lunes, 20 de noviembre de 2017

A Arqueoloxía dende a fotografía aérea





O Museo Arqueolóxico de Ourense, con ‘Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia’, coordinada por Xulio Rodríguez e Manuel Xusto.


Na sala da Praza maior o Arqueolóxico amósanos o rico patrimonio arqueolóxico do noso País Galego. Dende paneis fotográficos con imaxes oblicuas a cor dos anos noventa, outras verticais dos anos 1956-1957, o voo interministerial 1973-1986 e o Voo americano, rexistros todos da fototeca dixital do Instituto Geográfico Nacional.





Hai ademais en vitrina libros, e algunhas cámaras, maquetas e fotografías con lupa, abano co que podermos facer idea das posibilidades para coñecer e recuperar mais tamén preservar o noso. Eis o proxecto expositivo case unha reivindicación da importancia do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, creado en 1943, e da Sección de Arqueoloxía, daquela na vangarda... 


Vemos aquí castros marítimos, no cumio de outeiros, e ladeiras, nun meandro dun río ou tamén en explanadas. E con eles exemplos da romanización e dos castelos medievais. Esta técnica da fotografía aérea, que nos comezos era unha mera auxiliar é agora fundamental, para axudarmos ao coñecemento e á recuperación da nosa memoria arqueolóxica.


Na expo destaca a maqueta do castro de Barbantes (as Laias, o Castelo) que non aparece no catálogo. Realizada por Miguel Ángel López Marcos e Pablo López González, reproduce con precisión monte e o castro no tempo da construcción da autoestrada.



No hay comentarios:

Publicar un comentario