XABIER LIMIA DE GARDÓN.
o artigo na web de La Región
ARTE ET ALIA.
Fai uns días estivo entre nós Ramón Loureiro, o escritor de Sillobre, no entorno de Ferrol, onde vive, na costa ártabra, a presentar o seu libro máis íntimo, ‘Diarios’, de Eurisaces Editora. Co seu verbo amable, coñecemento e fino humor da man, pensaba ao escoitalo estar a ver a encarnación dunha das fisterras de Galicia. Na sala Alterarte Juan Fernando de Laiglesia González de Peredo proponnos nas súas ‘Seis fisterras de auga’ que fagamos unha viaxe na propia sala, sentados nunha cadeira que se move arredor dun espazo escuro, especialmente modificado para elo.
Así poderemos ollar as catro fotografías de cadansúa das fisterras que procurou nun mapa: Cabeza Negro, en Murcia, e Camelle, na Costa da Morte; e no segundo dos eixes cartesianos, o Cabo Vidio, en Asturias, e Esposende, na costa portuguesa, que se sitúa noutro dos extremos.
Esta é unha descripción aproximada dun territorio expandido que é físico, e tamén emocional. Así a mesa cicular pintada co faro, e o cadro posterior, no que se ve a influenza da ‘Illa dos mortos’ de Arnold Böcklin.
De Laiglesia que é escultor, e tamén é Dr. en filosofía, busca nos seus traballos outros camiños expresivos, sendo máis de proxectos artísticos que semellan de investigación. Así cando fixo o telescopio Erdel Verlag, semellante ao que Galileo fabricara en Venecia, para a exposición ‘400 lunas emocionadas’, que iniciada na Galería Dr. Erdel Verlag de Regensburg en 2009, ano mundial da astronomía, con Kepler e Galileo na base, e rematou en Lalín, homenaxe a Ramón Mª Aller Ulloa.
Aquí en Ourense completa a súa proposta un espazo primeiro ou antesala, con unha mesa e o mapamundi coas medidas, e unha obra cos buracos da capa de ozono sobre os polos, con algas mariñas prensadas, unha referencia explícita; e diversas esculturas nun andel, algunha das cales actívase, e móvese, cando nos achegamos, ou maletas e obxectos diversos, e un mapa-tapiz destacado, que chama ‘mantamundi’ (sic), coa mesma hora nos husos horarios, pois nas súas palabras o mundo debe ser un refuxio real para todos.
E se na exposición hai unha esfera mística, segundo menciona o curator, Juan Luís Moraza Ourense, o centro é por definición, a orixe, o punto de partida. Esto é, no contexto da UVigo, o Campus da Auga. De Augas Quentes !
No hay comentarios:
Publicar un comentario