miércoles, 25 de octubre de 2017

X. POLDRAS, GRAVADOR DE MATERIAL MEMORIA



Valente escribía en 1992 aquelo de ‘la blancura siniestra de la nieve’, en No amanece el cantor, un dos poemarios inspiradores do sobranceiro poeta de orixe ourensá para Xosé Manuel Rodríguez Alonso (A Coruña, 1969), coñecido no mundo da arte como “X. poldras”. Vive entre nós dende fai uns anos, e a literatura e a arte son os vimbios que configuran o seu substrato, que manexa con sensibilidade nos seus gravados. A iconografía deles é ben coñecida en Ourense, onde expón de xeito regular dende 2010, cando fixo ‘De rerum natura’ para o Centro Cultural da Deputación, baseándose no libro homónimo do autor romano da época da República Tito Lucrecio Caro. Porque a natureza é a base, e nela as persoas, figuras estas sempre presentes, como sombras mais en relevo, nas obras. Acompañárono daquela os textos de Agustín Gª Calvo, profesor especialista desa obra do ano 50 aC., e Xavier Ron. Así segue a camiñar hoxe en día, xuntando os escritos de Alicia López e os seus gravados en 'Luvas negras', iniciativa recente a favor de Médicos sin Fronteras.



Co gallo da mostra que presenta na Galería Visol estes días ben de facer un obradoiro de poesía visual dende un poema de Celso Emilio Ferreiro Míguez e a Fonte de Marcel Duchamp, que inicia fai agora 100 anos a arte contemporánea. Aboia asía a obra coa cabeceira de ‘La Región / Diario Independiente - De intereses generales de noticias y avisos’, do 10 de abril de 1917, coa reprodución da obra daquel artista inserida o mesmo día desde ano que andamos, que engade á exposición... Esta é unha suxestiva e variada proposta que leva no centro un díptico inspirado nunha obra realizada para eloxiar a uns heroes que se salvaron dun naufraxio malia a deserción do capitán, que pon dende a linguaxe da época, o Romanticismo, Theodore Géricault. Dela escolle figuras e reutilizaas con outro ritmo para expresar unha idea de desamparo, silencioso berro que se aprecia tamén noutras da sala nas que latexa no fondo unha preocupación polas xentes que arriscan as súas vidas atravesando o Mediterráneo cara Europa. Esta é unha obra feita en xuño de 2015, cando estaba a reinterpretar a danza de Matisse e outros cadros da historia da arte. As súas composicións semella que danzan no espazo baleiro do papel, ingrávidas e dubitativas, con un minimalismo moi poético. Son figuras humanas no papel, que é máis que soporte. 



A súa técnica da colografía é sobre papel, con punzón, ou burel, na matriz, para entintar e logo estampar xera na impresión texturas en relevo, e admite cores. Influído por Óscar Manessi ou o escultor madrileño Juan Muñoz, aos que tratou, Xosé licenciouse en Belas Artes en Salamanca, e logo de facelos cursos de doutoramento aquí, en s`Hertogembosch e Maastrich, ben de culminar coa tese na UVigo sobre os Caprichos de Goya, parte gráfica con oitenta debuxos que deberíamos poder ver expostos algún día, xa que logo ‘Espera, espera. Eu non son o de onte’, como di nunha das obras de 'Era unha vez o deserto'.



No hay comentarios:

Publicar un comentario