miércoles, 3 de diciembre de 2014

Blanco Amor, mundo Tosar

Luis Eugenio González Tosar, adalid e paladín de Eduardo Modesto Blanco Amor no XXXV aniversario do seu pasamento. Dende a raiceira persoal, mais sen dúbida tamén da admiración dos seus escritos maiores, como A esmorga ou Xente ao lonxe, ou os libros os Biosbardos, La catedral y el niño e Farsas para títeres. Dende que no ano 2004, con Marcos Valcárcel (+), iniciara a empresa do seu recoñecemento público, moito se ten andado. Coa decidida axuda da Deputación provincial, a súa señorial estatua en bronce apareceu así, dende as mans de Xosé Cid Menor, na Alameda de enriba, mirando con fachenda cara a Barronca dos seus amores e da ergueita fonte ursariense, que centra o espazo da praza Galicia/ bispo Cesáreo dende 1970. Agora, por sobrados motivos, ben podería chamarse Blanco Amor.

A homenaxe pública e laica no cemiterio de San Francisco, ante o seu catafalco, ornado por bufanda aciscleana de bronce sobre o túmulo, é dende entón a manifestación de lembranza para o gran literato de Ourense que tivo pouca sorte cos tempos que lle tocou vivir, tralo seu regreso da emigración bonaerense, nos anos setenta do pasado século. ‘Os seus inimigos arremeteron contra íl facendo ferinte fincapé na opción sexual’ escribíu Tosar nunha columna titulada ‘O triunfo de Blancaflor’, un dos seus alcumes homófobos. Por elo homenaxealo é manifestación de tolerancia. Así, o pasado 12 de xullo inaugurouse na VIª Festa da Palabra, celebrada no Carballiño, unha escultura de sete pezas en aceiro cortén alusivas ós seus libros, amplo conxunto que centra a súa silueta, espido e de costas, motivo inspirado nunha fotografía reproducida no libro de Blanco Amor ‘Ars Amandi’, que recolle a súa poesía homoerótica, editado en 2007 por Galaxia e o Pen Clube de Galicia. Con anterioridade, a foto, datada en 1940, espalláraa Tucho Calvo nun artigo. A ambiciosa obra plástica fírmaa Acisclo Manzano, ó que acompañamos naquel día na ‘Insua dos Poetas’, na Esgueva de Madarnás. Protéxea unha ringleira de grandes bloques graníticos, dispostos en semicírculo para disfrutar do espazo que, ano tras ano, vaise enchendo de arte escultórico.


E no canto da ofrenda de frores institucional no vello cemiterio municipal de Ourense, o día un, con Siro López como mantedor, comeza un triduo cultural no Liceo (mágoa non poder ser no Ateneo, que tanto preferiu en vida), con Xesús Alonso, presidente da RAG, Mª Xosé Queizán presenta o libro 'A Moneca de Blanco Amor', e dúas mesas moderadas por Armando Requeixo e Tosar, onde farán relatorios Bieito Iglesias, Damián Villalaín, Luís Pérez, como escritores, e Nemesio Barxa, Carlos Laíño e Maribel Outeiriño, como amigos... O escritor goza así de boa saúde entre nós. ‘Agradézoche que sexas cómplice, /máis cando me traizoes, querido,/ faime o favor, non vistas de poeta’, escribiu Tosar no seu libro de 2008, 'Estúrdiga materia'; para rematar confesando:

                          ‘Dicir, dixéchemo, Eduardo, irmau,
                           foi naquel agosto, lume e raxeira,
                          espigas debullándose nasa iras; 
                          canto coral dos torsos segadores 
                          con elegante presenza de calas.
                          Si, foi pola seitura do centeo,
                          falando, rindo, coma quen non quere...’.

                                           (Artigo en La Región, o 1.XII.2014)

No hay comentarios:

Publicar un comentario