lunes, 19 de septiembre de 2016

A MUSA DA PAZ NO AUDITORIO



Apareceu, non sen sorpresa, a Iª Semana Internacional da Paz, no Auditorio en formato de exposición artística colectiva. Eis o primeiro dos elementos do programa que desenrola en Ourense o Instituto Galego de Estudos Internacionais presidido por Artur Alonso. E comeza no alto, nas abas de Montalegre, para ir baixando cara a cidade, con palestras, ioga termal, poesía e música. Coa frase Mudar as nosas conciencias, mudar as nosas vidas a modo de lema, espalla unha nova maneira de desenrrolar a vida dende a procura da paz interior, asentada en fondos valores éticos dende a amizade e camarería, a paz ambiental e social, en harmonía co medio, e a paz cultural, dende o cerne propio o diálogo e a apertura. Un plantexamento holístico dende os peares do multiculturalismo, o ecoloxismo e a Arte.



No amplo soleado hall do Auditorio, pouco propicio poro exceso/carencia de luz que ten, a pintora Ehlaba Carballo, comisaría a mostra ‘A Musa da Paz’. con esculturas e pinturas de variados formatos, materiais e técnicas, que os artistas levaron, algúns deles na man, como o Prada, polas rúas de Ourense ata a singular sala dos pasos perdidos. Con este espíritu xuntou vintesete artistas, cadanseu con unha obra, agás alguns, aos que se engadiu o Cristo de Manzano, ubicado dende fai anos noutra estanza do edificio -con outra obra de Ignacio Vasallo-, no cuadríptico de man da mostra malia a negativa do vello artista de sumar unha obra específica: un elegante proceder da comisaria e da coordinadora dos espazos museísticos.


O espíritu da xuntanza faise corpo nos títulos dalgunhas das obras, que se asocian xaora ex professo ao tema elixido, como ‘A Paz do espello’, cadro en verde espranza da propia comisaria, ‘Paz encuberta’ obra moi realista de Tono Lorenzo Guisado dunha escena de bazar musulmán, a ‘Arquitectura da paz’ de Xosé Luís Otero, moi suxestiva polos amplos empastes, ocres e terras, con espátula do monte agachan un resol de lume no interior.

Con eles, a de Ruth N. LodeiroLa paz de los ojos velados’, interesante peza escultórica de lixeiras láminas cerámicas onduladas a dúas cores, como as follas de patacas fritidas, corpo anélido regular con dúas de maior tamaño no centro, suxeitas todas por unha corda: símbolo e metáfora dos soños. Na de Irene Silva dúas mulleres enloitadas levan o pesado fardel da Paz entre cordas, e o Pombal-torre de Karballo, unha acaída construcción escultórica con craves dende a metonimia.


Xosé Rivada coa súa Menina...

E ademais Ana Costas, Otero, Sara Bello, Sula Repani, Tatiana Lameiro, Xosé Rivada, aLeXandre, Yolanda Carbajales, Irene Lumbreras, Arantza Pardo, Beatriz Ansede, Loreto Blanco ou Tareixa Taboada e Moxom. Paga a pena velas, e tamén Antonio Souto, Ramón Conde, César Prada e Tony Ferrer, polo que aportan ao abano.

Aínda que para nós, con Lodeiro, é Galobalo de Fernando Barreira, un capón con espolóns nunha columna xónica, e as ‘Palabras precisas para prender un lume’ de Soledad Penalta as pezas sobranceiras. E cando o poder do amor supere o amor ao poder, que dixo Jimmy Hendrix....



No hay comentarios:

Publicar un comentario