domingo, 6 de octubre de 2013

García Rivas: paisaxes vividas

Vividas, ergo reinterpretadas.

Mais son os seus sentimentos os que falan dende os pinceis, nun impromtu artístico que, dende a súa esencia pianística, ten moito de musical por canto o proceso evoca a improvisación dende a inspiración, recurso da época romántica. A súa actitude parte do concreto -xardín, árbore, treboada-, lugar ante o que se sitúa, para abrirse ó misterio. A Costa da Morte, o paseo marítimo coruñés, uns montes dos Picos de Europa ou a Serra salmantina..., a resposta é o estado de graza que amosan moitas das súas acuarelas, e algún dos acrílicos. Son suxestións, entre lusco e fusco, da súa psique, ás veces unha Fantassía, outras un Capricchio, eis o que ten a imaxinación.


O silencio para pintar, a atención para absorber, da que xurde dende a memoria unha abstracción formal, en papel, lenzo ou táboa. Postos a xustificar, a senda do impresionismo axuda, e tamén o xaponesismo, que xa influía daquela, no derradeiro tramo do século XIX, nas vangardas parisinas. Malia todo, non paga a pena, xa que é memoria vivida, con emoción, dende a pintura pintura. 

Portada tríptico exposición acortado (vide infra) do orixinal
Paisaxe con ramas de árbores, acuarela s/papel.
Fai anos o tudense-ourensán Xosé Luis de Dios sinalaba que pretendía captar ‘a levidade das formas, sutileza de ritmos que reclaman a complicidade do espectador’; vendo Luis Cochón unha ‘pintura do fulgor’. A súa proposta non está por elo na pintura calada, do leste de Asia, mencionada con simpleza ás veces, espíritu que se achega dalgún xeito sutil, segundo os connaisseurs, pola relación íntima co silandeiro e o baleiro. Aquí semella unha acción, ou expresión dun sentir: máis que pintar a alma das cousas é a súa a que fala. Esta é, por outro lado, distinta da que lle mercou a Caixa de Aforros ‘Paisaxe para Alicia’ (1993), tan oposta por monocorde á do ‘Paseo de Alicia’ (tríptico) que trae ata nós. O paso é un salto, amplo cambio que remove a percepción da cor.

Gª Rivas coa súa dona o día da inaugación. Debaixo, pormenor dunha vitrina que contén recordos familiares.

O artista é hoxe docente en Carballo -e antes, bastantes anos, en Tui-, e dende as súas primeiras exposicións en Vigo a finais dos anos setenta, o ten feito en Santiago, Lalín, Tui, na Visol, é últimamente en Vilagarcía. Ata nós chega con algunha obra nova, e o respaldo de vellos amigos vigueses, escritores, como Mª Xosé Queizán (Vigo, 1939), XºMª Álvarez Cácamo (Vigo, 1950), e Gª Teijeiro (Vigo, 1952), presente a través das palabras que leu a súa dona. Dil precisamente tomamos algunhas das ilustracións que conforman este post.

Xardín en Irís, acuarela s/ papel, datado inf. der.
Licenciado en Bellas Artes en Barcelona, é natural das montuosas terras de Deza, onde naceu contra o ano 1947 en Agolada.


A exposición coa que chega Xulio García Rivas, ó Centro Cultural de sentidas pinceladas, está na sala do fondo do hall. E tivo que chegar para medrar o espazo que adoita utilizar, estendéndose por aquel, ata triplicarse, cara o solpor... Abarca así, desta volta, o balcón superior, en paralelo á parede perimetral do edificio abranguendo o espazo case ata cinguilo. Recupérase deste xeito a memoria dun espazo dende esta mostra plástica, que quere ser “Memoria da paisaxe”, segundo o artista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario