lunes, 29 de junio de 2015

COSTA GALEGA, FINISTERRE, MOREIRAS STYLE

Cies, 2009
                                                 ARTE ET ALIA. Xabier Limia de Gardón
                                                     [Arte et Alia, La Región, 29.xuño]

Puidera pensarse que sendo como é Marta Moreiras natural de Santiago na súa exposición do Centro Cultural da Deputación, ‘Finisterre’, deberíamos atopar á catedral co botafumeiro e os peregrinos, ou os camiños polos que chegan a Compostela. Pois non, e tampouco hai retratos. A proposta de Moreiras é unha visión da natureza dende fotos retroiluminadas inseridas en caixas de luz.

Fisterra, 2012

A fotógrafa escolle os espazos onde conflúen as terras que rematan o continente, e os inicios das augas do Atlántico: eis a expresión dun concepto dos límites das portas de Galicia vistas con ollos sutís. Así o ten experimentado esta artista de mediana idade tan afeita ás viaxes dende que fose a Madrid para estudar Comunicación Audiovisual, o que virou en 2004 para traballar de reporteira gráfica, e logo facendo documentalismo gráfico para ONG´s en Barcelona, viaxando á India, Senegal e Gabón. No ía de hoxe traballa a cabalo entre Compostela e Londres, onde chegou en 2009 para facer un Máster en foto periodismo e fotografía documental e completar a súa formación. Coñece ben pois as vistas panorámicas dende os avións, os límites do mundo, dos que gusta con luces nocturnas das cidades ante a escuridade da mar...


As Catedrais

Iso é o que vemos no primeiro andar, logo de subir pola luminosa e senlleira escaleira á imperial do edificio, e abrir as portas da sala. Dentro, en completa escuridade, está o milagre, na parede fronteira. Cada un de nós acadamos dende a soidade, a sensación de achegarmos pola estrada cara o faro, a visión de Vigo ao lonxe, dende as illas Cíes, ou a do océano fronte da Garda, fermosísima vista da terra e as luces que iluminan o hábitat no inicio da noite, a escuma do oleaxe na mar, e na liña do horizonte as derradeiras cores cálidas de calor, solpor límite que exhala o día, coas primeiras estrelas no ceo... E o son monótono da oleaxe, que se escoita. Son estas, e outras, vistas nocturnas con sons mariños, e daquela case somos quen de sentir a brisa nas meixelas pola maxia desta construción sinestésica dende a escuridade. A artista ten definido a súa obra “entre lo documental y lo artístico, bordeando los límites de la realidad y la ficción”. 

Ocean from a Garda,2009.

A mostra de Finisterre ven da Galería Sargadelos de Santiago, no marco do pasado Outono Fotográfico, que xa no 2012 exhibira na galería compostelá Espacio 48. Ten exposto en Madrid e Barcelona, e algúns dos seus traballos víronse na Revista Luzes, Colors Magazine, El País, Diario ABC ou Boston Review. Fai dous veráns, estivo na mesma sala con María Chenut: ela chegaba dos seus periplos para comezar a residir en Compostela, e Chenut regresaba a San Francisco logo dunha estadía de lustros en Galicia. Foi entón unha acaída colaboración. A vertente social do seu traballo, os talleres de fotografía, a aposta polas colaboracións dende as sinerxias, na busca dunha nova dimensión fotográfica, unha ferramenta de comunicación sen límites. Nela será unha forma de vida, na pescuda de emocións. Así nesta suxestiva instalación.


No hay comentarios:

Publicar un comentario