lunes, 10 de junio de 2024

MoxoM talla un carballo en Vilariño Frío



Foi o mes de maio pasado presente, dito así, ao xeito dos documentos históricos, propicio para as boas novas. Unha delas, en especial, ten transcendencia para a arte pública viaria, mais lonxe de ser unha peza decorativa para unha rotonda ao uso o rexistro céntrase no cerne conceptual dun símbolo da nosa cultura, a árbore. Na beira da estrada do termo de Vilariño Frío, concello de Montederramo, hai unha árbore de nobre porte polo ancho diámetro do tronco que está desmouchada, isto é, podada en exceso. É coñecida como o carballo de abaixo, lugar de xogo para nenos e adolescentes, e espazo de acubillo para os máis vellos baixo das frondosas polas no tempo de verán. Foi respectada cando fixeron a beirarrúa, mais a centenaria árbore, esmoucada fai uns anos, foi esmorecendo, sendo motivo de laios da veciñanza pois formaba parte da paisaxe das súas vidas dende sempre. Alí seguía como unha testemuña parlante doutrora. A asociación cultural dos veciños A Ponte solicitou o pasado ano permiso á Deputación, con competencias directas na estrada, para que Xosé Manuel Rodríguez Mojón (n. 1964), artesán e artista da talla conveciño destas terras fixera unha intervención plástica nel, séndolle agora concedida, e MoxoM, que así firma, púxose co “carballo da lembranza” de inmediato.


 O carballo antes da intervención

MoxoM ten sido na súa arte moi respectuoso coas formas naturais das árbores que traballa para darlles esa nova vida ás vellas madeiras, e transforma de xeito sutil e expresivo. Viu así, na superficie do seu tronco, unha faciana feminina que o chamaba na vella árbore, unha talla respectuosa que fíxo aparecer, engadíndolle uns toques de cor en ollos e beizos. Na cima da fronte, os amputados extremos dos troncos semellan melena. Velaquí o valor engadido dende o seu estilo, cunha mensaxe de sensibilización medioambiental desta intervención de street art. Así tamén coa Moza de Castro Caldelas, que tallou nunha raíz e semella unha fada que se aparece para falarmos ao ao ouvido cando un se senta ao seu carón. Son os rostros que agocha a madeira e que o artista revela. Esta "Dona do carballo” é unha nova entrada no concello, pois en tempos recentes xa fixera os paneis da sinalética explicativa dun tramo da Vía XVIII romana ou Vía Nova, e da antiga ponte dos tempos da Idade Media, pola que o monxe bieito frei Martín Sarmiento atravesou a comezos de novembro de 1705 cando pasou polo camiño real. 


A árbore como eixo do mundo, propicio para a conexión terra/ceo. E amén símbolo de moda, dunha marca galega, Galoha. En Pumbariños, Manzaneda, áchase o castaño famoso de máis de doce metros de ancho, unha das árbores senlleiras de Galiza, lista protectora na que tamén está a sobreira da cidade capital de Ourense, no barrio das Lagoas. 

A inspiración no carballo nunha nova marca de moda galega, Galoha.
 

Recente libro colectivo do carballo de Padroso


carballo de Padroso, Xunqueira de Ambia, ten unha relevancia especial recente pola acción de Bieito Ledo, editor e escritor, con casa natal preto, e pasar nas inmediacións o camiño de Santiago. O deseño dun acaído letreiro polo pintor Antón Pulido con talla de Luís Suárez, no que se lee a inscrición “abrázame”, invita á comuñón coa natureza, sendo así coñecido como carballo das apertas. No de Vilariño Frío está a brotar unha pola. Así lle pasou ao vello olmo seco e centenario "en la colina que lame el Duero”, cantado por Antonio Machado...


Así foi tallandoa en maio..., e así foi o carballo noutros tempos...

No hay comentarios:

Publicar un comentario