lunes, 13 de noviembre de 2017

A visita do exiliado Carlos Velo aos seus pais en 1967



A nai é triple, para o fillo...
Foi contra o fin de mes de maio de 1967 cando, segundo recolle La Región,El cineasta mexicano de origen orensano Carlos Velo’ chega a ‘Orense después de más de treinta años de ausencia para visitar a sus padres en Cartelle’. Aquela estadía breve e privada, pódese ollar convertida nunha gran exposición no primeiro andar do Centro Cultural da Deputación, quen patrocina a posta de largo da Fundación que leva o nome do director cinematográfico.


A escolla dos motivos das fotos polo mestre de cine céntrase nas persoas da súa familia dende a maxia da súa mirada: a súa nai Dolores Cobelo Alberte, e José Velo Castro, o pai, aos que non vira dende que tivera que fuxir de España trinta anos antes, en plena guerra civil. Ela, na horta ou no lavadoiro, posa co seu home para que o fillo teña un recordo deles cando estea no D.F.

A constatación de que Carlos Velo puso aquella os pés esta terra, autorretratándose cos seus pais. A parra sen amañar...
E Velo fillo retrátaa facendo as tarefas domésticas no entorno da casa da familia en Cartelle, mais nun momento ela rube ao primeiro andar para coller a medalla de ouro, e pendura a alfaia para as fotos. O seu home pasea con traxe e bolígrafo á vista, chaleco e garabata, cubríndose coa pucha, no que vemos, e tamén nos zapatos, o seu status social de médico. Resulta significativo decatarmos que nunha das diapositivas daquela reportaxe que lle chegou a Teresa, filla de Carlos e Mª Luisa Santullano, a primeira muller do cineasta, nunha das caixas que Carol de Swaan, a viúva, lle entregara, apareza a imaxe borrosa da nai na cociña, e noutra apareza por sobreimpresión de tres imaxes súas na horta e con mandil con unha tricefalia consciente, que non un erro xa que logo leva o nº 10.

Velo tira a diapositiva do seu pai diante da casa familiar, nenos e veciños,
dende o adro da igrexa.
As corenta e dúas fotos de 1x1m. forman na sala un plano-secuencia dun lugar e un tempo. Os positivos orixinais de 6x6cm. foron restaurados por Xulio Gil coa profesionalidade e calma precisa para facer a súa transferencia a papel. Este grande da fotografía é un ourensán profundo de Vigo, de relevante traxectoria individual xa dende os anos noventa, fixo o traballo necesario para que o comisario Xosé Enrique Acuña puidera desenvolver con brillantez a idea expositiva.



Coa Rolleiflex TLR, unha réflex con visor de dúas lentes, e os carretes de 120 ou 220 das películas Ektachrome de 100 ASA, de característico gran fino e bo contraste que facía Kodak cando a fotografía era analóxica e química, plasma as xentes do lugar con naturalidade, como si llas tirase sen se decataren cargando a cámara do pescozo. O pai coas vides agromando, ou na horta, co gato entre os pés, e no rueiro pola vila, no que atopan á mestra Carmen Armada, co leite, e a farmacéutica cos seus fillos, posando todos. Aqueles nenos son hoxe farmacéutica en Ourense, e veterinario, segundo nos dixo unha visitante. Eles poderán decatarse daquel momento casual das súas vidas revivido dende a maxia do posado co pai de Velo para a cámara de Carlos. E nós decatarmos como o grande cineasta mexicano entra na historia da fotografía galega.

Aquí tes a túa casa, fillo..., ben puidera ser o título desta intensa foto que ten categoria de ser a derradeira do relato cinematográfico.

***
A presidenta da Fundación e o Comisario o día da inauguración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario