lunes, 19 de junio de 2017

CRIPTOGRAMAS DAS CREBAS DE JORGE GARCÍA-VALENCIANO


Bañistas, 2016.

XABIER LIMIA DE GARDÓN
ARTE ET ALIA
Así no xornal La Región


Camiña pola praia Jorge o fotógrafo, coa súa cámara, no amencer. Ou antes, pois quere ollar, para a area, e as rochas, no ar limpo, auroral, antes do comezo do día, no do inicio do mundo... Pola praia, pasea as mareas, sen apelidos que o lastren, é Jorge, sen máis, ou mellor, mércores, polo día en que a pisou, ou era martes? Así semella como aquel Robinson cando chegou á illa, mais coido que eran illas. Non ten presa, nin reloxo, anda paseniño, e coa mirada limpa, sen prexuízos, para descubrir novos significados nas formas das pedras, nos seus perfís, e formas, algunha delas chea de verdes algas.


Sinte que é así, amodiño e no tempo giusto, onde reside o segredo do equilibrio, para aprehender da natureza, e capturala nas fotos. Anda só, mirando para ás areas coas mareas baixas, alí están os sucos, das escorregadizas augas cando se retiran, e as miúdas labras, que fan debuxos ondulados, como unhas serraduras mesturadas con finas cordas plásticas das bateas ancoradas no medio da ría; as veces, latas, e polas, e tacos... crebas, ou refugallos. Nelas ve homiños giacomettianos que se moven, serpes, mulleres, animais, que asocia a recordos, lecturas ou conversas.



Son un elenco de formas algunhas delas efémeras, outras máis permanentes, entre as súas pescudas interiores, e o mundo de fóra, de paraísos presentidos nas mañás do mundo. Este bestiario, que sempre igual, mais en realidade distinto pois está a recomezar de contino, como rexistrara Valéry.

Batracio.
Recente libro, Criaturas, 2016.
Logo na súa casa, e taller, traslada a papel eses fértiles instantes, reproducións minúsculas, que no pequeno do tamaño amosa o fuxidío do relampo, en que atrapou o tema, alumeándoo para nós en series: ‘Criaturas’, ‘Cadernos atlánticos’, ‘Música para ondas’, ‘A pel do mundo’, ‘O museo do mar’, son libros, en realidade, e así o significou o ano pasado cando editou o primeiro.

Mais estas son como carpetas, capítulos dun libro maior que chama "Diarios de Terramar". Con el se presenta no ‘Espacio de arte Roberto Verino’, na Rúa do Paseo. Inseridas en estruturas de madeira clara con unha instalación eléctrica que as ilumina de maneira autónoma, son as súas métopas dos frisos da orde dórica dos templos gregos.



O piar con capitel xeométrico que divide o espazo da sala axuda a darlle o ton. O senso poético do artista faille engadir unha gran foto do monte Louro no centro, con outra no eixo, baixo a escaleira do soto onde está este recuncho luminoso, que a roupa da tenda ocupa outros espazos. Noutra das paredes, outras tres grandes fotos, ben explícitas, unha con unha poliña e un pincel, asociación dadaísta que fai verosímil o casual encontro.


e o luns 3 de xullo Tareixa Taboada deixou escrito...





Jorge García-Valenciano ten dito que se sinte un salvaxe con un aparello dixital. É o seu proceder como unha liturxia da terra, na que podería dicir con Walt Whitman ‘solitario, cantando no Oeste, anuncio un Mundo Novo’. Na procura da Terra do Nunca, no Nome do Misterio inefable, que é Luz, Vida e Amor. Como Butler buscando nohwere acha Erewhon, chámalle Terramar por máis que o leve dentro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario