ARTE ET ALIA
Así o artigo na web de La Región
XABIER LIMIA DE GARDÓN
As femininas madeiras de Luis Estévez e as sobriñas de Lazcano, xa no escaparate. |
Abríanse as portas desta exposición arredor das datas do Nadal. Había na sala un ambiente de vernissage arredor de Luís Estévez Estévez e José Manuel Lazcano Nóvoa, os artistas, que departían cos seus amigos, e visitantes, atendidos polas galeristas. As conversas arredor das esculturas de Luís e as pinturas de Pirucho Lazcano ían e viñan, como o viño e os petiscos, e os pasos se achegaban e as voces subían ao tempo que as miradas se pousaban nas obras, nuns e outros... Nesa altura da tarde arrancaba outra exposición, oficial, solemne e compacta, con autoridades civís, protocolo de discursos e dispersión cara as rúas. Son os camiños das ilusións, cos contrastes á vista. A arte de inaugurar, a arte das inauguracións.
Lazcano pinta as ‘sobriñas’ dos artistas que ama, a de Goya, as de Matisse posando espidas, e tamén outras, alquimista, retadora, con sombreiro ou co neno, máis recatadas, e tamén a ‘sobriña en flor’ e a ‘Portugheisa’... Destilan elas, acrílico e pigmentos sobre táboa e paspartú, a ironía e facundia do joie de vivre. Esta ledicia vese doutro xeito en ‘Mujer en rojo’, acrílico con pigmentos y ceniza (sic), obra de fai anos enigmática e faladora a un tempo. Mais as contrastadas cores do seu matizado Expresionismo afástanse do Informalismo, polo que transitou dende a sombra de Leopoldo Nóvoa.
Puidemos velas fai uns anos na CEO-Ourense e no Municipal, as súas máis amplas mostras, mais adoita expoñer dende fai lustros con Estévez. Así na Fundación Galicia-Europa, en Bruselas, en 2009 ou na Casa de Galicia en Madrid, con catálogo prologado por José Platero. E Coimbra, ou Ponte de Lima, onde se teñen encamiñado ademais de Visol.
Luís é de Pereiras, Entrimo, singular terra fronteiriza con Portugal, un espazo que é un mundo, con emocións e impresións dunha idiosincrasia propia, carácter que a raia aporta. Na galería de arte amosa Estévez obras recentes, bustos e esculturas de fino porte e angulosos rasgos, figuras femininas todas que se apoderan do espazo da sala dende o centro e colonizan os seus recunchos. En pedestais sen función xerárquica, coloca as pezas de madeira, castiñeiro e nogueira, de afiados rostros, que gañan masa e corporeidade respecto das anteriores obras fusiformes, como ‘Oestrimnia’ I e II, en contraste cas de agora, mulleres novas de bustos rotundos. Todas femias e mozas, unha delas a ’muller anversa’, outra ‘Oriunda de Orion sen tetas’, e hai unha ‘Ilustrisima señora’.
Natural de Castro Laboreiro e cadro de madeira e cuba |
Mais o peso é o da terra, como se deixa ver nas dúas Festa en Lindoso, Natural de Castro Laboreiro e nomeadamente María Concepção de Penedo e Nunes. Técnico vitivinícola dende a súa licenciatura en Bioloxía, e dende este pouso profesional de Luís aboian os ‘cadros’ en madeira de cuba. Outra novidade desta volta é a cor no cabelo, os cordóns e a peluxe que fan destacar a feminidade deste Soño vello e viño verde, como titula outra obra.
Os dous conveciños de San Lorenzo de Piñor, e amigos, tráenos a súa poética plástica, que tamén une o viño, dende o rebordo do val ourensán.a |
No hay comentarios:
Publicar un comentario