miércoles, 20 de diciembre de 2017

Na morte de Arturo Baltar

A miña lembranza, hoxe en La Región...

Sempre é Nadal no imaxinario do ceramista escultor Arturo Baltar. Aínda que se trate da Capela do Santo Cristo na catedral, unha obra sobranceira do Barroco ourensán...

'Baltar, o pequeno artista que se fixo grande co Belén'.

Arturo Baltar baixaba sempre a Ourense no mes do Nadal. Virámolo ou non, que el tiña as súas horas, e lugares. Adoitábamos vernos, sabedores de atoparmos arredor das datas da apertura do seu Nadal na antiga capela de San Cosme e San Damián, na praza do seu nome, mais coa inauguración do seu Museo na casa ao seu carón, comezou a deixarse ver menos. Iso pasoulle tamén co Ateneo na Torre, un dos lugares para falarmos... Devecían os vellos espazos de xuntanza, e tamén os amigos, como Virxilio, que se foi máis alá do sol e a lúa, e a súa casa no planalto de Tamallancos quedou baleira. E, cada vez máis, tamén as Romerías da contorna, ás que acudía no día, para a festa de San Antonio, facéndose Neno Eterno no seu colo, a de Santa Mariña ou á de Santa Marta; e a de San Brais, avogoso para os males da gorxa, íl que sempre que podía poñía pano de cores no pescozo, entre a camisa e o sorriso...

Arturo Baltar e Santos, perpetuo peregrino sen camiño, porque os coñecía todos.

Morre o pequeno escultor ourensá Arturo Baltar, autor dunhas pequenas / grandes obras como as do do seu Belén que, iniciado fai agora 50 anos, é unha testemuña de Ourense e da súa arte dende as nosas esencias. Noventa e tres anos tiña, seica...

Coñecía tamén, e moito, o vello Ourense, e as súas contornas e as xentes, sendo amigo do culto e elegante Chaviñas, que gastaba galana capa, e doutras, como a Nonó ou a Noalla, esta con taberna na rúa Pelayo. Neste ramo tivo sempre en alta estima a do Rionegro, na aba sur de Montealegre, tan soleada... Como esta tarde na que será enterrado no camposanto de santa María da Barra de Coles.

Foto de 1958, no restaurante Pingallo, Rúa San Miguel, despedida de Blanco Amor que volta á Arxentina. De pé: Antón Risco, Carlos Vázquez, Arturo Baltar -coa camisa branca, sen garavata-, Tomás Bóveda, Julio Losada. Sentados: Antón Tovar, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Afonso Vázquez Monxardín, Manuel Prego de Oliver e Paco Nogueiras. Diante revirados á cámara, Antón Faílde e López Cid.
Gustaba que o seu xardín semellase natural, ambiente do que se lle pegou a eterna xuventude que locía, malia ter 568 anos, esa inmortalidade ensimesmada como lle dixo unha tarde de 1991 Jaime Quessada en Lucenza.

Xardineiro con casa que arrecendía a glicinias e noces, Arturo Baltar entronizábase cada mes de Nadal entre nós. Este tamén o fixo, máis desta volta foi cara o

                                                         ‘Señor da seguranza

                                                          tan devecido en Belén

                                                          enxerta fe i-esperanza

                                                          no barro que non se ten
’,


como lle cantou Abelardo Santorum. 

E José Ángel Valente

                                                         ‘Bandeiras sulagadas /

                                                          Noite / e señardá. /

                                                           Latexa o verbo
’.


Arte maior para o derradeiro esmorgante...'.


No hay comentarios:

Publicar un comentario