Chega o mes da Saleta, as festas maiores de Cea, no comezo da nova estación de Outono. É bó tempo setembro para retomarmos a nosa guía (breve) do máis salientable do Concello nos eidos histórico e artístico, que iniciamos cando esta bitácora daba os seus primeiros vaxidos. Como dixemos daquela o Patronato de Turismo estaba a publicala na súa web sen citar a fonte e a autoría da mesma: unha publicación pagada pola Consellería da Xunta de Galicia en edic. bilingüe (sendo alcalde Presas e de secretario o galegolusista Henrique). Logo démola a publicar na web municipal mais foi desfeita na nova versión polo web master sen mediar consulta.
Desta volta imos continuar a súa publicación aggiornándoa, e con menos lapso temporal.
Segundo itinerario B (cara ao norte do concello):
Desta volta imos continuar a súa publicación aggiornándoa, e con menos lapso temporal.
Continuamos este percorrido básico polas terras do Concello, pasando agora a facer uns itinerarios polo mesmo fixándonos no máis salientable da arte e monumentos. Para elo o dividiremos en cinco.
Primeiro itinerario:
Ante todo Cea, vila e capital do municipio, centro comercial e de servizos. Grupo escolar, Centro de ensino secundario, Centro de saúde, Complexo deportivo, e instalacións deportivas para o fútbol no campo de "O Lodairo" e no Pavillón, que co a piscina completa a oferta. Importantes casas, como a dos Guerra -ou a do Pesador, do século XIX, recentemente desaparecida na praza maior-, con chemineas de cantería e artísticos canzorros, a torre campanil -fonte (1926-1928), obra do arquitecto Manuel Conde Fidalgo; o santuario neogótico da Saleta (inaugurado en 1908), con importante romaría en setembro; a fonte monumental de 1867, feita noutrora para a praza maior, os fornos de "A Cebola", "Do Abade", "Da Eira", entre outros, base da 'poia', o escuro pan de Cea de singular forma, amasado tradicionalmente por panadeiras, nun paseo pola vila que debe levar ata o forno da “Parapeta” (ruína ata fai uns anos) e o “Do Lodairo”, reconvertido en apresurado museo etnográfico do pan. O "Da Capela", que recibe o nome pola do Santo Cristo desapareceu co progreso (!) fai uns anos -ó igual esta, aínda que logo dunha explosión na sancristía, e unha controvertida actuación...-, era un dos poucos documentados dende finais do século XVIII. Agora hai unha controvertida praza urbana de pavimento de cores lateríticas e unha estatua que semella un Cristo (Acisclo Manzano, bronce) sobre un pedestal con unha fenda interna.
1.- pola estrada de Oseira que atravesa terras do Concello de Piñor, a ermida de A Ventela, que foi da Abadía de Oseira, con retablo do século XVIII e unha pétrea imaxe gótica da Virxe. Desde aquí parte o vello camiño que bordea o muro do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, no que hai un cruceiro, e chega ata o lugar de Casledo, onde se pasa a carón doutro vello cruceiro, sobranceira obra documentada na segunda metade do século XVI. Atravesando a ponte chegamos ó lugar, desde o que se entra no monumento por excelencia do concello. Á esquerda do arco de entrada está o Museo Etnográfico Liste, un dos mellores de Galiza, hoxe en proceso de deslocación cara Vigo e Pontevedra. Oseira é monumento nacional, que se inicia na segunda metade do século XII, con igrexa concluída a finais do primeiro terzo do seguinte, obra románico- gótica de peregrinación, con cúpula do monxe Ferrán Martínez (1282). A sancristía, o vello Capítulo baixo (das Palmeiras", a escaleira dos Bispos, e o patio dos Pináculos son obras dos séculos XV-XVI (do Renacemento), mentres que as fachadas da igrexa (1636-1650, de Miguel Arias) e do mosteiro (XVIII, Francisco de Castro Canseco e Fr. Plácido Iglesias), os patios dos Cabaleiros e Medallóns, e a gran Escaleira de Honra, intermedia a ambos, coa impresionante biblioteca, son todas xa de estilo Barroco. O antigo arquivo baixo, o locutorio, o museo e o refectorio alto –este obra refeita: capiteis e un arco orixinais, o resto engadido polo mestre de obras do mosteiro frei - merecen visitarse. Na igrexa hai retablos do século XVIII con tallas escultóricas de Mateo de Prado (XVII), no deambulatorio, e José Gambino (XVIII), no cruceiro. O conxunto das pinturas murais de bóvedas e paredes son obra de José Maceira (XVIII), o de maior extensión do estilo Barroco en Galiza. As da cúpula con santos da Orde son anteriores. Na praza do Mosteiro, está o antigo seminario para o ensino dos vasallos, obra do século XVIII, e no lugar o antigo Hospicio, a Botica e as casas que foron do médico e do boticario do mosteiro. Na portería hai libros, licores, queixos, e artigos relixiosos para axuda económica da comunidade e satisfacer o turismo que ata aquí se achega, o segundo punto en importancia de toda a provincia, logo da capital provincial. Hai hospedaría mixta con fins relixiosos. Actualmente volve a ter Abade, superando unha situación provisoria de Administración, monxe castelán que se incardinou no mosteiro facéndose cura aquí logo da súa chegada dende a Abadía nai de Venta de Baños (Palencia). É sé do Grupo 'Francisco de Moure' para o estudo, protección e divulgación da Arte de Ourense, onde ten unha reunión anual.
[continuará]
No hay comentarios:
Publicar un comentario