jueves, 30 de mayo de 2013

Iconografía da gaita, segundo X.L. Foxo


Nun sitio sorprendente, a parede da Biblioteca central do Campus de Ourense está a "Iconografía da gaita": trátase dunha exposición fotográfica da recolla plástica que Xosé Lois Foxo Rivas leva facendo dende fai anos - seica máis de trinta- por toda Galicia (e terras limítrofes do leste e sur).

Mais na ampla e luminosa sala, de varios niveis, onde os estudantes da Universidade preparan exames, e investigan, hai estes días un continxente de adolescentes de bacharelato de colexios e institutos que se ambientan así para os exames de 'selectividade' que de xeito inmitente lles esperan. Aquí miran, admiran e son mirados. E tamén repasan. Un tempo pouco propicio pois para exhibir unha interesante investigación, mais tampouco o lugar axuda. O autor da recolla gráfica, acompañado do representante cultural da Deputación Provincial, da que depende, e da
Vicerreitora, profesora María Lameiras, presentárona fai uns días.

Capitel fachada igrexa S. Francisco, Ourense.
Non hai cartel en destaque da singularidade da mostra artística, un máis entre as varias informacións no taboleiro da entrada, e o persoal do hall apenas pode informar. A carencia dun programa informativo de man, coa correspondente introducción e índice da escolla reproducida, tampouco axudan. A ocurrencia deixa ver como malia súa amplitude o campus carece dun espazo axeitado para as exposicións eventuais máis alá do cubículo que dedica á arte contemporánea nun dos pavillóns das Lagoas. E máis cousas...

Trátase dun traballo de campo en edificios relixiosos e civís dende o século IX ata os nosos días, unha investigación na que os artistas plásticos que plasmaron a gaita amosan o coñecemento da súa morfoloxía e evolución, sendo ademáis de interese pola vestimenta dos gaiteiros.

As miniaturas dos códices medievais, as portadas románicas e góticas, sillerías de coros, os exemplos en pazos e castelos... "No estudio iconográfico hai que destacar a riqueza que alberga a provincia de Ourense neste eido, podendo afirmar que o 50% das representacións pertencen a esta provincia", dixo o músico e investigador Xosé Lois Foxo.

Sancristía Catedral Tui, 1715, Domingo Rdz. escultor: conxunto músico de indio gaiteiro e animais (corno e tambor). 

Son 80 imaxes das mil que hai no arquivo do Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense sito no Campus que próximamente formarán parte dunha obra: 'Iconografía da Gaita no Noroeste Peninsular'.
Da 'cruz preciosa' donada polo Vº Conde de Benavente (1515) á catedral de Ourense son esta foto e a inferior.
Os gaiteiros serán da restauración nun taller de Madrid (1904, regalo de Perfectino Viéitez, Boborás).




Mais a súa recolla debe ser confrontada co documentado traballo publicado en 2010 Pablo Carpintero, 'Os instrumentos musicais na tradición galega', premio de investigación Antón Losada Diéguez, que se pode consultar na web do Consello da Cultura Galega.

Sorprende que non faga mención á época contemporánea, na que importantes artistas plásticos teñen tratado o tema, caso de Castelao, Laxeiro ou Francisco Leiro. Entre nós, Zapata, fixo algunha das súas mellores obras con este tema, gaiteiros que ás veces me parece ver pola rúas dos viños preto da catedral.


De Paco Leiro, en Ortigueira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario