XABIER LIMIA DE GARDÓN.
ARTE ET ALIA.
Xogan os nenos ca auga, saltan nela, móllanse. Xaora, de maiores, temos con ela unha relación intensa, coa chuvia e nos ríos, na mar, na ducha,... Velaquí a relación do principio do mundo, do que é máis intransferiblemente noso.
Así o vimos neste ‘Dentro e Fóra’ do Outono Fotográfico XXXIV que xa devala. Nunha das mostras, ‘Augas vertentes’, aínda das fiestras acristaladas do edificio das Facultades do Campus coordinada por Xosé Lois Vázquez e Celia Simón, amósanos unha reflexión coa auga no fondo, dos seus usos e abusos por parte dunha parte minoritaria da humaninade, como sinalan os organizadores, e na escolla salientan a José Luiz Oubiña, fotógrafo natural de Curitiba, Brasil, e afincado en Vilagarcía fai cinco lustros, con unha obra na que as ondas semellan formas pictóricas abstractas. Mais nós queremos destacar a presenza das fotos do comisario, coas de Lois Pardo e de José Paz, de Ourense, todos ben coñecidos, que se xuntan con unha morea de participantes.
E dende as augas da memoria é precisamente o proxecto de Ferreiro e Vilanova, ‘A man verde’, que na sala baixa do Centro Cultural remata estes días. A idea de aquel, profesor en Ourense na Escola de Arte Superior e Deseño ‘Antonio Faílde’, e máis maior, é plasmada no cadro, para que logo Rubén Vilanova, que estudou aquí fotografía artística, recréea nunha acción fotográfica. Amorean así nove momentos que se explican dende os acaídos títulos: a qué cheiran as avoas?, caligrafía con recendo a café, sábados eléctricos, a mesma pedra, xogos prohibidos, é domingo, en vía morta, o que nos separa, e a morada de verán. Así dispostos os temas, no que hai escaleiras e pedras, claro que son os xogos de cando nenos...
Os artistas retratados por Eliaz para Ourense tempo de lecer. |
Así dende o código visual elixido, con equivalencia nos formatos expresivos, e colocándoos pareados, conforman unha mostra distinta e audaz, nun efecto buscado para os sentidos por ámbolos dous, ainda que deberon engadir unha máis por efectos de simetría. Un catálogo á altura completa este discurso mol que se esgota en si mesmo, malia abrirse con unha cita do poeta irlandés Seamus Heaney ‘Fago versos/ para verme como ecoo dende a escuridade’, como escribe en ‘La muerte de un naturalista’, obra na que relaciona os sons e os arrecendos cos recordos, esa lembranza que é memoria pero máis aínda sentimentos dun xa foi.
Entender a vida, e tomar conciencia do presente, aínda que para elo só poidamos facemos retrospectivamente, como dixera Soren Kierkegaard e que se fai verdade verdadeira cando un xa ben sendo un ser para a morte máis que ser para a vida... Mais esta, a vida, pode ser tamén entendida como eso que chega dende o futuro, sexa este o que for. Coa liberdade na escolla sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario