domingo, 5 de mayo de 2013

'Mito e Horizonte' do colectivo Arte Mud en Allariz


EN RISCO

Estivemos na inauguración da exposición ‘Mito e horizonte’, na Fundación Vicente Risco (Allariz), mais sen risco (o que se explicita con estas liñas). Dende finais do pasado mes están Figueiras, Antonio Soria, Xaime Piñeiro e Seo con esculturas, cerámicas, pinturas, gravados e debuxos. E con eles Jesús Costa e Diego Blanco, con un coidado montaxe audiovisual. 


Trátase da primeira das exposicións monográfico-temáticas do Colectivo Arte Mud que iniciou a súa presenza en Allariz a finais do pasado inverno. Onte se completou a actividade mensual con un taller para nenos pola mañá e a mesa redonda pola tarde. Nela estivemos con Soria e Seo, acompañándonos un fato de artistas como Sula Repani, Jorge Varela e Miguel Karballo, os amigos da Fundación, e outros que se sumaron no acolledor recuncho. Logo das nosas preparadas palabras arredor do tema ‘Arte e mito’, a interacción entre todos no cordial estilo risqueano fíxome valorar o tempo xuntos na vella casona ante a súbita canícula exterior.

Xa na terraza do Centro Social, onde se achegou a saudar AlandeVal (deorras, of course) a tertulia continuou máis aló do solpor. Eis a arte a nos concita, e reune, por máis que a renovada presenza de Leda e Ulises, Orfeo, Aquiles ou Pigmalión como referencia nalgunhas obras recentes nos faga decatarnos dos valores que agachan aínda -materia libresca, do ancho mundo do legado da cultura grecolatina-, e con eles os Galaicos mitos que emanan das telúricas formas montuosas do Castelo e Armea, no horizonte de Augasantas. Porque é a fala das rochas un silente presente ao que lle damos as costas en demasía, inmanente e central no perfil da arte galega. Elas din tanto nestas horas lixeiras e de moscóns plúmbeos que viven entre nós! Así se pode comprobar, valorar e apreciar, nas obras daqueles artistas ata fin de mes (no ár da Fundación alaricana parecían resoar aínda as palabras do macedonio Nikola Nadzirov, “só se inventamos novos países/poderemos volver camiñar sobre as augas”, que o día anterior ata aquí se achegou, en destaque no folleto).

As obras de Seo e Figueiras están xuntas, prolongando un diálogo entre elas máis alá do que teñen os artistas...: á dereita "O pintor"(Seo), á esquerda "Pigmalión" (Figueiras).  Debaixo a de aquel é "A esfinxe do encontro soñado ou as mutacións do Romance".  E as do seu amigo e colega "Orfeo" e "Peplum", respectivamente. 


Ora ben, Figueiras presenta ademáis varios gravados de mérito ('Leda'...) e esculturas en bronce ('Polifemo'...) 
         Outro dos artistas é Xaime Piñeiro, escultor-ceramista e pintor. Velaquí tres das súas obras:

           
... do que engadimos estoutra que nos chamou a atención o pasado mes na posta de largo do colectivo ARTE MUD.
                                                               



No hay comentarios:

Publicar un comentario