|
Los labios, 1974. |
ARTE ET ALIA. Xabier Limia de Gardón.
Achegarse ás obras de Xaime Quessada expostas na sala de AFunfación supón un abraiante descubrimento para os sentidos, e a sensibilidade, na altura que andamos do século XXI. O comisario José Gómez Alén quere expresar con esta escolla, centrada nas décadas dos anos sesenta e setenta do pasado século, a reacción do artista ourensán ante a opresión e a tiranía facendo súas as preocupacións e inquedanzas de diversos colectivos sociais consonte a súa ética persoal, e solidariedade.
|
Pop ficción, 1973. |
Son as súas obras testemuña dun sentir, que toca tanto as feridas da guerra de Vietnam ou o Chile do golpe de estado do xeneral Pinochet fronte a Allende, como a represión franquista. En todas amosa o seu arte de gran porte, grandilocuente nas formas.
|
Protesta, 1969. |
Nelas vese o seu sentido da solidariedade universal, o compromiso social de cidadán do mundo. A linguaxe formal do Pop, e os camiños da figuración de raigame expresionista, coas achegas obsesivas baseadas no Guernica picasiano, son as formas externas que peneira dende a súa síntese de grande artista. O idealismo deste no político estaba co Partido Comunista de Galicia desde 1967, uníndose tamén ao de España segundo se ten escrito, relación que mantivo uns dez anos. Mais a loita e defensa dos dereitos foi un vector constante na súa vida.
|
Noaia, 1964. |
Serie negra
Un dos acertos indubidables desta exposición é esta achega pictórica de Quessada, máis completa que a que fixo recentemente en Ferrol. Estas obras que se expoñen no soto do edificio teñen como denominador común a loita contra a tortura e a pena de morte, e abranguen un abano temporal que vai do campo de exterminio xudeu dos nazis en Auschwitz-Birkenau ata Carabanchel, el Garrote ou Réquiem no penal de Burgos. Todas elas enmárcanse entre Vietnam e El laberinto español IV, obra de 2003 que reborda o marco cronolóxico dos vinte anos sinalados.
|
Laberinto español IV, 2003. |
Dende a escolma dos fondos de Abanca, AFundación, e da Fundación Quessada Blanco, principalmente, con achegas dos museos municipais de Vigo e Ourense, e da Universidade de Santiago, velaquí un canto á fraternidade dende a denuncia da intolerancia. Agora que se cumpre unha década da súa morte e once anos daquela exposición nesta mesma sala co seu fillo, xa entón infelizmente falecido, botar unha ollada a súa arte permite decatarmos das súas multiformes influenzas estilísticas e técnicas transmutadas ao quesadiano modo nunha marca de seu.
|
El garrote, 1971. |
O fértil maxín deste proteico artista atlántico e mediterráneo era ao mesmo tempo fondamente europeo e galego de Ourense, dende a rúa Lamas Carvajal. Nos cen metros entre a sala de arte da Praza Maior e Santa Eufemia houbo un río de vida e arte que fluía da casa dos Quesada Porto, que era un mundo.
|
Metamorfosis, 1969. |
E nestes días nos que se escrebe que vai vir á Cidade da Cultura de Galicia ‘A derradeira lección do mestre’ de Castelao, paradigma dun tempo, estaría ben que a Fundación Quesada Blanco puidera propoñer unha exposición antolóxica súa. Quessada, pintor novelista, nas palabras de Darío Villanueva, nunca deixou de practicar o compromiso coa pintura e co seu tempo.
|
Vietnam, 1964. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario