Mostrando entradas con la etiqueta Ehlaba Carballo de Dios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ehlaba Carballo de Dios. Mostrar todas las entradas

martes, 27 de febrero de 2018

'LARGO' PATO TORRES, RETROSPECTIVA POST MORTEM

ARTE ET ALIA
Así saíu o artigo na web de La Región
XABIER LIMIA DE GARDÓN

J. A. Torres Pato era Largo


Subimos ao primeiro andar do Centro Cultural da Deputación para facer un ‘Largo’ Torres Pato. Silencio inusual na escaleira secundaria, que a principal está bloqueada polo Tempore sueborum estelar das tres exposicións que a conforman... A transparencia do espazo e as súas obras nas paredes, na tranquilidade, semellan contarmos... Nunha das vitrinas, con cadernos debuxados do artista, hai unha foto de Torres con un monte de artistas, todos noviños: Vidal Souto con pano amarelo, Xavier Cuiñas, Sula Repani, Nicolás G. Aller e Santeiro, Xaime Fuentes, Delfín Blanco, Virxilio, e tamén Manolo Vidal levantando cara o vaso co viño, un brinde dun heteroxéneo grupo efémero que non chegou a ser agrupación nin xeración, mais que conforman a paisanaxe artística da nosa cidade, da que sae o noso ‘caldo de gloria’ (Rosalía de Castro); o fotógrafo e Torres no eixo, abrigado e coa cabeza cuberta, con Karballo diante, conveciño das terras dos Chaos, e amigo. A foto de Kodak remite dende as súas cálidas cores a un tempo apenas imaxinado.

No posado dos artistas de 'Musa da Paz' coa directora dos Espazos Expositivos do concello xa non estaba...
No medio dun grupo tamén vimos unha obra súa no Auditorio, logo do suplementario esforzo para achegarmos alí. Daquela era ‘Solidariedade na Gaia’ para a ‘Musa da Paz’, unha das vinte oito colaboracións artísticas reunidas por Artur Alonso Novelhe en setembro de 2016, con Ehlaba Carballo de Dios como comisaria, quen lle fixo algunha das últimas fotos, algo enfermo xa. Alí está nalgunha de inauguración con Ferrer, Ruth Lodeiro e Soledad Penalta, Otero, Irene Silva e Yolanda Carbajales, ademais de T.Taboada, Ramón Conde ou Antonio Souto.

... mais subiu outro día, e retratouno a Comisaria. Detrás a súa acuarela.
Con Ehlaba había compartido exposición en Allariz a mediados de 2015, ano do que son precisamente as derradeiras obras da ampla exposición retrospectiva in memoriam que a viúva e un amigo veñen de montar en Ourense. Naquela altura da Semana Internacional da Paz parte a idea de argallar unha exposición no Centro Cultural, mais coa enfermidade vai desbotándoa.


Agora, un ano despois da súa morte, coas obras de Torres Pato, e dalgúns familiares e amigos, fíxose unha lembranza, e catálogo. Así se fixera tamén no Museo Municipal con J. Díaz, ou aquí mesmo no vello Simeón con, Castor Díaz ‘o Pereira’. Deste xeito o seu paso por un tempo, espazos compartidos e vividos, queda rexistrado como un servizo cultural para a colectividade. Nacera en Ourense en 1955, maxisterio, mili en Córdoba e logo a primeira expo no Ateneo, e Chus Pato escribíndolle ‘chove en forma de pétala / ata cristalizar a noite / para iso cumpriu que a curuxa / estendera o seu manto / e ti te asolagases na brancura sos seus ollos’. Santander, Barcelona, Ponferrada, e O Bolo, veráns en Mallorca, e Bóveda de Amoeiro.


Pintura con inquietudes persoais, de voo baixo, que pasea polo seu entorno, caso de El Castillo de Ponferrada, de 2011, que de aquí é a súa muller...; mais é no retrato dela, de 1984, e no propio autorretrato do artista, de 2004, onde podemos ver obras de maior empeño. Algunhas acuarelas, e óleos, de estética vidreira, teñen interese, coas súas tintas planas e os campos de cor. En moitos deles está o sol, e a lúa, con un afán de permanencia, do que non esmorece...




martes, 15 de noviembre de 2016

EHLABA CARBALLO E RUTH LODEIRO TRANSFIGURAN CORES E TERRA


Vista do conxunto coas  obras de ámbalas dúas artistas. Na parte outa o dormitorio co berce familiar

XABIER LIMIA DE GARDÓN.
o texto na web de La Región
ARTE ET ALIA.



Pasado, presente e porvir mestúranse neste mes de Santos no espazo do Museo-taller de olería de Niñodaguia. Oficialmente inaugurado o pasado día cinco polo Presidente da Deputación Xosé Manuel Baltar neste lugar do concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo, e malia o seu interese etnográfico intrínseco, outro é o motivo que nos fixo achegarmos, xa que logo expoñen Ehlaba Carballo de Dios e Ruth Noemí Lodeiro. Por uns días... Elas irradian emoción e sensibilidade, dende súas obras, as pinturas de Ehlaba coa oleiría no centro, e as pezas escultóricas de Ruth con coa cerámica no cerne, como materia expresiva. Xúntanse nesta antiga casa-obradoiro de alfareiro, porque escoitaron falar ás cores e a terra, e o novo museo se enche, que as obras falan.


Ehlaba é desta terra, onde ten casa, pinta e vive, e o seu son óleos, co mundo familiar dos Carballo Conde, o da olaría, que nace nos anos vinte do pasado século. O traballo dende as barreiras dos montes do Balbón, na parroquia de Tioira, onde collían o barro, entre medias escuro e griseiro, que peneiraban e amasaban ata semellar pan, antes de cocelo e fabricar xarros, pucheiras, canibarros e cuncas. O oficio chega a Gabriel e Dolores, e deles aos fillos, Manuel, seu pai, e Gabriel, quen aínda vive. Este é o pai de Loli Carballo Villar, coa que Ehlaba fixo no Castelo de Maceda a exposición ‘30+3’, polo número de olas que facían por día, que as tres restantes eran para as desmermas. Desa xeira son as trinta pinturas da sala principal do Museo. 


As derradeiras tres olas que fixo o seu pai no ano 1993 foron para cadanseu fillo... Outra das obras que está aquí é ‘Noche dorada’, que ten viaxado ata no Xapón.

Na exposición, as obras de Ruth Lodeiro no centro, con 'Corona de ancestros' pendurada; as de Ehlaba, acolledora ela, aos lados...
Ruth Lodeiro trae pezas policromadas, feitas con barro, e outros materiais, cosidas con cordas e fíos de arame, expresando sensacións orgánicas e sentimentos dende o matérico das formas elaboradas. 

Eva-Sherezade II











Son obras ás que reviste de poesía, que a artista fixo Filoloxía en Salamanca. Así en ‘Corona de ancestros’: ‘...restos óseos de la humanidad en la caverna. Vértebras del tiempo que olvido yacerán’. 








Da que pendura no cuarto, ‘Eva-Sherezade II’, escribe: ‘Eva sí. Pecadora sin pecado. Eva-Sherezade mágica. Matriarca del clan con las cuencas desheredadas de creencias. Se compra felicidad: la carne, el coche disfraza, la casa acoge, el arte moldea. Eva transgresora. Eva al fin y al cabo, estaba escrito como se expulsa del paraíso’. 









As outras levan por títulos ‘La paz de los ojos velados’, ‘Babel V. Osario’, ‘Espinazo (alimento del olvido)’ ou ’500 ojos velados’, que semella unha cortina. Na sala Apo’strophe de Vigo amosounas: ‘Materia de barros’. 



Ata aquí chega apoiando a xenerosidade de Ehlaba, á quen se deben tanto as xestións para o acaído cartaz da expo, obra de Alexandre Arte e Deseño, como o dormitorio co berce no propio Museo-taller..., todo para facer medrar a arte no rural con Ruth Noemí nun diálogo co tradicional, a linguaxe culta e a popular nunha transgresora unión.

 Con Ehlaba, no día da visita, entre as obras das dúas artistas...