Fai un ano morría. Queremos lembrala dende o artigo que
Afonso Vázquez-Monxardin lle fixo en La Región o 1.III.2013 na sección de Cartas al Director:
|
Elvira Cuevillas nun acto coa concellala Marta Arribas. Ningunha delas está xa...,
(mais esta só dexou o Concello). |
'
Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría, acababa de emprender a viaxe defintiva. Seguramente, seu pai, Florentino, o eixo histórico da xeración Nós, fondamente católico e de misa diaria -algo que non deu inculcado en Elvira, esta filla tamén doutros tempos e doutras ideas- aseguraría que estaría no ceo. E se cadra si. Pero en calquera caso, o lugar onde estea ela será mellor, máis divertido, que antes da súa presenza.
Elvira, filla de don Floro e dona Julia, a maior das tres irmás, Julia e Milagros as outras, pasaba xa dos noventa, pero tiña que dar a volta para que non pensases que era unha nena moderna, cos seus vestidos, os seus colares, os seus pendentes, o seu sorriso.
|
Na reinauguración da rúa... |
|
...que leva o nome... |
Elvira formara parte desas mozas transgresoras de cando ninguén o era, que un día dos anos sesenta marchou por Europa, a Holanda de partida creo, pero tamén a outros sitios, exercendo de mestra de nenos, e cun mozo, José Luís o Pitolas, primo de meu pai, para escándalo da cidade conservadora. Ela, de broma, sempre me recordaba que eramos case parentes. O Pitolas non foi o único pero se cadra foi o seu grande amor.
Nos últimos anos viviu de acabalo entre o Sanxenxo tranquilo de contratemporada -o relax da natureza- e o Ourense matricial e dos encontros activos coas amigas e amigos de varias xeracións.
Vitalista apaixonada da cultura, sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra, nas conferencias e concertos que había na cidade, escoitando aos escritores, amigos, participando nos clubes de lectura, de cine case diario?
|
...do seu fai Florentino Cuevillas. LVG, 16.III.2009. |
Faláballes antes de amigos de varias xeracións. Permítanme que lles conte unha anécdota que me relataba emocionado hai meses o amigo Xosé María Eguileta, motero, arqueólogo municipal, cuevillista apaixonado de don Floro, e da boa xente da Fundación Vicente Risco que tanto a mimaron. Pois contábame que un día, hai un par de anos, Elvira díxolle que lle gustaban as motos grandes. E que nunca fora nunha tan chula como a del. Despois de pensalo un pouco, e como Elvira estaba rufa, Eguileta deixoulle un casco, unha chupa de coiro e á mañá seguinte foron almorzar a Soutelo de Montes. Seica disfrutou como unha nena. Seguramente porque tivo a sorte e a sabiduría de nunca deixar de selo de todo'.
E o amigo Monxardín remataba: '
Elvira Cuevillas, Sit tibi terra levis. Que a terra che sexa leve. Por aquí, desde logo, ímoste botar de menos'.
No hay comentarios:
Publicar un comentario