martes, 27 de febrero de 2018

'LARGO' PATO TORRES, RETROSPECTIVA POST MORTEM

ARTE ET ALIA
Así saíu o artigo na web de La Región
XABIER LIMIA DE GARDÓN

J. A. Torres Pato era Largo


Subimos ao primeiro andar do Centro Cultural da Deputación para facer un ‘Largo’ Torres Pato. Silencio inusual na escaleira secundaria, que a principal está bloqueada polo Tempore sueborum estelar das tres exposicións que a conforman... A transparencia do espazo e as súas obras nas paredes, na tranquilidade, semellan contarmos... Nunha das vitrinas, con cadernos debuxados do artista, hai unha foto de Torres con un monte de artistas, todos noviños: Vidal Souto con pano amarelo, Xavier Cuiñas, Sula Repani, Nicolás G. Aller e Santeiro, Xaime Fuentes, Delfín Blanco, Virxilio, e tamén Manolo Vidal levantando cara o vaso co viño, un brinde dun heteroxéneo grupo efémero que non chegou a ser agrupación nin xeración, mais que conforman a paisanaxe artística da nosa cidade, da que sae o noso ‘caldo de gloria’ (Rosalía de Castro); o fotógrafo e Torres no eixo, abrigado e coa cabeza cuberta, con Karballo diante, conveciño das terras dos Chaos, e amigo. A foto de Kodak remite dende as súas cálidas cores a un tempo apenas imaxinado.

No posado dos artistas de 'Musa da Paz' coa directora dos Espazos Expositivos do concello xa non estaba...
No medio dun grupo tamén vimos unha obra súa no Auditorio, logo do suplementario esforzo para achegarmos alí. Daquela era ‘Solidariedade na Gaia’ para a ‘Musa da Paz’, unha das vinte oito colaboracións artísticas reunidas por Artur Alonso Novelhe en setembro de 2016, con Ehlaba Carballo de Dios como comisaria, quen lle fixo algunha das últimas fotos, algo enfermo xa. Alí está nalgunha de inauguración con Ferrer, Ruth Lodeiro e Soledad Penalta, Otero, Irene Silva e Yolanda Carbajales, ademais de T.Taboada, Ramón Conde ou Antonio Souto.

... mais subiu outro día, e retratouno a Comisaria. Detrás a súa acuarela.
Con Ehlaba había compartido exposición en Allariz a mediados de 2015, ano do que son precisamente as derradeiras obras da ampla exposición retrospectiva in memoriam que a viúva e un amigo veñen de montar en Ourense. Naquela altura da Semana Internacional da Paz parte a idea de argallar unha exposición no Centro Cultural, mais coa enfermidade vai desbotándoa.


Agora, un ano despois da súa morte, coas obras de Torres Pato, e dalgúns familiares e amigos, fíxose unha lembranza, e catálogo. Así se fixera tamén no Museo Municipal con J. Díaz, ou aquí mesmo no vello Simeón con, Castor Díaz ‘o Pereira’. Deste xeito o seu paso por un tempo, espazos compartidos e vividos, queda rexistrado como un servizo cultural para a colectividade. Nacera en Ourense en 1955, maxisterio, mili en Córdoba e logo a primeira expo no Ateneo, e Chus Pato escribíndolle ‘chove en forma de pétala / ata cristalizar a noite / para iso cumpriu que a curuxa / estendera o seu manto / e ti te asolagases na brancura sos seus ollos’. Santander, Barcelona, Ponferrada, e O Bolo, veráns en Mallorca, e Bóveda de Amoeiro.


Pintura con inquietudes persoais, de voo baixo, que pasea polo seu entorno, caso de El Castillo de Ponferrada, de 2011, que de aquí é a súa muller...; mais é no retrato dela, de 1984, e no propio autorretrato do artista, de 2004, onde podemos ver obras de maior empeño. Algunhas acuarelas, e óleos, de estética vidreira, teñen interese, coas súas tintas planas e os campos de cor. En moitos deles está o sol, e a lúa, con un afán de permanencia, do que non esmorece...




No hay comentarios:

Publicar un comentario