lunes, 21 de julio de 2014

No espazo abisal

O vento se levanta e as ondas rompen con augas exaltadas. Baixo a superficie rizada do mar a luz é escasa, e apenas deixa ver, máis María José Pulido Cid, nos descobre o espazo abisal nas súas pinturas do Centro Cultural. Quixo abrir os ollos en Ourense, por mais que os seus pais xa vivían en Vigo e Barcelona; e aquí, diante do Mediterráneo, se licenciaría na facultade de San Carlos de Valencia. Perto da cidade condal -onde vive-, están as illas Medes, paraíso dos mergulladores onde, quizais, descubríu as Medusas e o Peixe negro que se ven nos cadros. Mais, quén sabe? O único certo e que o seu poderoso grafismo ábrenos a un mundo transmutado en real, xurdido do seu imaxinario. O das augas, velaquí un medio calmo e silencioso que non atisbamos a recoñecer como noso, seres de terra e ár que ante as augas apenas si cazamos ou contemplamos.



Malia os coñecementos e informacións sobor das orixes míticas, e as tesmuñas dende Darwin, admiramos con asombro e medo o reino de Poseidon/ Neptuno. O de María é iste culto mar de flora variada, e cores, con sereas de ollos brilantes. Mundos de formas pantásticas, en aparencia, mais reais, moito, dende os seus soños e ilusións. Hai artistas que tentan captar o exterior, que chamamos o real: a oleaxe nas rochas, a escuma e area, nubes, xentes en barcos que van e veñen, por traballo ou lecer. Son mariñas, un xénero de paisaxes, e cando os nenos xogan e as mozas flotan costumismo. Mais é baixo da superficie das aparencias onde mora o real (coma no corazón).

Unhas palabriñas para abrir a vernissage
Os luminosos seres de formas hídricas, e híbridas, as prateadas sardiñas de pernas, as luras con corpiño ou as gastronómicas naqueloutra tela rachada sobor do bastidor e unida con cordas, son a narración intensa desta nova Era de Acuario na que estamos a entrar, e que Mª. J. Pulido nos entrega. Un dos Abisais máis acaídos, é o que se compón de seis pezas compostas como un mosaico, que nos poden facer lembrar no fragmentario can picassiano de Los tres músicos, de 1921, mais Mª.J. Pulido desenvólveo nelas nun ser con face de peixe. Pois na noite ‘Brilha a luz duma janela./ Vejo-a, e sinto-me humano dos pés à cabeça’ (Pessoa).


O vicepresidente da Deputación, propietaria do Centro Cultural, puxo fin á presentación 'corrixindo' (sic) as palabras que o gran Bieito Ledo. Il, un pontevedrés miñoto que vive en Ourense, e aquel ourensán de Xunqueira de Ambía residente en Vigo. En fin,...
A súa poética é un animalario de seres imaxinarios reais, no que traballou para a mostra de Vigo en 2012, agora ampliada e transformada. No seu orto, unha aparición polo horizonte do leste, do mar ó océano, dende o que rube -rube que rube-, Miño arriba, como as anguías, ata Ourense, terra onde abriu os ollos. Pintura, cine e videocreación, deseño gráfico, edición audiovisual e performance, principalmente, son as linguaxes nas que se move de xeito cotiá, e a exposición o reflicte, como nos suxestivos Tentáculos de pulpo carballinés!.

A artista posa a carón dunha das súas obras para Xulio Gil
Traballos seus estiveron no MACBA (2004), Arteleku (2005), Festival de Berlín (2006), e mesmo no Reina Sofía, en Madrid, fai poucos meses. Agora, con Valéry, poderá dicir aquello de ‘Le vent se lève!... il faut tenter de vivre!'.

No hay comentarios:

Publicar un comentario