ARTE ET ALIA.
Artº en La Región
Xabier Limia de Gardón.
Hai que achegarse á experiencia de Xosé Neira Vilas para ve-lo mundo dende os ollos da memoria. Esoutro día, á tardiña, cando estabamos a escoitalo no salón do Centro Cultural, foi unha lección de vida. Logo da presentación do persoeiro no marco do Foro La Región, que fixo Vázquez-Monxardín, o famoso escritor lucense de Gres (Vila de Cruces) falounos da súa ‘Semente galega en América’, editado por Bolanda edicións. Eis unha rexesta de galegos destacados, emigrantes todos, a través dos tempos. Son un cento de curtos textos dunha páxina, con ilustracións do artista mindoniense Xosé Vizoso, deseñador de Sargadelos e cartelista, co que colabora dende os anos oitenta. Así desfilan ante os nosos ollos admirados o que armou o primeiro coche arxentino, o fotógrafo da Estrada que era o predilecto de Carlos Gardel, o que argallou o secadoiro de café con teito corredizo, ou os ourensáns Carlos Velo, un referente da cinematografía mexicana, e o Beato franciscano Sebastián de Aparicio da Gudiña, que levou o carro de bois a México... Emigrantes con enerxía de pioneiros, pois os enclenques e os vagos non emigran, precisou Neira Vilas, quen viviu en Arxentina e Cuba corenta e tres anos. Asegurou que a emigración galega é distinta das outras, xa que logo lembramos o noso lugar de orixe, e as festas. E destacou a existencia dunha morriña gastronómica. Arte, cultura, música, o himno e a bandeira galega ‘tamén naceron cos galegos emigrantes’, retrucou dende a súa máis que salientable memoria.
[a noticia na web e La Región]
«Señoras e señores, o solpor dun legado»
Fotógrafo e representante do MªdoPobo Galego na inauguración. Por trás as fotos |
Unha exposición de afán memorialista ven de ser inaugurada na Sala de Afundación. Son retratos fotográficos que Ricardo Alcalde Corral fixo das xentes da Terra de Caldelas no seu contexto rural.
Neles amosa a sensibilidade dun pioneiro que chega a un remoto lugar e sinte que debe gardar a memoria dun país e dun tempo, antes de que as persoas desaparezan, e con elas un xeito de vida.
O salmantino, que é militar do exército de terra, logo do seu destino en Figueirido cambia a súa técnica cando coñece ao gran fotógrafo de Marín Xosé Gago, quen lle ensina fotoquímica para fabricar as emulsións do revelado.
A exposición de Ourense ven da man do Museo do Pobo Galego, e nas salas de San Domingos de Bonaval lugar amosouna Alcalde no outono de 2006.
E dende a xelatina de clorobromuro de prata, os revelados semellan unha fina néboa saída dun orballo, esa auga do ceo sempre gris, da canción, sempre tan necesaria...
«Unha pinga de ouro azul»
Así o salienta a con insistencia a ‘Pinga do Ouro azul’, escultura monumental de Toño Monteiro, inaugurada co gallo da XVª edición de Termatalia en Expourense nesta fin de semana. O artista do Bosque Máxico das terras de Lobios, na Baixa Limia, xa tiña entregado na primavera outra pinga de ‘ouro azul’, en relación co Campus da Auga, unha xenerosa doazón en madeira de cedro que recibiu Pedro Araújo, como decano da Facultade de Ciencias, e foi colocada no Edificio Politécnico.
Elas nos fan lembrar esa outra memoria que non debemos esquecer...
No hay comentarios:
Publicar un comentario