XABIER LIMIA DE GARDÓN
o artigo en La Región
ARTE ET ALIA
Entras a ver a exposición de Seara e saes cara a natureza. Todo un sentir... Achégaste ata a floresta, ollas para as enramadas e sintes as súas liñas curvilíneas. Detrás está o ceo, luminoso e neutro. As polas sen follas crean unha vizosa arañeira coas distintas cores que ofrece o artista, e coas que conforma unha vistosa rede diante dos nosos ollos. Non podes pasar, nada se move, mais respiras,… e sen decatarte entras, para afondar no teu interior. Ela é unha construcción mental elástica. Esta é unha das imaxes que, con varianzas, se exhibe ata o 23 deste mes na sala baixa do Centro Cultural da Deputación.

Velaquí expresada unha das atmosferas que están a definir nos últimos tempos a ‘Seara’, José Luís Álvarez Seara, o artista pontevedrés de Arcade, que vive dun tempo a esta parte en Compostela e Porto (Portugal). Resistente dos tempos de ‘Atlántica’, Vigo, aquelas mareas vivas para as artes de Galicia, aquel vento no comezo dos anos oitenta que foi un estilo de sermos, e por elo de posicionarnos no noso mundo.

Con debuxos en papel e pinturas, Seara deu en iniciar o seu camiño na plástica coa natureza inspiradora como tema de fondo, e o seu dicir posto na forza que xurde da fraxilidade dela na súa interacción co home. Este ben sendo máis un individuo que se move e pensa, que masa amorfa. Ser individual, luminoso e quente, que o artista capta movéndose, emitindo fotóns de cálidas cores, unha das imaxes para nós máis explícitas, polo que ten de simbólica, e tamén polo seu donaire, ou garbo.

Ten participado en ARCO ou a MIART de Milano (Italia), nas Bienais de Vilanova de Cerveira ou Lalín, e exposto no Mº Nacional Soares dos Reis en Porto, e nas galerías galegas que fenden o vento coa arte nova, caso de Ad Hoc, Abel Lepina ou Marisa Marimón. Nesta reflexión sobre o movemento que é esta retrospectiva esencial de Seara segundo o comisario Edu Valiña, máis de trinta e cinco anos de ronsel, hai Polípticos de quince obras, e suxestivas formas en desenfoque que nos achegan á fotografía de Vari Caramés, pequenas pezas escultóricas, algunas delas filiformes…
Para velas, e vermos, viñeron á inauguración Rosalía Pazo Maside, Enrique Tenreiro, Xurxo Oro, Jorge Varela, Rosendo Cid ou Jacobo Bugarín.
Hai que achegarse a ver esta exposición equinoccial que fecha en círculo un movemento controlado, e intentar seguir vivindo, pois o vento quere levantarse.
Hai que achegarse a ver esta exposición equinoccial que fecha en círculo un movemento controlado, e intentar seguir vivindo, pois o vento quere levantarse.
No hay comentarios:
Publicar un comentario