viernes, 29 de agosto de 2014

MOBÍLIA, unha reflexión plástica e poética do 'espazo doméstico'

"MOBÍLIA. AMOBLAR OS BAIXOS DUNHA FUNDACIÓN"



Dende o venres 29 de agosto, na sala da Fundación Vicente Risco (Allariz) 'unha mostra dunha arte que, malia ser xa unha tradición do arte de vangarda dos séculos XX e XXI, non adoita ser -alén de dignas e contadas excepcións- cultivada nin amosada nesta provincia: a instalación. Unha Produción ARTE MUD concibida por Manolo Figueiras, Jesús Costa e Seo (Antonio Fdez. Seoane) para o espazo da devandita institución na que o grupo de artistas ARTE MUD leva ano e medio programando exposicións.

Ese día tamén a palabra e a voz de Rebeca Baceiredo, Claudio Pato e os irmáns David e Estevo Creus


Contribúen ó conxunto as obras de arte absorbidas nel, de artistas diversos (membros uns, amigos outros, de ARTE MUD), de escultura (Rosendo Cid, Jesús Costa, Xavier Cuiñas, Jorge Varela), fotografía (Rosendo Cid, Jorge Díaz), pintura (Antonio Soria), collage (Rosendo Cid, José Carlos Seoane), cerámica (Xaime Piñeiro), e o mobiliario de creación (lámpadas, concretamente, de Mauro Trastoy e Lelédacuca).

Con Jorge Varela, Rosendo Cid,... en plena performance
A instalación pide ao visitante que se introduza nela (o que os conceptores da mesma denominan "calidez" da instalación; hainas cálidas e frías do mesmo xeito que hai cores cálidas e cores frías), que circule e procure construír a súa impresión xeral observando o conxunto desde moitos lugares do espazo ("Mobilia" non se abarca dunha ollada, o tipo de perspectiva que domina non é a "lineal" renacentista senón a "isométrica" chinesa), que probe o mobiliario (butacas, asentos) e que se instale á mesa dos cadernos, os abra e lea un ou varios parágrafos ó chou ou dé unha vista de ollos aos debuxos; e que, en fin, respire a atmosfera de conxunto que envolve aos obxectos: mobles, esculturas, cadros, fotografías, collages, bibelots, cerámicas, efémeros (elementos creados ex profeso para a instalación e que non pretenden ser obras de arte de seu, independentemente do seu lugar e función na mesma).

Lámpara de Mauro Trastoy, pieza cerámica de Xaime Piñeiro, columnas de luz con telas de Jorge Varela

A importancia atribuída ao factor luz, á atmosfera interior creada, é aquilo ao que os conceptores da instalación atribúen o seu carácter "impresionista". Experimentar o que os pais de "Mobilia" denominan "unha instalación impresionista, cálida e isométrica", ou o resultado de amoblar os baixos dunha fundación segundo o seguinte criterio-fórmula: que o factor pragmático tenda a cero e o estético a infinito'.

No hay comentarios:

Publicar un comentario