martes, 21 de octubre de 2014

Antón Pulido, Premio das Artes 2014


                           (artigo en La Región, portada da web, onte día 20, luns)

                            ARTE ET ALIA. XABIER LIMIA DE GARDÓN
                      Antón Pulido, galardón e recoñecemento

Ben de acadar Antón Pulido o Premio das Artes Plásticas de Galicia 2014. Un xurado variado en saberes e idades, plurixeracional en coñecementos e facianas do variado campo plástico do noso tempo, tivo a ben concederllo, entre os diversos artistas presentados desta volta. A Fundación Premios da Crítica de Galicia, que os concede dende o ano 1978, reuniu no Hotel Os Escudos de Vigo, onde foi a gala, ademais á creación literaria, investigación, iniciativas culturais, artes escénicas e audiovisuais, música e mais o de cultura gastronómica, por primeira vez. Este foi para o ourensán Grupo Cuevas e o seu ‘Marrón glacé’, pola posta en valor da castaña, produto popular desprestixiado noutrora que, logo de ser confitada, acada a excelencia. Unha traxectoria empresarial de máis de cen anos hai detrás, a valía do capital humano familiar. Foi tamén a primeira vez que un Presidente da Xunta se fixo presente, e acompañado do seu Conselleiro de Cultura e Educación, entre outros invitados relevantes, fixeron que o acto, no decurso dun xantar, acadase en verdade a categoría de evento.


PREMIO PARA PULIDO

Unha exposición, Kermesse, no sexto edificio do Museo de Pontevedra, foi a base. Iniciada a fins de 2013, rematou a comezos de ano; mais logo, o artista ourensán levouna ó Museo de Lugo, dende maio a xullo, transformándoa para destacar as súas últimas achegas plásticas. Esta grande mostra contiña moito máis que unhas obras recentes de grandes formatos, pois para el o tema kermesse viña aboiando dende os anos noventa. Daquela era a idea de festa do pobo, un tempo de ledicia, e sempre con música, arredor do viño e da comida: eis a expresión festiva dunha cultura, a nosa. Coa xubilación, o que era unha liña, ou tema, fíxose filosofía de vida, cosmovisión na que pintura e vida son indisociábeis (Carlos L. Bernárdez); un cambio metabólico de transcendente visión, que o transforma todo no novo século. E tamén a técnica, do óleo ó acrílico. E coa polisemia do termo kermesse, Pulido viaxou a Taiwan, Beijing, Shangai e Seúl desde 2007. Música e poesía do mundo (M. Ferrín).


O vitalista artista segue a camiñar, e nestes días está na carteleira do Centro Cultural de Afundación en Vigo, con unha exposición que se insire na serie ‘Grandes artistas galegos’, unha Antolóxica anticipada por incompleta da súa traxectoria. Ela permite ás novas xeracións, e os amantes da arte, máis alá do seu magnetismo persoal, decatarse do peso da pegada para Galicia deste pintor de vocación que se inicia, dende a aprendizaxe con Prego de Oliver, con obras que emanan do rural, montuoso e agropecuario do interior de Galicia, verbo de Casaio, onde comezou a súa carreira docente, e do seu entorno familiar de Bóveda de Amoeiro, nos anos setenta, que reflectía xa o súa preocupación pola cor, máis alá da gama cromática do verde, e deses ronseis terrestres que son as sombras. Así se aquilata na acta do xurado, ‘Pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo’.

Durante a montaxe: 'Sono', 1989. No fondo sala ún con 'Dous vellos', 1974, et alia.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario