miércoles, 30 de marzo de 2011

A PRAZA DO SANTO CRISTO DE CEA


(Estado da capela logo de ser demolida no ano 2005 dende a vella aira sen o cabaceiro do século XIX. No fondo o vello forno xa ruinoso...)

Fai moito, moito tempo, había na vila de Cea unha singular praza, á beira do camiño de Santiago. Por diante dela pasaron durante séculos moreas de viaxeiros e peregrinos entre Ourense ou Carballiño e Oseira, ademais de Santiago. Estaba ás portas da vila, polo seu lado noroeste. Tiña un cruceiro, fermoso e sobranceiro, en elevado pedestal decrecente que a presidía e centraba: era unha picota, isto é un cruceiro xurisdicional. Así se chamaba daquela: a Praza da Picota. Os Señores do dominio, que eran os monxes da Orden do Císter da Abadía de Oseira, poñían aquí xustiza, sobre todo o día da feira. Pois aquí, neste espazo, e no seu entorno, había feira, que fora obtida do Señor El Rei D. Sancho IV no derradeiro terzo do século XIII. As transacións comerciais de mercadorías de lonxe e do rianxo da contorna, ademais das de gando, foron práctica habitual mensual nesta praza, e noutra más abaixo do lugar. Foi así uns catrocentos anos, ata que os monxes decidiron mudala avanzado o século XVII para o Carballiño, daquela un lugariño do seu Priorado de Partovia.
Había tamén un forno, que tiña o nome de forno dos Casquillos, onde se cocían a poias de pan trigo. Nas inmediacións houbo un hórreo, e unha pequena aira. Abandonado aquel pola lacra das partillas, ruinoso e todo era dos máis antigos da vila, como reflectía a datación segundo inscrición no século XIX. Nada queda xa. O hórreo foi vendido hai uns anos e está noutro concello. O forno, abandonado ata o punto de medrar dentro unha árbore de amplo porte que sobresaía do seu fundido tellado, demoleuse hai uns poucos anos. Era coñecido como o Forno da Capilla. Así o coñecemos pois dentro,nas misas e rosarios, só se falaba en castelán.

UNHA MULTISECULAR DEVOCIÓN

Acisclo Manzano, Cristo, bronce, 2005, 
Foi nunha época, nos fai moitos anos, na que había aquí unha capela, pequeniña, mais sobranceira no corazón das xentes da vila de Cea, a capela do Santo Cristo. Grande e fermoso, enchía o retablo no presbiterio entre os reflexos do pan de ouro das súas madeiras, obra que saíra da suor de tantos devotos veciños dela que tiveran que emigrar a Arxentina, principalmente. A capela foi demolida nunhas infaustas circunstancias. Era unha obra erixida no século XVIII, con minguado valor artístico máis de predicamento popular multisecular pois xa daquela foi un traslado dende o outro extremo da vila, onde estaba, nas inmediacións da casa- albergue para os peregrinos, barrio que aínda conserva o seu recordo. O Santo Cristo é a expresión senlleira nos camiños cara Santiago. Así o de Ourense, e o famoso de Burgos no Francés, ou o de Fisterra. Hai dende aquela unha praza, de pavimento vermello, e faixas de granito, na que loce unha escultura de mérito na arte máis non tanto para a iconografía canónica da fe cristiá. Diante dela pasa en procesión cada ano estes días de finais de setembro a Virxe da Saleta, devoción principal da Vila.

( Publicado polo autor en La Región, Ourense, setembro, 27, 2010 )

No hay comentarios:

Publicar un comentario