta unha sobranceira torre sobre fachada barroca, das mellores da contorna, do século XVIII, obras realizadas polos mestres Pedro de Rivas e Pedro Vidal. A estatua de Santiago da fe da relación co camiño cara Compostela. Nas inmediacións, en cruce de camiños, hai un salientable peto das ánimas coa imaxe tallada da Virxe na fornacina, datado os primeiros anos do reinado de Isabel II, na etapa histórica da Rexencia da súa nai Dª María Cristina, na primeira metade do século XIX, pois foi o ano de 1836.
En Mosteirón hai unha eira con cabaceiros de interese. Nas inmediacións, está a serra de a Martiñá, que preside as terras de Cea, desde os seus 1.039 metros. Omnipresente nos perfís do norte, e visible desde as de Amoeiro, monte lembrado por D. Ramón Otero Pedrayo desde Trasalba nalgún poema. Hai s restos dun castro. Nalgunha das grandes rochas do monte pódese acubillar un, cómo sen dúbida fixeron os pastores nalgunha noite.Nestas altas terras pasta ceibe o gando vacún dos veciños. Desde aquí divísase o mosteiro de Oseira, no cabeceira do seu estreito val.

É San Pedro de Vales unha parroquia montesía. Nela a igrexa está circundada por un adro de pedra. No interior hai un Cristo tallado fai poucos anos polo escultor Manzano, moi tosco.No lugar de Monteagudo unha casa está datada no ano de 1801; e Cazurraque, o cabaceiro do Lampiño é de 1851.

O terceiro itinerario, en dirección Surleste:


O lugar de Viduedo, á beira da estrada nacional, ten un singular conxunto etnográfico composto por eira e hórreo con pombal do século XVIII. En lugar central está a capela de San Pantaleón, e o Peto de Ánimas co relevo de San Antonio de Padua e o Neno Xesús, e interesante casa con amplo balcón corrido, casa-taller do escultor Acisclo Manzano Freire. En Faramontaos, con casas asentadas sobre rochas, está a antiga capela do Priorado da Abadía cisterciense de Oseira, con escudo do século dezaoito do mosteiro, e a impoñente cheminea da casa dos monxes. O lugar pertence á parroquia de San Román de Viña, con igrexa do século XVIII en vistoso adro con escudo de Oseira na fachada, que conserva restos románicos. Por tras hai un cruceiro e calvario de certo interese artístico (aínda que é superior o do retablo barroco).
          


O cuarto itinerario é cara o sur.
Na parroquia de Vilaseco está o sobranceiro Pazo da Pousa, antigamente da Casa de Bouzas e da Marquesa da Atalaia Bermeja (casada con Isidoro de Temes, e donos de importante facenda na cidade de Ourense). De notables dimensións, ten na fachada motivos heráldicos. Posúe capela e pombal cilíndrico na finca. É propiedade da Escudería Ourense. Xunto á estrada hai un cruceiro, preto da igrexa parroquial de San Miguel, obra dos séculos XVIII e XIX. No extremo sur do concello a parroquia de Mandrás, onde a súa igrexa de San Pedro é de estilo Románico, con interesante tímpano historiado. A casa rectoral, e Casa do Prado, con chemineas de cantería, teñen interese. En Pulledo, á beira do camiño, peto de Ánimas con Cristo en relevo na fornacina. No límite está a Ponte Mandrás, con ponte medieval dun arco no Camiño Real de Ourense, sobre o río Barbantiño. Ten inscrición a penas lexible no pretil, e marcas de cantería. Hai unha fonte de auga clara e casas de interese. A máis salientable está á saída fronte a unha área bio-saludable (sic) recente. 
En Fatón hai un peculiar hórreo que ten no piar central un Peto de Ánimas, caso extraordinario na provincia. A parroquial de Souto, de advocación de San Salvador é obra de estilo Románico. En Peago está a casa pacega con hórreo do Conde de San Román. E Zarza, onde hai un hórreo que pertence á casa do Escribano, o máis grandes do Concello, que ten sete claros.


A igrexa da parroquia de Pereda ten restos da época medieval, do Románico. A carón, polo oeste, está casa rectoral, con adro murado, que foi de Oseira, obra do século XVIII. Hai tamén un peto de ánimas antigo con relevo feito hai poucos anos por o escultor Manzano.
Finalmente a parroquia de Castrelo, pola estrada de Maside, perto da vila de Cea, con capela parroquial de San Cipriano. Na estrada un sobranceiro peto das ánimas do século XVIII. No lugar da Torre, hai unha aira con un interesante hórreo do século das lumieiras, datado en 1788. Nas inmediacións hai unha casa de notables dimensións e boa cantería con un reloxo de sol, coa data de 1824, época do rei Borbón D. Fernando VII.


(continuará)


COPYRIGHT: XABIER LIMIA DE GARDÓN. Pódese citar citando o nome do autor e o lugar onde se publica.



viernes, 2 de septiembre de 2011

BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL (II)

Chega o mes da Saleta, as festas maiores de Cea, no comezo da nova estación de Outono. É bó tempo setembro para retomarmos a nosa guía (breve) do máis salientable do Concello nos eidos histórico e artístico, que iniciamos cando esta bitácora daba os seus primeiros vaxidos. Como dixemos daquela o Patronato de Turismo estaba a publicala na súa web sen citar a fonte e a autoría da mesma: unha publicación pagada pola Consellería da Xunta de Galicia en edic. bilingüe (sendo alcalde Presas e de secretario o galegolusista Henrique). Logo démola a publicar na web municipal mais foi desfeita na nova versión polo web master sen mediar consulta.
Desta volta imos continuar a súa publicación aggiornándoa, e con menos lapso temporal.  


Continuamos este percorrido básico polas terras do Concello, pasando agora a facer uns itinerarios polo mesmo fixándonos no máis salientable da arte e monumentos. Para elo o dividiremos en cinco.

Primeiro itinerario:
Ante todo Cea, vila e capital do municipio, centro comercial e de servizos. Grupo escolar, Centro de ensino secundario, Centro de saúde, Complexo deportivo, e instalacións deportivas para o fútbol no campo de "O Lodairo" e no Pavillón, que co a piscina completa a oferta. Importantes casas, como a dos Guerra -ou a do Pesador, do século XIX, recentemente desaparecida na praza maior-, con chemineas de cantería e artísticos canzorros, a torre campanil -fonte (1926-1928), obra do arquitecto Manuel Conde Fidalgo; o santuario neogótico da Saleta (inaugurado en 1908), con importante romaría en setembro; a fonte monumental de 1867, feita noutrora para a praza maior, os fornos de "A Cebola", "Do Abade", "Da Eira", entre outros, base da 'poia', o escuro pan de Cea de singular forma, amasado tradicionalmente por panadeiras, nun paseo pola vila que debe levar ata o forno da “Parapeta” (ruína ata fai uns anos) e o “Do Lodairo”, reconvertido en apresurado museo etnográfico do pan. O "Da Capela", que recibe o nome pola do Santo Cristo desapareceu co progreso (!) fai uns anos -ó igual esta, aínda que logo dunha explosión na sancristía, e unha controvertida actuación...-, era un dos poucos documentados dende finais do século XVIII. Agora hai unha controvertida praza urbana de pavimento de cores lateríticas e unha estatua que semella un Cristo (Acisclo Manzano, bronce) sobre un pedestal con unha fenda interna.
                                              
Segundo itinerario B (cara ao norte do concello):

1.- pola estrada de Oseira que atravesa terras do Concello de Piñor, a ermida de A Ventela, que foi da Abadía de Oseira, con retablo do século XVIII e unha pétrea imaxe gótica da Virxe. Desde aquí parte o vello camiño que bordea o muro do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, no que hai un cruceiro, e chega ata o lugar de Casledo, onde se pasa a carón doutro vello cruceiro, sobranceira obra documentada na segunda metade do século XVI. Atravesando a ponte chegamos ó lugar, desde o que se entra no monumento por excelencia do concello. Á esquerda do arco de entrada está o Museo Etnográfico Liste, un dos mellores de Galiza, hoxe en proceso de deslocación cara Vigo e Pontevedra. Oseira é monumento nacional, que se inicia na segunda metade do século XII, con igrexa concluída a finais do primeiro terzo do seguinte, obra románico- gótica de peregrinación, con cúpula do monxe Ferrán Martínez (1282). A sancristía, o vello Capítulo baixo (das Palmeiras", a escaleira dos Bispos, e o patio dos Pináculos son obras dos séculos XV-XVI (do Renacemento), mentres que as fachadas da igrexa (1636-1650, de Miguel Arias) e do mosteiro (XVIII, Francisco de Castro Canseco e Fr. Plácido Iglesias), os patios dos Cabaleiros e Medallóns, e a gran Escaleira de Honra, intermedia a ambos, coa impresionante biblioteca, son todas xa de estilo Barroco. O antigo arquivo baixo, o locutorio, o museo e o refectorio alto –este obra refeita: capiteis e un arco orixinais, o resto engadido polo mestre de obras do mosteiro frei - merecen visitarse. Na igrexa hai retablos do século XVIII con tallas escultóricas de Mateo de Prado (XVII), no deambulatorio, e José Gambino (XVIII), no cruceiro. O conxunto das pinturas murais de bóvedas e paredes son obra de José Maceira (XVIII), o de maior extensión do estilo Barroco en Galiza. As da cúpula con santos da Orde son anteriores. Na praza do Mosteiro, está o antigo seminario para o ensino dos vasallos, obra do século XVIII, e no lugar o antigo Hospicio, a Botica e as casas que foron do médico e do boticario do mosteiro. Na portería hai libros, licores, queixos, e artigos relixiosos para axuda económica da comunidade e satisfacer o turismo que ata aquí se achega, o segundo punto en importancia de toda a provincia, logo da capital provincial. Hai hospedaría mixta con fins relixiosos. Actualmente volve a ter Abade, superando unha situación provisoria de Administración, monxe castelán que se incardinou no mosteiro facéndose cura aquí logo da súa chegada dende a Abadía nai de Venta de Baños (Palencia). É sé do Grupo 'Francisco de Moure' para o estudo, protección e divulgación da Arte de Ourense, onde ten unha reunión anual. 

[continuará]

martes, 12 de enero de 2010

Breve Guía Turística municipal (I)

PRIMEIRA ENTREGA

O municipio de San Cristovo de Cea está no noroeste da provincia de Ourense, no seu extremo, e limita coa de Pontevedra no municipio de Rodeiro e co de Carballedo, este da provincia de Lugo. O resto do circundo son: polo leste o de Vilamarín; os de Amoeiro e Maside polo Sur, e finalmente polo polo sudoeste o de Carballiño, sendo o veciño do Oeste o de Piñor e, todos eles na mesma provincia que o noso, que ten por capital a vila de Cea. Unha das súas peculiaridades e ter unha parroquia, a de Vilariñofrío no territorio de Piñor, limitando xa co de Dozón (Pontevedra). Con unha superficie de 94,4 quilómetros cadrados, a poboación censada en 2004 era de 2.994 habitantes (en 1981 éramos 5.358, segundo o INE e o IGE), que están distribuídos en 83 entidades, con 13 parroquias, das cales pódense destacar as da capital do concello, e a e Santa María A Real de Oseira.

A capital municipal é Cea que conta cunha poboación próxima aos 1.000 habitantes, constituíndo un punto estratéxico en canto a comunicacións xa que dista 22 Km. da capital provincial e 9 Km. do Carballiño que é a cabeceira da comarca. A N-525 é a arteria que comunica a capital galega, Santiago de Compostela, co sur de Galicia, atravesando o municipio. A nova autoestrada AP-53 Santiago - Ourense, ten acceso nas inmediacións de San Facundo.
Ten dúas zonas ben diferenciadas, a do Norte que ocupa os dous terzos do territorio, asucada polas abas da dorsal central galega, que une as serras de A Martiñá (1.039 m.) e A Madanela, que se acha en dirección nordeste- sudoeste. A zona do Sur é unha penichaira que descende de xeito suave cara a os Chaos de Amoeiro. No medio, Cea, con unha altitude na vila de 520 m.

En canto ao clima pódese dicir que é oceánico de montaña e abundante pluviosidade, ao redor dos 2.000 / 2.500 mm. de precipitación anual, que orixinan unha nutrida rede hidrográfica, subsidiaria da conca do Miño pola súa marxe dereita no curso comprendido entre Os Peares e O Ribeiro: o Oseira, o Silvaboa, o Búbal, o Barbantiño, son algúns dos pequenos ríos.
A economía ten sido fundamentalmente agrícola e gandeira, sendo a propiedade de tipo minifundista. Hai feiras na vila os días 6 e 22 de cada mes. A industria característica é a do pan artesanal en fornos comunais ata fai poucos lustros, que teñen evolucionado cara o réxime individual. É sen dúbida a actividade que lle da fama en toda a provincia, e en toda a Comunidade Autónoma Galega, que ten xerado unha festa de exaltación gastronómica e un movemento de asociacionismo en relación coa consecución de producto de “Indicación Xeográfica Protexida” pola Xunta de Galiza para os fornos acollidos. No termo hai unha fábrica de gaseosas, algún que outro serradoiro (a superficie arborada é superior á media provincial) e varias granxas avícolas e porcinas.

ASPECTOS HISTÓRICOS

Da época prehistórica hai vestixios de mámoas nas terras de Cea (Os Aguaceiros) e Mosteirón, A Grela e Covas, mais tamén por Ardesende, Bustelo, ou en Castrelo. Os materiais achados nos Castros de A Martiñá, Covas, San Facundo e O Piñeiro en Faramontaos de Viña dan probas da presenza humana anterior ao Imperio Romano. Neste contexto hai que mencionar a singular cabeza achada en Anllo, hoxe no Museo Arqueolóxico Provincial, ao igual que parte dos outros restos mencionados. A súa presenza confirma a súa relación cosn chamados guerreiros castrexos galaico -portugueses, cómo os de Arméa (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz), ou o de Xinzo de Limia.

Os tempos históricos comezan polo Imperio Romano, sendo algo máis que unha hipótese a existencia dunha Vía Romana que pasando por Tamallancos (Vilamarín) atravesase polo concello. Consérvase unha ara en Souto Mandrás, aínda que quizais nos estea a introducir xa na Idade Media, época na que se conserva naquel lugar un sarcófago dos chamados de “estola”, sistema común da Monarquía visigótica.
Este amplo período histórico que vai , grosso modo, desde o século V ata o XV, e no que se define a vila, e a bisbarra pola fundación en Oseira dun mosteiro da Orde do Císter dedicado a Santa María. Desde a segunda metade do século XII polarizará a vida desta zona da provincia ata o Miño -ademais do das terras próximas das provincias de Lugo e Pontevedra- ata o fin da Idade Moderna. A meirande parte das terras do Concello eran súas. Polo grandiosidade do edificio xa se lle daba no século XVII sobrenome de "O Escorial Galego".

Ademais, convén sinalar que en Santa María de Covas sitúan diversos autores a existencia dun Castelo que foi derrubado no curso da Grande Guerra Irmandiña de 1467. Neste século constatamos documentalmente a tradizón do martirio dos santos Facundo e Primitivo, na parroquia de Cea que leva o nome de San Facundo, o que se disputa coa vila de Sahagún en León. Na catedral de Ourense, dáselles culto aos seus restos preto da capela maior, nuns sartegos medievais. O “Martirologio romano”, importante libro de 1583, asegura que foron martirizados nas beiras do río Cea, en Galiza, punto este no que convén concretar aínda máis noutra ocasión.

A exclaustración forzosa dos monxes en 1835 e o seu regreso en 1929 marcan dous dos fitos máis salientables de historia recente do Concello, sendo utilizado o edificio do mosteiro cómo cárcere política nos anos da guerra civil e, nos posteriores, serviu de reformatorio provincial de menores. Na década dos anos sesenta o mosteiro estivo a piques de quedar de novo deserto máis daquela mudouse o plan primixenio pasando a depender de San Isidro de Dueñas (Venta de Baños, Palencia)