lunes, 5 de septiembre de 2011

BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL (III)

CARA O NORDESTE
2.- Pola estrada cara o Nordeste está o lugar de A Grela, corrupción toponímica recente por Agrela (agro pequeno). No seu núcleo hai un conxunto etnográfico de interese, do que destacamos a fonte santa con lavadoiro, eira e diversos hórreos, un deles datado en 1860. No vello camiño entre Cea e Agrela, que vai por as Lamelas, hai varias mámoas, campo de enterramento da etapa do Megalítico, na Idade dos Metais, que se extende ata a parte norte da vila capitalina municipal a ámbolos lados do camiño do Coto cara Cotelas. Nesta chaira cara Covas, onde está a fonte de Salgueirós, e zonas próximas, hai en diversas rochas marcas de límite de parroquias, que son antigas referencias xurisdiccionais. A seguir do lugar de Agrela está Covas onde, antes de entrar no núcleo, está nun outeiro de perfil castrexo a hoxe igrexa parroquial (pois foi ermida mariana). Alí hai restos dun vello castelo na Baixa Idade Media, destruído na Guerra Irmandiña. 
O edificio relixioso, dedicado a Nosa Señora na advocación da Asunción, é unha das parroquias más recentes dos arciprestádego trala separación da de Cea, e presenta unha sobranceira torre sobre fachada barroca, das mellores da contorna, do século XVIII, obras realizadas polos mestres Pedro de Rivas e Pedro Vidal. A estatua de Santiago da fe da relación co camiño cara Compostela. Nas inmediacións, en cruce de camiños, hai un salientable peto das ánimas coa imaxe tallada da Virxe na fornacina, datado os primeiros anos do reinado de Isabel II, na etapa histórica da Rexencia da súa nai Dª María Cristina, na primeira metade do século XIX, pois foi o ano de 1836.
En Mosteirón hai unha eira con cabaceiros de interese. Nas inmediacións, está a serra de a Martiñá, que preside as terras de Cea, desde os seus 1.039 metros. Omnipresente nos perfís do norte, e visible desde as de Amoeiro, monte lembrado por D. Ramón Otero Pedrayo desde Trasalba nalgún poema. Hai s restos dun castro. Nalgunha das grandes rochas do monte pódese acubillar un, cómo sen dúbida fixeron os pastores nalgunha noite.Nestas altas terras pasta ceibe o gando vacún dos veciños. Desde aquí divísase o mosteiro de Oseira, no cabeceira do seu estreito val.

É San Pedro de Vales unha parroquia montesía. Nela a igrexa está circundada por un adro de pedra. No interior hai un Cristo tallado fai poucos anos polo escultor Manzano, moi tosco.No lugar de Monteagudo unha casa está datada no ano de 1801; e Cazurraque, o cabaceiro do Lampiño é de 1851.

O terceiro itinerario, en dirección Surleste:


O lugar de Viduedo, á beira da estrada nacional, ten un singular conxunto etnográfico composto por eira e hórreo con pombal do século XVIII. En lugar central está a capela de San Pantaleón, e o Peto de Ánimas co relevo de San Antonio de Padua e o Neno Xesús, e interesante casa con amplo balcón corrido, casa-taller do escultor Acisclo Manzano Freire. En Faramontaos, con casas asentadas sobre rochas, está a antiga capela do Priorado da Abadía cisterciense de Oseira, con escudo do século dezaoito do mosteiro, e a impoñente cheminea da casa dos monxes. O lugar pertence á parroquia de San Román de Viña, con igrexa do século XVIII en vistoso adro con escudo de Oseira na fachada, que conserva restos románicos. Por tras hai un cruceiro e calvario de certo interese artístico (aínda que é superior o do retablo barroco).
          


O cuarto itinerario é cara o sur.
Na parroquia de Vilaseco está o sobranceiro Pazo da Pousa, antigamente da Casa de Bouzas e da Marquesa da Atalaia Bermeja (casada con Isidoro de Temes, e donos de importante facenda na cidade de Ourense). De notables dimensións, ten na fachada motivos heráldicos. Posúe capela e pombal cilíndrico na finca. É propiedade da Escudería Ourense. Xunto á estrada hai un cruceiro, preto da igrexa parroquial de San Miguel, obra dos séculos XVIII e XIX. No extremo sur do concello a parroquia de Mandrás, onde a súa igrexa de San Pedro é de estilo Románico, con interesante tímpano historiado. A casa rectoral, e Casa do Prado, con chemineas de cantería, teñen interese. En Pulledo, á beira do camiño, peto de Ánimas con Cristo en relevo na fornacina. No límite está a Ponte Mandrás, con ponte medieval dun arco no Camiño Real de Ourense, sobre o río Barbantiño. Ten inscrición a penas lexible no pretil, e marcas de cantería. Hai unha fonte de auga clara e casas de interese. A máis salientable está á saída fronte a unha área bio-saludable (sic) recente. 
En Fatón hai un peculiar hórreo que ten no piar central un Peto de Ánimas, caso extraordinario na provincia. A parroquial de Souto, de advocación de San Salvador é obra de estilo Románico. En Peago está a casa pacega con hórreo do Conde de San Román. E Zarza, onde hai un hórreo que pertence á casa do Escribano, o máis grandes do Concello, que ten sete claros.


A igrexa da parroquia de Pereda ten restos da época medieval, do Románico. A carón, polo oeste, está casa rectoral, con adro murado, que foi de Oseira, obra do século XVIII. Hai tamén un peto de ánimas antigo con relevo feito hai poucos anos por o escultor Manzano.
Finalmente a parroquia de Castrelo, pola estrada de Maside, perto da vila de Cea, con capela parroquial de San Cipriano. Na estrada un sobranceiro peto das ánimas do século XVIII. No lugar da Torre, hai unha aira con un interesante hórreo do século das lumieiras, datado en 1788. Nas inmediacións hai unha casa de notables dimensións e boa cantería con un reloxo de sol, coa data de 1824, época do rei Borbón D. Fernando VII.


(continuará)


COPYRIGHT: XABIER LIMIA DE GARDÓN. Pódese citar citando o nome do autor e o lugar onde se publica.



No hay comentarios:

Publicar un comentario