martes, 17 de enero de 2017

OS RUMOROSOS LÍMITES MARIÑOS DE MANUEL SENDÓN


Manuel Sendón realizou trinta e unha saídas entre 2014 e 2015
dende Ribadeo a Tui, a pé e coa bicicleta,
unha experiencia sensorial e física polos límites costeiros de Galicia.





XABIER LIMIA DE GARDÓN
ARTE ET ALIA




Percorreu Manuel Sendón preto de 1.300 quilómetros polo litoral galego, para facer esta exposición. Foron trinta e unha saídas realizadas durante 2014 e 2015 dende Ribadeo a Tui, a pé e coa bicicleta, unha experiencia sensorial e física ata os límites costeiros de Galicia. 






E coa súa cámara rexistrou as imaxes que trae á Galería Marisa Marimón, unha das mostras inauguradas co gallo do Outono Fotográfico, do que aínda colean outras que están a concluír súa exhibición.


As etapas entre aqueles emprazamentos do territorio centráronse...


... en Foz, Area, Espasante, Bares, Cedeira, Cobas, Ferrol, Penedo, Miño, A Coruña, Caión, Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Muxía, Sardiñeiro, Muros, Noia, Aguiño, Cespón, Illa de Arousa, Vilalonga, Sanxenxo, cabo Udra, Cangas, Arcade, Coruxo e A Guarda: é esta unha escolla nada casual, ou si, con pretensión de abranguer uns límites terrestres á vista das augas ou o rumor delas nos ouvidos, polo norte e oeste mariño ata as augas doces do Miño. 

Xurde así un perfil que se adapta ao do mapa de Galicia, que inclúe na sala, como tamén a bici, un tránsito en dúas rodas ou a pé, mais sempre co seu esforzo, sistema xa utilizado en 'Mil Ríos', un proxecto feito en canoa con Fran Herbello




A de agora, ‘Perimetrada’, foi anticipada en xaneiro do ano pasado na colectiva ’Camiño de volta’, na Casa da Parra. Trátase dunha experiencia física, e tamén técnica, co gusto de contemplar fotos limpas case sen posprodución: unha toma de postura consciente como tamén a descrición dun territorio, e nese hábitat as pegadas, torres, faros, camiños e corredoiras, as súas propias rodas e pasos, un paisaxismo sui xénere, no que está John Berger, o gran ensaísta que morreu estes días, que ensinou a ver a tantos, e a apreciar a fotografía. Así tamén na exposición ‘Espantallos’ no Museo Municipal, o pasado Outono Fotográfico, na que introduxo o movemento co zoar do vento.




Nós vemos neste espazo protagonista para Manuel Sendón un intramundo, un non-lugar que conecta o mundo sensible e o mundo espiritual, o mundo no que os corpos espiritualízanse e as almas toman corpo. Este entender a terra dende a fotografía é algo que leva facendo Manuel fai tempo, caso de "Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965)", a súa tese de doutoramento, publicada por Xerais a finais dos noventa. 

Mais nestes anos do novo milenio, en que pasamos da fotografía analóxica á dixital, e súbense á net tantas imaxes por hora que xa non hai tempo de ollalas, estanse a esvaer os seus valores tradicionais de verdade, memoria e arquivo, sendo que a fotografía máis que manifestar o acontecemento o que se desexa é constatar que estamos presentes. Esta é a opinión de Joan Fontcuberta, Premio Internacional Hasselblad 2013, o Nobel da Fotografía. Esta aposta pola fotografía de Manuel Sendón, tamén curator, é paralela á de Marisa Marimón. quen celebra con esta mostra, desde finais do mes de novembro, o seu XXII aniversario. Il, con Eva Díez, Xabier Toubes, Mauro Trastoy, Tamara Feijoo, Iván Prieto e Seara despídenos dende os seus escaparates.



                                         ***
E para rematar, a mirada do mestre Sendón, arriba, e unha foto de paisaxe co mesmo tema, máis doutro fotógrafo...  

Carretera hacia el faro de A Frouxeira. Meirás, Valdoviño. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario