A balada do mascarón. |
ARTE ET ALIA
Velaquí o artigo na web de La Región
Manolo Figueiras e o seu río do tempo
A exposición na sede da CEO permite coñecer de primeira man o fondo de armario deste artista de orixe ourensá
No primeiro andar está o mundo do circo, co domador de cans, e o da cabra, que comparten espazo nos cadros coa muller barbuda saída dunha obra de Ribera, pintor do Barroco, e o mono que pinta o retrato dunha ovella cun burro por modelo, dun gravado de Goya, preferindo Manolo Figueiras basearse no debuxo preparatorio co texto ‘no morirás de ambre’ (sic) do mestre aragonés. O Hamlet do ‘Ser ou non ser’, diante dun auditorio sen rostro, abre o abano dos significados; e o Hércules circense adestrando nas aforas dunha cidade é un forzudo manco coa parella da Garda Civil vixiando...
Nos despachos, e significadas salas, hai tamén obras. Así no salón, un Edipo coa Esfinxe-Cicciolina, e noutra estanza gravados, obra gráfica co pintor e a modelo ou grupos á mesa tomando café.
No nivel baixo, arredor do patio está o mar, inspiración deste artista de orixe ourensá que traballa e vive na costa pontevedresa. Velaquí o melodrama do mariñeiro cantando no peirao cara o mascarón de madeira do barco en relevo, obra de empeño no compositivo e perspectiva.
Ao redor, hai acaídas composicións de grandes barcos na liña do horizonte con simetrías mariñeiro embarcado/muller en terra e un 'Malevitch boat' ben suxestivo…
E na da entrada, unha acaída Parada circense, e o Cabalo de Troia; sendo a introdución do río do tempo do artista un antigo guerreiro e a inscrición ‘Baile de salón’, en alemán.
A necesidade dun folleto como guía faise necesario para unha mellor transparencia. Dende esta fachada con soportais urbanos da Praza das Damas a rota da arte gaña en visibilidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario