Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Sendón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Sendón. Mostrar todas las entradas

martes, 17 de enero de 2017

OS RUMOROSOS LÍMITES MARIÑOS DE MANUEL SENDÓN


Manuel Sendón realizou trinta e unha saídas entre 2014 e 2015
dende Ribadeo a Tui, a pé e coa bicicleta,
unha experiencia sensorial e física polos límites costeiros de Galicia.





XABIER LIMIA DE GARDÓN
ARTE ET ALIA




Percorreu Manuel Sendón preto de 1.300 quilómetros polo litoral galego, para facer esta exposición. Foron trinta e unha saídas realizadas durante 2014 e 2015 dende Ribadeo a Tui, a pé e coa bicicleta, unha experiencia sensorial e física ata os límites costeiros de Galicia. 






E coa súa cámara rexistrou as imaxes que trae á Galería Marisa Marimón, unha das mostras inauguradas co gallo do Outono Fotográfico, do que aínda colean outras que están a concluír súa exhibición.


As etapas entre aqueles emprazamentos do territorio centráronse...


... en Foz, Area, Espasante, Bares, Cedeira, Cobas, Ferrol, Penedo, Miño, A Coruña, Caión, Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Muxía, Sardiñeiro, Muros, Noia, Aguiño, Cespón, Illa de Arousa, Vilalonga, Sanxenxo, cabo Udra, Cangas, Arcade, Coruxo e A Guarda: é esta unha escolla nada casual, ou si, con pretensión de abranguer uns límites terrestres á vista das augas ou o rumor delas nos ouvidos, polo norte e oeste mariño ata as augas doces do Miño. 

Xurde así un perfil que se adapta ao do mapa de Galicia, que inclúe na sala, como tamén a bici, un tránsito en dúas rodas ou a pé, mais sempre co seu esforzo, sistema xa utilizado en 'Mil Ríos', un proxecto feito en canoa con Fran Herbello




A de agora, ‘Perimetrada’, foi anticipada en xaneiro do ano pasado na colectiva ’Camiño de volta’, na Casa da Parra. Trátase dunha experiencia física, e tamén técnica, co gusto de contemplar fotos limpas case sen posprodución: unha toma de postura consciente como tamén a descrición dun territorio, e nese hábitat as pegadas, torres, faros, camiños e corredoiras, as súas propias rodas e pasos, un paisaxismo sui xénere, no que está John Berger, o gran ensaísta que morreu estes días, que ensinou a ver a tantos, e a apreciar a fotografía. Así tamén na exposición ‘Espantallos’ no Museo Municipal, o pasado Outono Fotográfico, na que introduxo o movemento co zoar do vento.




Nós vemos neste espazo protagonista para Manuel Sendón un intramundo, un non-lugar que conecta o mundo sensible e o mundo espiritual, o mundo no que os corpos espiritualízanse e as almas toman corpo. Este entender a terra dende a fotografía é algo que leva facendo Manuel fai tempo, caso de "Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965)", a súa tese de doutoramento, publicada por Xerais a finais dos noventa. 

Mais nestes anos do novo milenio, en que pasamos da fotografía analóxica á dixital, e súbense á net tantas imaxes por hora que xa non hai tempo de ollalas, estanse a esvaer os seus valores tradicionais de verdade, memoria e arquivo, sendo que a fotografía máis que manifestar o acontecemento o que se desexa é constatar que estamos presentes. Esta é a opinión de Joan Fontcuberta, Premio Internacional Hasselblad 2013, o Nobel da Fotografía. Esta aposta pola fotografía de Manuel Sendón, tamén curator, é paralela á de Marisa Marimón. quen celebra con esta mostra, desde finais do mes de novembro, o seu XXII aniversario. Il, con Eva Díez, Xabier Toubes, Mauro Trastoy, Tamara Feijoo, Iván Prieto e Seara despídenos dende os seus escaparates.



                                         ***
E para rematar, a mirada do mestre Sendón, arriba, e unha foto de paisaxe co mesmo tema, máis doutro fotógrafo...  

Carretera hacia el faro de A Frouxeira. Meirás, Valdoviño. 

lunes, 26 de octubre de 2015

PARA VER OS 'ESPANTALLOS' DE SENDÓN

Co comezo das exposicións de ‘Periferias’, do Outono Fotográfico, as salas do chamado Museo Municipal de Ourense énchense con tres mostras da sección oficial. Cláudio Garrudo está na máis pequena delas con ‘Substantivo feminino’, contorno do corpo feminino en dezaseis diminutas obras imaxes de 8,5 cm por 5,5 cm. Recoñecido en Portugal, fundador do Bairro das Artes na ‘7ª colina’ de Lisboa, ben de gañar o pasado mes a Bienal de Coruche (Ribatejo). 


Antes, ocupa o espazo Catrine Val, alemá nada en Colonia, que logo de pasar por Kassel trae ‘Philosopher, the dismal science’ (filósofos, a ciencia triste), na que analiza a perda da conexión coa natureza no noso mundo, anceio dela, cosmovisión romántica de harmonía; e con ela ‘Lotus cronicle’(crónica del loto), ámbalas dúas de 2014, que coloca nas paredes con cravos, unha en gran formato e as outras sur montadas nela.






Son todas mulleres da India, sen elementos que indiquen casta, amosándose con un concepto igualitario, dende o xénero, vindicación do seu poder nun contexto vital.






ESPANTALLOS DE SENDÓN


Mais son os ‘Espantallos’ de Manuel Sendón (A Coruña, 1951), no primeiro andar, ‘a exposición’ do centro expositivo municipal. As fotos coa Hasselblad, ás que engade vídeo con música en pantallas de plasma, para mellor captar co vento a maxia destes obxectos de uso práctico no rural galego entre o millo e outros cultivos. Documenta con ollos de artista a actitude dos labregos do noso campo por darlle un novo significado, e valora a súa actitude por aproveitalo todo, que tan fondo está na nosa cultura campesiña..., e a de todo o continente europeo! Así pon na mesa a cuestión do ‘feísmo’, e sinala ‘que non se trata de idealizar os comportamentos mai si contribuír a desmontar certos estereotipos’ despectivos. 


O profesor de fotografía da facultade de Belas Artes de Pontevedra salientou que "se topamos en Europa un envase reciclado para recoller o lixo, destacamos con admiración a súa cultura de reciclaxe". 


Unha acaída posta en escena dende a retranca, unha estática e unha estética do territorio, do director do Centro de Estudos Fotográficos da UVigo (con X.L. Suárez Canal), e que entre outros proxectos ten levado a cabo ‘Mil ríos’ (con Fran Herbello) e ‘Ourense de auga e pedra’ (Ir Indo, 1990), este con texto de Carlos Casares.