miércoles, 7 de octubre de 2015

Pereira nace para a arte despois de morto


Son os camiños que amosa de terra e auga, sendas polas que andar, espazos nos que moverse no devalar das horas calmas, co sol, seguindo a luz. Desprazarse paseniño, á descuberta atenta das cores das follas das árbores, movidas polo ar, coa poeira nos pes, un mundo sen homes, o seu, e tamén sen frores ou paxaros ou casas. Os camiños do mar, de area e auga, ríos segredos que se abren cando suben as mareas.

Camiño de auga na parede, e barril, imaxe-símbolo que lle lembraba ao seu fillo...

Canles segredas que son, cara o interior, verdadeiros camiños de prata, augas que flúen entre a herba e as árbores, sen xente, casas ou paxaros. Formas na luz, son fragmentos de mundos soñados por un home, Castor Díaz, o Pereira, ao que dicían o ‘Cotrozo’. Os fillos, e amigos, quixeron que pasara a ter carta de natureza como artista a súa pintura segreda, privada, coa mostra pública das súas pinturas, óleos en papel ou tea, obras intimistas que fixera para si, con espátula e técnica impresionista dende a formación con Santiago Montes Areas, artista autodidacta vigués dunha certa sona.


Detalle da obra que poñemos en pequena escala
Nacido en 1956, tivo coa súa parella obrigas familiares dende moi cedo, o que non impediu que chegara nos inicios a ser mestre, para traballar logo na Caixa de Aforros, morrendo fai un par de anos. As obras expostas na sala pequena do Centro Cultural da Deputación Provincial se acompañan dun gran catálogo ao coidado de Duen De Bux, que contén outras obras, con casas e escaleiras, motivos plásticos para compoñer, volumes entre o ar e o ceo, mundo salferido de beleza e saudade, como a de Díaz Castro, nestas datas no XXV cabodano. 

A obra e un detalle para mellor apreciar a pincelada.





Na súa obra revela a débeda do seu mestre Santiago Montes, que lle transmitiu a preocupación pola composición, o equilibrio formal e tonal, e o manexo das perspectivas cromáticas, proceder que tamén aparece en Xosé García, chamado ‘Albeos’ pola aldea de Crecente (Pontevedra),   médico xinecólogo en Vigo, e tamén alumno seu.





Hai, entre nós, unha mestra da espátula, Carmucha Vázquez Prats. A artista ourensá ben de amosalas fai pouco nas terras do Parque Natural Transfronteirizo do Gerês-Xurés, recente Reserva da Biosfera Transfronteriza, na fermosa vila en Entrimo.

Esta obra non foi na exposición. Tomei a foto no 'Cotrozo', vinoteca do barrio ourensán de O Couto que leva o seu fillo.

Detalle da obra anterior


No hay comentarios:

Publicar un comentario