lunes, 23 de febrero de 2026

A identidade da matriz extranxeira

 


Unha exploración do concepto de forasteiro, persoa que vive en terra allea á súa natal, presenta na galería de arte DodoDadá o autor desta mostra, Costa (Madrid, 1960), que firma Jesús, non Xesús, ou con diminutivo, ou apócope... Así consta sempre na súa biografía, que nos leva aos seus traballos para a compañía ourensá de teatro Sarabela dende os anos oitenta, empresa na que participa facendo máscaras en diversas producións, caso de “Xacobe ou a sumisión”, de Ionesco, 1989; A gata con botas de Perrault, 2004, ou Sexismunda, 2001, baseada en Calderón de la Barca, adaptación singular dende a perspectiva de xénero, con dramaturxia de Ánxeles Cuña, Fina Calleja e Begoña Muñoz. E intervén tamén na realización da escenografía e atrezzo das obras de Blanco Amor, A Esmorga, 1996, e Romance de Micomicón e Adhelada, 1999, que adapta e dramatiza a súa parella Begoña Muñoz (Barakaldo, 1961/2010, Ourense). Docente, tradutora, escritora, un piar de seu para Jesús, quen recupera para este proxecto escultórico un tema dela moi querido, Medea, co libro homónimo de Christa Wolf na base. Á feiticeira mítica da antiga Hélade, encarnación do espírito da aniquilación, dedicoulle na primeira década do século artigos na revista Casahamlet


Centauro Quirón

Famosa pola súa relación con Jasón no navío Argo, e outros navegantes, os argonautas, axudándolle a conseguir o “vellocino” de ouro, acción de sona que semella secundaria ante o feito de asasinar aos fillos tidos con el, cando a deixa para emparellarse con outra, que toma como mostra de ingratitude e soberbia, mais de feito non deixa de ser vesania. Esta acción de vinganza vicaria contra Jasón tense relacionado nos últimos anos coa violencia de xénero, dando pé ao síndrome de Medea.


O libro inspirador da mostra

Presenta así, dende un contexto persoal teatral e familiar, unha manchea de pequenas figuras montadas con pezas de varias árbores e diferentes texturas, que coloca sobre columnas de varas metálicas por fuste, cravadas en toradas de piñeiros con casca queimada e conclúen noutras iguais a modo de capitel, sobre as que pousa as obras. Lisa, Acamante, Creonte,... son nomes gravados nas obras cos que identifica este ciclo de cultura da Hélade, xente dun cosmos e tempo que comparten sala; mais Medea vai fóra, separada, á entrada, e o mítico carneiro da áurea la nunha beira, antes do grupo. Este disponse en liñas paralelas como si dunha plantación de eucaliptos se tratara. E nas paredes laterais pendura dúas grandes pezas de madeira para completar a mise en scène

Recuncho da sala

Veñen de Santirso na Galicia profunda, na serra ourensá de san Mamede, onde vive este artista de formación ceramista, que ten colaborado coa Sargadelos, e traballa en proxectos medioambientais. 

Medea e o cabrón do "vellocino".

Para o autor do texto anónimo da folla de sala (seica é Claudio Luís, -"Calís"- Pato, poeta e funcionario) amosa a súa reflexión dende “un mar de antas”, título coa foto dunha fiestra ata a que chega polo exterior un mesto ramaxe arbóreo, e pequenas figuras de madeira diante, nunha repisa, na habitación. No escrito relaciona a “respiración de caléndulas” co aceite desta planta, tomado dunha frase de Begoña Muñoz, que cita. E máis alá das máscaras, as formas encáixanse “capaces de remontar a memoria das augas”. Fíxome matinar na Maga de Rayuela.

Frixo


Un pensamiento de Rumi

 El huésped interior


Hay un huésped
en tu casa
al que no reconoces.
No viene del mundo
ni se marcha con el tiempo.
Cuando limpies la morada del yo,
él se sentará en el centro
y no pedirá nada.



De Readme a Look at them (míralas), fotos de Santi Barreiros

 

É esta unha mostra de fotos que ispe ao seu autor, pois nela amósanos o perímetro do seu mundo. Ante todo o do seu entorno, xentes coas que temos compartido miradas e tempos ourensás de noso, persoas que podemos ter coñecido, e tratado, pois moitas son dos nosos días. 


Tres amigos en Allariz 

Jazz, artistas,...

Máis a maxia do mirar de Santi Barreiros ao deter un casulo de tempo na nosa memoria dos anos oitenta, ou noventa, coa súa cámara, son sen dúbida unha alfaia. Para nós, que tratase daquela a Xosé Cid e lle interesase retratar a Xoaquín Lorenzo, o derradeiro da Xeración Nós, a Quessada e Acisclo, todos con primeiros planos, ou Virxilio, ten o seu aquel, que xa daquela eran dos consagrados, fronte aos novos artistas cos que compartía tempo, Huete, Xoan Torres, Xavier Cuíñas, Miguel Karballo, Xosé Vilamoure, Jesús Costa ou Pastor Outeiral, con quen fixo exposición en Xunqueira de Espadanedo en 1994. Huellas, titularana. Ou escritores. Chesi (JºMª Pérez), falecido polo Nadal, cunha foto de pose para un libro, Manolo Guede, e Chus Pato, premio nacional de poesía 2024 e poeta de culto. Logo está Nito Contreras, que aparece en tres fotos. El e Giana Pizzi, súa dona, acollérono cando vai vivir en Roma. Logo farían exposicións na Visol e Allariz, até a Overtaz, 2023, no Campus, mais Nito, seu irmau de confidencias, ía naquel intre polo río en Vigo, onde vive a mar, “que es el morir”, como dixera o cabaleiro-poeta medieval. Lembralo -lembrándoo- e ir na contra das augas do Lethes / Limia / Lima, tan de nós...


Posa cun retrado de Entrambosríos

Barreiros (Ourense, 1950), busca agora con Read /me. (léeme), e fotos de tamaño medio, unha linguaxe de proximidade, caso distinto dos Retratos dun tempo da plástica galega seu de Xulio Gil, quen utilizou un canon sobranceiro na mencionada  mostra da sala d’Afundación. Santi ten transitado por un amplo abano temático ao longo da súa vida profesional por vivir da fotografía, o alimenticio dos mundos da moda, vodas e interiorismo, e a liberdade creativa das exposicións. A última con temática aberta á natureza, e antes con Nito as foto-esculturas land art no Campus. Con Vistas al mar, nas paredes do hospital santa María Nai, salas de cancro, vese o seu studium ao modo Barthes, que o artista busca, e tamén o punctum, fóra do seu control, máis alá dos lacrimais...


Yosi (díptico)

Ten publicado libros dende 1993, sendo "Entrambosríos", unha aldea da Ribeira Sacra ourensá", o máis recente. De sentir etnográfico eis o ciclo anual coa familia protagonista coa que conviviu, dende a inicial acollida improvisada que se foi fcendo cotiá, obra que transpira emoción arredor das árbores, nas que nos esquece o castañ-rei-do-souto, recollido no catálogo das senlleiras en Galicia. O primeiro dos retratos desta serie é o do Manolo. Todos están na sala do C.C.M.V. da deputación ourensá.


Santi cando me guiou pola sala
E o seu amigo-irmán Nito Contreras, que morreu, un día antes da súa anterior exposición xuntos.
 


Outras das virtudes da exposición é a de acharmos nun mundo coñecido, dende a paisanaxe ás fotos de viaxes, algunhas nas rotas turísticas, como Lisboa e Perú; a dos pescadores en Gambia recolle un lance onde se xogou a vida, e na de Vietnam das capas, chea de picardía, que o anónimo cristaleiro refugaba as fotos...


Chus Pato, gran poeta e amiga súa.

Readme -léeme- (for free /gratis), no cartel, Lisboa.