lunes, 16 de marzo de 2015

SOBRAL, MARIÑEIRO DE MARUXÍAS


ARTE ET ALIA. XABIER LIMIA DE GARDÓN. Hoy en La Región.



Sorrí, pois entras no mundo Sobral, de augas e ceos cabe a mar océana. Achégate, entra, e ponte diante. Alí tan só estás ti, e na parede hai, pintada, un anaquiño desa sensación que tiveches na despedida no último outono, ou a finais do pasado mes, cando fuches ata a costa, e de novo, o ar na cara, arrecende a salitre..., ese mesmo ar que che move en remuiños a melena, lembras... No encadre seleccionado polo artista, a mar, o teu mar, agárdate. A pintura de Antón Sobral ábrete a outra dimensión, con liberdade, como a que semellan ter esas nubes movéndose, as mesmas ondas, e as súas escumas, constantes, mais a intervalos, convexas e horizontais, que sandan as nosas tensións, e os ruídos do mundo para acadar unha calma creadora (Yolanda Castaño), dende os ritmos de auga e son:“…la mer, la mer, toujours recommencée…”, sentía Paul Valéry (no Cimetière marin). 

Son estas algunhas das sensacións que o artista nos propón en combinatoria visión coa nosa memoria sinestésica diante da súa obra. A Ría de Pontevedra a súa base é, ata o mar de fóra, mais o artista gosta de pisala area, e con ollos ledos mira a vida, implicándose dende a caridade compartida e solidaria (a cor do mar, voluntarios e o Prestige, desastre de Haití, 'Mans Unidas', ou agora o 'Proxecto Home'). No Océano Sobral, look of love de auga e nubes en movemento, unha sensación de tránsito se instala en dupla consciencia de mar e ceo nuboso, e por veces brétemas.





         CADERNO DO MAR


Antón Sobral de Marín e Xaime Toxo, de Bueu, sete marés sete que firma o escritor na introducción do catálogo a modo de bitácora. Son os Cadernos de mar, no que da conta como se deixaban ir ‘á capa, ganduxados a un rumbo de tripulación en derrota’. Eles foron ficando sós, ‘o Mar o barco e máis nós’ no sentir do poeta Manuel Antonio e o deles, pois ese foi o seu mapa. A viaxe esencia da vida, para a escrita, para a arte, lenzos e textos, óleo e acuarela e máis a tinta. O poeta escribe ’Emerxiches/ no meu leito/ nunha mañá.../ como unha illa/ no mar da tranquilidade’, e o artista-prestidixitador faina emerxer do seu maxín...: como un ‘sumi-e’ xaponés, Azul sobre azul, son as súas acuarelas. Así a instalación nun extremo da sala, e no oposto, á entrada, un video con música ideada polo artista. Que ven de estar fai nada en Nova Iorque, con Carmen Hermo, Velasco e Pereira. E tamén por Viena e Milán, para regresar logo da travesía, mar e terra, á casa, Pontevedra. A Ítaca de Ulises? Non, a viaxe circular de Joyce: regreso ad uterum. En 2013 foi Premio 'Sete Carballas' na 'Festa da Palabra' da 'Ínsua dos poetas'. Nada máis acaído para o artista que a conxunción de Arte e Natureza, como aquí en Madarnás do Carballiño. Antón Sobral enceta agora unha nova singladura con Horizonte cero, que trae a Ourense. Cores cálidas nas nubes de Muxía, e algunhas maruxías.


Marín ao lonxe, V.

No hay comentarios:

Publicar un comentario