lunes, 2 de mayo de 2016

GANDARÓN É O VIÑO DO RIBEIRO

Xabier Limia de Gardón
o artigo saiu en La Región o 2.5.2016
Entre lecturas



O VIÑO de Eladio é para nós un tinto que asociamos a Otero Pedrayo e a Casa Grande de Cimadevila, nas chairas de Amoeiro. Foi esta a bebida da comida dedicada a Antón Pulido polo Premio Trasalba, no comezo do verán do pasado ano. O seu agasallo, de viño branco e tinto, xuntouse cos do día do grande ágape de cada ano. Alí, nas longas mesas alongadas, os amigos que nos achegamos de Ourense e Vigo, Pontevedra e Santiago, aquí a familia, e os veciños, recinto desbordado de ledicia e satisfacción baixo dos toldos e a calor, na carballeira…  mundo parouse arredor de Pulido, mais logo do retrouso poético e de arte, a evocación decantouse naquel día de turismo festivo cultural, dende o padal da memoria: e asociouse cara a distancia, máis alá do Barbantiño, cara o val do Avia, terras do viño do Císter, por San Clodio e Beade co Gandarón nas inmediacións: o mundo de Eladio Rodríguez Fernández, o colleiteiro. Este é un ourensán singular, que ben de publicar unha novela, a cuxa presentación asistimos, na que fala con imaxinación de seu de ribeirán rural, logo de retornar á súa terra nai dende o mundo cidadán de empresario da construción.


Con sesenta e sete anos andados, é tempo de recoller o sementado na infancia polos devanceiros. O ‘Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira’ (Ir Indo Edicións, Vigo, 2015), obra escrita dun arreón, emocionado logo da visita, cando a lúa saía. Logo o amigo Antón Alonso, dende os primeiros capítulos, e as catas-parladoiro nas que deu en lerlles o escrito, deron o resultado que Bieito Ledo edita, Pulido deseña na capa, Alonso Montero e Alonso presentan con Xavier Casares no Liceo, casa común, acompañados da voz de María do Ceo, a nosa trobadoresa galego-minhota.




Con verbas inventadas, e outras en desuso, apoiado no caxato das lendas e tradicións, que desborda dende a trama e a imaxinación, versos e música, fascinado polo castro de Beade e as cumes do Ribeiro fabulando a ‘lingua cornaso’, con léxico que engade. Deuses e semideuses, Barbaña, Martiño e Gandarón, a batalla en Lámbrica, na trama, e a primeira colleita do viño de Beade, coas castes de Ridimoas… O aroma cunqueiriano dun mundo seu, baixo o Arco da Vella, colleiteiro que recupera a adega familiar coidando as construcións e as viñas familiares que traballa de xeito tradicional, en diálogo coa natureza para achegarmos o viño cos aromas e sabor da viticultura de sempre. A influenza dos seus feitos chega ata nós en proxección cultural dende o Torques do Castro. Nos días en que sen máis partidismos que os de eloxiar as castes dos amigos de Sameirás, Ramón do Casar e Nairoa, de Alanís, Docampo e Reboreda que, entre outros, están na Feira do Viño do Ribeiro… Tense dito que é o viño o sangue da terra, mais para nós é o sangue da cultura dende a arte. Traballo e fe nunhas Terras, que para Eladio señorea o Gandarón, que garda a auténtica memoria dunha terra ricaz.

Foto Santi M. Amil, para La Voz de Galicia, diciembre, 2015.


No hay comentarios:

Publicar un comentario