As tenues evanescencias matéricas
de Tamara Feijoo
Abriu nos pasados días a nova tempada expositiva na Galería Marisa Marimón coa artista Tamara Feijoo Cid. A galerista Nuria, filla da fundadora, inaugura con ela o ABERTO deste ano, acción inicial coordinada entre o 17 e o 19 deste mes setembrino con galerías de Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo, da Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia. Eis unha acción de relación dunhas pequenas empresas dedicadas ás artes plásticas, punteiras na súa concepción de modernidade plástica na comunidade autónoma.
Venme dende a memoria, en paralelo comparativo, a Nit de l’Art, de Palma de Mallorca, de 6 a once da noite cun carácter festivo, sorte de versissage social consolidado no calendario insular que enche os mass media de texto e imaxes, información e visibilización á vez. Velaquí unha idea na que traballar en Ourense se quixeran dar e amosar, entre galerías comerciais e institucionais, por unha vez, unha imaxe da importancia das artes na sociedade... Non debería ser imposible coordinalo.
Galerista e artista na inauguración, a carón de Elemento caprichoso IV
Feijoo Cid, a artista, regresa a Ourense logo de dunha década para amosar unha sorte de miúda retrospectiva cuns fitos seleccionados a modo de ronsel dende 2022, oito obras en total, que acompañan a seis das súas máis recentes, que son as que nomean a mostra, El elemento caprichoso. Desta volta, máis alá do debuxo, coa novidade de engadir unha con obxectos pegadas no fino soporte, volumes en porcelana e barro de Buño, que é a VIª e derradeira da nova serie. As tres -branco sobre branco- semellan eses pauciños que arrastra a marea, crebas como as que expoñía Jorge García-Valenciano fai unha década. A alí están, case ingrávidas, nas brancas paredes do simétrico espazo desta veterana fiestra de arte. Todas son de pequeno formato, tamaño no que se sinte segura, tipo din A4 (o que viña sendo un folio) ou din A3, maiormente. Recupera así, doutro xeito, os elementos sólidos da primeira época súa tan figurativa. Agora ensaia outro camiño.
El elemento caprichoso, V, 2026 Cielo II, 2022
Segue co papel como
elemento-base, superpondo follas ás que engade aceites a fin de facelos
evanescentes por translúcidos, e procesos antigos na historia da arte que
noutrora eran medios para a consecución dun fin, caso da reprodución verosímil
dos roupaxes. Así xa dende Breviario, exposición na Fundación DIDAC.
Santiago de Compostela, 2025, na que xoga coa polisemia da palabra como libro
litúrxico para rezos por horas e o concepto temporal, que é o que lle gusta, o
de amosar o paso do tempo dende o rastro dunha folla amarelenta pola acción da
luz. Desta hai Palo, Paño ou Cielo I e II... Esta experiencia viña xa de Doodvew,
expresión dos Países Baixos para as cores opacas dos medios tons da pintura. O
seu é un amosar a recuperación do proceder na cociña do atelier. Trátase dalgo
máis xa que o tema do paso do tempo, e a súa percepción metafórica: é a calma
controlada do Festina lente, erudito concepto de estilo na época
renacentista que o emperador Augusto adoitaba dicir en grego, segundo Suetonio, speûde bradéōs. Velaquí o seu camiño logo dun
par de lustros sen pisar a súa galería auroral da rúa Benito Vicetto, 5. Cielo I, 2022