miércoles, 4 de enero de 2017

OS ACHADOS ARQUEOLÓXICOS SON SÍMBOLOS DUNHA TERRA




XABIER L.de GARDÓN.

ARTE ET ALIA.

Estatua de guerreiro, granito, S. I, achado nunca sasa do Outeiro da Laxe, parroquia de
Santa Mariña de Augas Santas, Allariz,  do castro de Armea.
Entramos á exposición que ben de inaugurar o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A sala de Abanca, está nun luscofusco buscado dende a entrada iluminada e a luz do soportal exterior. Aquí, todo está disposto para conseguir que refulxan as pezas, con luces dirixidas cara as esculturas e as vitrinas coas pezas de cerámica e ourivería. Este efecto expresivo potencia a atención do visitante e reduce a súa dispersión para que a contemplación sexa, en cada caso, memorable. Eis un recurso de proxenie teatral que podemos denominar ‘estilo museo’, xa que logo é un sistema museográfico o que se está a exhibir, o que nos fai loar o discurso dos bos profesionais que alí traballan e que un ano máis, logo de ‘Alicerces. Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX’, 2015/2016, amosan a súa excelencia.

Espirais de Regodeigón, Ribadavia, ouro, prata e cobre, sécs. III-I aC.

Desta volta a coordinación personifícase en Xulio Rodríguez, o director do Museo, e Avelino Rodríguez, da U.Vigo, sendo a iluminación de Arteficción.


Lápida do Castro de san Facundo, concello de Cea,
granito, sécs. I-II.
Estatuas sedentes de Xinzo de Limia, granito,
sécs. I-II aC., achadas en 1972, preto do vello núcleo
da vila, á beira do río, na paraxe da Cortiñela.

Posado para a historia real dunha excavación doutrora: Castromao.





Dende finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século é o marco temporal que abrangue ou, o que é o mesmo, dende Marcelo Macías, presbítero e caldeirádego de Retórica e Poética, morto en 1941 case con cen anos, pasando por Arturo Vázquez Nuñez (+1907), e o enxeñeiro de camiños Díez Sanjurjo, quen estivo en Ourense ata 1910, pioneiros todos.






Cuevillas e Ferro Couselloentre outros,  no levantamento dos restos da nai do
Xeneral Sanmartín en Santa Eufemia, 1946-1947.
Con Xesús Ferro Couselo (+1975), arquiveiro de Facenda, nace o Arquivo Histórico en 1943, sendo director do Mº cando por estes mesmos anos deixa de ser Pazo do Bispo. Laureano Prieto (+1977), mestre, e Xesús Taboada Chivite (+1976), técnico de telégrafos e licenciado en filosofía e letras, Rubén García (+1980), médico en Ribadavia, Francisco Conde-Valvís (+1985), Manuel Chamoso Lamas (+1985), Xoaquín Lorenzo (+1989) e a sobranceira figura de Florentino L. Cuevillas (+1958), funcionario de Facenda, e pai da arqueoloxía científica en Galicia.


De todos hai información relevante nas paredes, acompañada de fotos, algunha delas, como a deste último con Risco en Castromao. Todo para contextualizar as pezas.



Así a Ara de Calpurnia Abana, achada preto das Burgas, ou a Tabula Hospitalis de Castromao, ámbalas dúas do século II d.C., ámbalas dúas símbolos para Ourense e Celanova, respectivamente. Así tamén o torso de guerreiro do castro de Armeá (Sta. Mariña de Augas Santas) ou a arracada de Vilar de Santos, peza de ouro, que pasou ó Museo en 1979, cando rematabamos a carreira, e Bieito Pérez Outeiriño, compañeiro nos primeiros anos, estaba a estudala, investigación que viu a luz como o primeiro dos Anexos do Boletín Auriense. 

Arracada, de Vilar de Santos, sécs. III-II aC., achada en 1924.

Entramos na procura do pasado en calquera exposición, mais aínda nesta do Arqueolóxico pois o seu discurso pedagóxico interpélanos para que as xeracións presentes coñezan as orixes da nosa terra ourensá, e sintan un orgullo de seu. A mostra, que se completa co proxecto didáctico dirixido os alumni colgado na net, achéganos os ourensáns a labor arqueolóxica e a súa importancia como símbolo identitario dunha colectividade. E se a próxima mostra, a dos achados dos coetáneos, fose de novo nas instalacións do Museo? Quede aquí como desexo de Aninovo.

'Ao limpar o lousado da casa da soleira apareceu unha lousa c-un triskele grabado', 'Cuaderno' de excavacións de
Xoaquín Lorenzo, 1948, 23 de setembro. Era xoves. I aC/IdC., Cidade de San Cibrao de Las, nunha 'casa da croa'. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario