Mostrando entradas con la etiqueta Xosé G. Rivada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé G. Rivada. Mostrar todas las entradas

lunes, 14 de diciembre de 2015

COMPARTIR ARTE E CARIDADE


ARTE ET ALIA.
El artículo en La Región, 14 de diciembre
XABIER LIMIA DE GARDÓN

Colectiva 'Arte e solidariedade' /Proxeto Home-Galicia, XXV Cabodano... Son 49 autores, de Barreiro a Varela (Javier, Jorge), de 5.200 euros (Silverio Rivas) a 100 euros (Seoane, Lorenzo J. Varela).  Na foto Acisclo no primeiro termo, e na parede do fondo Leandro Sánchez (con 'Berenjenas'), Rivada, Acisclo Novo e Xosé Cid, respectivamente...
Hai unha canseira nesta tipoloxía de eventos en moitos dos artistas dos arredores, mais que evidente nos derradeiros anos, nos que a crise apreta con especial incidencia aos sectores febles do entramado económico e social, no que está o cultural. Dende as dificultades propias do traballo, inherentes ao valor/prezo das obras, das que dependen para o seu vivir cotiá, e que moven nos circuitos de marchantes, galerías e afeccionados, que as insiren no mercado. A venda con fins benéficos, ou aínda peor, as poxas, reflicten un altruismo que están lonxe de sentir, polo dobre gume que equipara presenza como prestixio (?). Mais este mercadeo afoga o valor intrínseco de seu cos baixos prezos.

A obra de Moreiras no frontis da colectiva...


No cumio da cotización da mostra, están S. Rivas, Leiro, Romar, Antón Pulido, Xosé Cid, José Mª Barreiro, Miguel Karballo, Baldomero Moreiras, Moldes, Xurxo Oro e Xosé Rivada, quenes presentan obra para a venda de máis de mil euros. Catro deles son escultores, e nese feixe están algúns dos máis salientables creadores da terra. Por elo a mayoría deles están na fachada ou cabeceira da exposición, á entrada.




No outro espectro do arco da vella áchanse Javier Varela, Poldras, Lorenzo, Vilamoure, Seoane, Riomao, Torres, Dieste, Eduardo Núñez, Costa e Santi Barreiros ou Moxón: todos eles achegan obras polas que taxan entre cen e douscentos euros. Hai pintores e escultores, mais tamén gravadores.

Xosé Rivada ante a súa obra, no día que visitei a mostra.

Delia, de Moxón. No fondo obra de Rivas.
A emoción dende a sensibilidade, coa natureza na base, máis alá da cuantía económica nunha chea deles. Así a escultura-árbore de Xurxo, a 'Delia', muller de raiceiras e melena ao vento do Moxón, o evocador palimpsesto de Baldo Ramos, con grafías diversas, a foto 'Kazanzakis' de Santi, esas berenxenas de Leandro e a carón deste obra unhas ondas de acaído efecto volumétrico de Rivada, esculto-pintor. A delicada noite chumba de Nito Contreras a elegancia extrema na 'cabeza de Afrodita' que trae Xosé Cid, e do outro lado da sala a cabeza deitada dunha moza de Guizamonde, terracota con efectos cromáticos de Acisclo. O soño de Sula Repani, e as sabas brancas de Ofelia Cardo abren mundos...

A expo foi nas salas do Municipal 
Manolo Figueiras, o coordinador de Ourense da Expo ‘Arte e solidariedade’ do Proxecto-Home/ Galicia, no seu XXV cabodano, acompañáse de Moldes e Patiño, pois todos viven nas inmediacións da costa pontevedresa.

OUTRAS COLECTIVAS

A manifestación de entrega dos artistas xa está probada, nesta mostra oficial, e noutras máis modestas, feitas na nosa cidade, e provincia, en moitos anos. Os límites dos artistas están á vista. Hai alternativa nun mercado eventual, dende a caridade na conducta a salientar, e con acaídas doacións. Así non deberían faltar electrodomésticos, pequenos e grandes, reloxios, zapatos e aquipamento deportivo, lentes de sol ou vales para as outras, mobles, mantas e colchóns, xogos para cativos e grandes, obxectos decorativos, espellos, foulares e pañoletas... Moitos poderían ser doazón dos ‘representantes’ económicos empresariais e políticos, que andan da man, como é coñecido; e non deben esquencerse outros eidos, caso do relixioso e tamén o militar... Dende o compartir dos que teñen máis, dos que gañan máis. Os negocios e as figuras das élites locais.

lunes, 7 de septiembre de 2015

AS TEIMAS DE RIVADA

                                      ARTE ET ALIA 
                                          Publicado no Diario La Región / Ourense
                                      Xabier Limia de Gardón


A súa proposta plástica, nas salas de exposicións municipais da Rúa Lepanto, amosa no combinar pezas escultóricas e cadros un sentir dramático. A vida en esencia é cambio, e o mundo muda. Así, van os tempos, sempre iguais e sempre distintos. Cando os cambios bruscos aboian falamos de revolucións, mais estas non son mais que a resposta ás obstrucións no fluxo, e o roncar das ondas...

Esta magnífica obra, que non figura no catálogo, inicia a exposición.




Os peixes transxénicos, dende a escuridade dun proceder industrial contra natura, transmutaranos de xeito irreversible a peor: Eis a denuncia social do artista, co metal con soldadura á vista.

                   



A achega plástica dun torso pétreo feminino supón unha luz de esperanza. 

A composición fotográfica é nosa. A peza non figura no catálogo...

Señorita (sic). Así, por trás, no catálogo...
Non figura no catálogo. Así loce por diante...
Na escultura de parede abre o tema noutras direccións do cadro con decisión, dende o espeso do volume e o rudo da súa materia, con teas empastadas e metais en relevo. A súa pescuda apaixonada e vehemente deixa ver o sangue e a dor da vida, expresada en todas as súas aventuras plásticas, mérito seu. Xosé L. Gómez Rivada (Verín, 1953), emerxe artista dende a profesión do pai máis co apelido da nai, logo dunha dura infancia na vila capital do Val do Támega, indo moi novo a Bilbao, e nos anos seguintes a Barcelona, Madrid e outras cidades españolas, para cambiar de continente ancorándose nos oitenta a México, e regresar a España, logo do terremoto no D.F., e instalarse en Vigo nos anos noventa.

A peza non figura no catálogo...

Idem pe da obra anterior

Dende esta década, despega a súa actividade con presenza en certames, e colaboracións gráficas en libros de verineses como Caneiro ('A valga do triste amor': 1997) ou Edelmiro Mateo ('O viño, a viña e a bodega na sabedoría popular': 2006), e algunhas esculturas públicas (Tui, Vilardevós, Verín).

As exposicións na compaña do pontevedrés Armando Martínez, con quen xa compartira as salas do municipal fai uns anos ('Dúas visións da arte', IX.2005), ata a máis recente no Ateneo, teñen vida da man do periodista Antón Alonso.

O descontrol do catálogo é visible dende o concepto do retrato usual do artista, que se converte en anécdota ante a inflación da súa presenza corporal, e a exhibición da tatuaxe do antrebrazo, o que reverte nunha categoría dende a 'ostentatio' persoal. 

Peixe tranxénico




Máis, para nós, son máis de salientar as numerosas erratas do texto, e a carencia de referencias técnicas nas obras reproducidas nos pés de foto, ademáis dunha caótica rexesta do curriculo, con erros e omisións, o que supón un lastre de fondo para estes ‘Pensamentos fuxidos’, primeira exposición, no tempo, da nova etapa municipal, que pasará á intrahistoria da cidade como a primeira e a derradeira do Concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán.


domingo, 12 de julio de 2015

ABANO DE ARTE NO VERÁN

'Finis Terre' de Marta Moreiras
ARTE ET ALIA
Xabier Limia de Gardón
Co cambio de estación chegou san Xoán, as sardiñas pingan no pan, e as salas de arte da cidade comezan a súa programación de estío. Como nós. Mais antes de despedirmos dos que nos len, ata finais de agosto, queremos facerlles diversas propostas de visita ao elenco de exposicións, co consello de facelas de vagariño. Na radio escóitase Meno Ektos, da grande Eleftheria Arvanithaki, con Ara Dinkjan..., melodía coa que lles invitamos a pasar, se non o fixeron aínda, pola Galería de Arte Marisa Marimón, que ata o 24 amosa ‘Cándida Standwich. La Vie sans l'air’ de Pilar Alonso; e no Centro Cultural da Deputación Finis Terre da fotógrafa Marta Moreiras. De ámbalas dúas temos comentado nas pasadas citas. Nesta última institución está ‘Unha porta do Rial’, inaugurada fai uns días, pintura de Ehlaba Carballo de Dios, de Xunqueira de Espadanedo, e fotografía dixital de Riobó Prada. O título é dun lugariño de Maceda apenas xa sen xente. Luminosa.

‘Doce Balas’, de 'Radu'
Na súa sala principal, está a terceira mostra, ‘Doce Balas’, do compostelán ‘Radu’, esculturas que sorprenden polo material empregado, papeis impresos, cartonaxes, plástico e luces de neon, cos que conforma figuras humanas e de animais, e tamén polas doses de humor e surrealismo nos títulos (Pirata con polbo, Esperándote Amanda, Cadeira RIP ou o Vendedor de luz).


Outra exposición que sorprenderá é a da sala Alterarte, no Campus universitario das Lagoas, máis que nada pola temática sexual e de autoerotismo:’2009-2014.jpg’, do alacantino Javi Moreno. Debuxos explícitos a lapis sobre papel, mera escusa para reivindicar o orgullo LGBT (lesbiana, gay, bisexual e transexual), conmemoración anual que foi esta pasada fin de semana. Son formas humanas que xa non existen, polas datas en que se fixeron. Tales tamén as do "Ourense imaxinado", no Centro Municipal Jº Ángel Valente, máis doutro xeito, pois son unha visión do Ourense dos pasados cen anos a través de dez proxectos. A exposición artéllase baixo a foto aérea do lucernario central en tres seccións: os Equipamentos (1913-1949) edificios proxectados que deixaron pouso nunha idea de cidade compacta, caso do Gran Balneario, nas Burgas; a Expansión (1947-1961), cos proxectos da expansión da cidade cara Canedo, o Plan Parcial das Lagoas e a Ronda Bulevar; e a Modernización (1967-2010), coa arquitectura industrializada do Colexio-Residencia, e a aproximación cara os nosos ríos, Barbaña, ante todo, a reivindicar sen complexos, o Miño, e mailo Loña.


Fora da cidade podemos achegarmos á vila de Xinzo de Limia, onde se organiza entre o 5 e o 12 deste mes o I Certame de pintura mural Matrioska, actividade novidosa na que artistas nacionais e internacionais pintarán nas paredes medianeiras de sete edificios. A visita á Casa-Obradoiro da Pousa de Santa Leocadia (Taboadela) dun referente escultórico ourensán Xosé Cid, para contemplar ‘Diálogos figurados’ deixaralles pouso polas obras inseridas no amplo xardín da finca. O artista amosa nunca casa as súas novas obras de mármore, bronce, e algunha vistosa madeira patinada. Con el vai de novo seu fillo Rosendo, artista conceptual, que presenta colaxes, principalmente. Como antes fixeran no Museo Municipal, entón nun andar cada un, repiten o de fai tres anos aquí, logo da boa experiencia. Unha elegante exposición chea de suxestións esta que os dous artistas presentan arredor da figura humana, base da vida.

'Diálogos Figurados': Aquí  Xosé Cid, no fondo Rosendo C.
Raúl Diniz, artista brasileiro de Sao Paulo residente en Allariz é a proposta da Galería Visol. Cores cálidas dende debuxos planos. E no Municipal inaugura o xoves próximo Xosé G. Rivada, verinense que reside en Vigo. Dende o catálogo de ‘Pensamentos fuxidos’, amosa formas figurativas e abstractas de esculto-pintura, expresionismo matérico. Dinatá Dinatá, da Arvanitakis, sona agora. Antes, fixérano Alkistis Tropolsalti e Haris Alexiou...