Mostrando entradas con la etiqueta Antonio Seoane. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Antonio Seoane. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de mayo de 2013

'Mito e Horizonte' do colectivo Arte Mud en Allariz


EN RISCO

Estivemos na inauguración da exposición ‘Mito e horizonte’, na Fundación Vicente Risco (Allariz), mais sen risco (o que se explicita con estas liñas). Dende finais do pasado mes están Figueiras, Antonio Soria, Xaime Piñeiro e Seo con esculturas, cerámicas, pinturas, gravados e debuxos. E con eles Jesús Costa e Diego Blanco, con un coidado montaxe audiovisual. 


Trátase da primeira das exposicións monográfico-temáticas do Colectivo Arte Mud que iniciou a súa presenza en Allariz a finais do pasado inverno. Onte se completou a actividade mensual con un taller para nenos pola mañá e a mesa redonda pola tarde. Nela estivemos con Soria e Seo, acompañándonos un fato de artistas como Sula Repani, Jorge Varela e Miguel Karballo, os amigos da Fundación, e outros que se sumaron no acolledor recuncho. Logo das nosas preparadas palabras arredor do tema ‘Arte e mito’, a interacción entre todos no cordial estilo risqueano fíxome valorar o tempo xuntos na vella casona ante a súbita canícula exterior.

Xa na terraza do Centro Social, onde se achegou a saudar AlandeVal (deorras, of course) a tertulia continuou máis aló do solpor. Eis a arte a nos concita, e reune, por máis que a renovada presenza de Leda e Ulises, Orfeo, Aquiles ou Pigmalión como referencia nalgunhas obras recentes nos faga decatarnos dos valores que agachan aínda -materia libresca, do ancho mundo do legado da cultura grecolatina-, e con eles os Galaicos mitos que emanan das telúricas formas montuosas do Castelo e Armea, no horizonte de Augasantas. Porque é a fala das rochas un silente presente ao que lle damos as costas en demasía, inmanente e central no perfil da arte galega. Elas din tanto nestas horas lixeiras e de moscóns plúmbeos que viven entre nós! Así se pode comprobar, valorar e apreciar, nas obras daqueles artistas ata fin de mes (no ár da Fundación alaricana parecían resoar aínda as palabras do macedonio Nikola Nadzirov, “só se inventamos novos países/poderemos volver camiñar sobre as augas”, que o día anterior ata aquí se achegou, en destaque no folleto).

As obras de Seo e Figueiras están xuntas, prolongando un diálogo entre elas máis alá do que teñen os artistas...: á dereita "O pintor"(Seo), á esquerda "Pigmalión" (Figueiras).  Debaixo a de aquel é "A esfinxe do encontro soñado ou as mutacións do Romance".  E as do seu amigo e colega "Orfeo" e "Peplum", respectivamente. 


Ora ben, Figueiras presenta ademáis varios gravados de mérito ('Leda'...) e esculturas en bronce ('Polifemo'...) 
         Outro dos artistas é Xaime Piñeiro, escultor-ceramista e pintor. Velaquí tres das súas obras:

           
... do que engadimos estoutra que nos chamou a atención o pasado mes na posta de largo do colectivo ARTE MUD.
                                                               



domingo, 3 de junio de 2012

Seo, unha nova voz plástica


Chega ‘Seo’ cos seus cadros á sala Visol, cos seus mundos entrevistos que titula Renacimiento íntimo.


Dende un amplo percorrido vital e unha bagaxe de docente da filosofía Antonio Seoane. Nace para a arte de Ourense nos pasados días do mes de maio, sendo noutro mes semellante do calendario de 1970 cando nacía -nunca igual pois é sabido que non se pode bañar ún dúas veces nas mesmas augas do tempo-. E séntese pintor dende os primeiros noventa, cando andaba a estudar en Santiago. Xa que logo todo o demais é aprendizaxe no oficio de vivir. Todo elo coa poesía no ar, que escribe, sendo fundador e coeditor da infaustamente efímera Letras de Cal, colección de referencia no medio cultural galego.


O mundo do circo é un tema que o ten aproximado a Manolo Figueiras. Con Antonio Soria Rocafort, ou Jorge Varela, véselle por veces en Allariz, tendo escrito no catálogo deste da exposición do Simeón de 2004 co seudónimo / heterónimo de Antón Ferne.

                                    "Ser
                                     Renacer 
                                     con muerte 
                                     sin fin. 
                                     Siempre, siempre 
                                     de instante en instante 
                                     a toda velocidad 
                                     renacer 
                                     mientras por dentro mueres 
                                     Muy lentamente",

é un dos seus poemas do Caderno da exposición acaído ó tema, por máis que para ela sexa máis explícito aquel no que se le

                                       “cada despertar, un renacimiento; 
                                         cada instante un cauce posible para el éxtasis”.

 
El amor que nos conforta (dende Velázquez e Tintoretto, vide infra).








Este é en si mesmo un curioso documento manuscrito con amplas citas de eruditos da arte en relación coa temática das obras da mostra, e debuxos de obras da historia da arte que lle teñen interesado (Rothko, Velázquez, Tintoretto, Leonardo, pero tamén Toulouse-Lautrec, Dégas, Balthus e Michelángelo, entre outros, como o seu autorretrato).