A balada do mascarón. |
ARTE ET ALIA
Velaquí o artigo na web de La Región
Manolo Figueiras e o seu río do tempo
A exposición na sede da CEO permite coñecer de primeira man o fondo de armario deste artista de orixe ourensá
É a exposición de Manolo Figueiras un percorrido de arte polo antigo Pazo dos Gayoso, propiedade da Confederación Empresarial de Ourense. Neste edificio fidalgo brasonado e con patio de columnas, un dos referentes urbanos da vella Auria, asentase a CEO. Achegarmos así ao edificio para ver a obra deste artista supón un encontro con un contínuum histórico nunha casa con novos usos, e a oportunidade de coñecermos de primeira man in extenso algo do fondo de armario da súa arte. Esta é, polo de agora, malia o seu interese, apenas coñecida.
Subimos ata o segundo andar e baixamos, cal se do Guggenheim neoiorquino se tratara, percorrendo o itinerario de arte que Figueiras preparou, deixándonos enrolar polo edificio, arredor da luz da vidreira do patio central. Dispón aquí cadros de temática psicanalítica, coa singularidade plástica de facelos en baixorrelevo: Edipo e a Esfinxe son, nas súas mans, e algo de retranca, un home e unha muller con un diván ou cama polo medio, el encamado e doente, ela co termómetro, ou a muller falando no diván mentres o home escrebe... Son escenas de interior, con mobiliario de libros, cadeira Thonet e cadros. Nun deles está a escena mitolóxica grega co Kylix famoso que lles da título.
As súas obras teñen unha sintaxe moi coidada, e acenos ao mundo da cultura, unha minuciosidade ao xeito de George Perec, e así como o francés, na súa escrita, recorre a imaxes e pinturas, o noso artista úsaas como fitos reflexivos que aportan densidade expresiva.
No primeiro andar está o mundo do circo, co domador de cans, e o da cabra, que comparten espazo nos cadros coa muller barbuda saída dunha obra de Ribera, pintor do Barroco, e o mono que pinta o retrato dunha ovella cun burro por modelo, dun gravado de Goya, preferindo Manolo Figueiras basearse no debuxo preparatorio co texto ‘no morirás de ambre’ (sic) do mestre aragonés. O Hamlet do ‘Ser ou non ser’, diante dun auditorio sen rostro, abre o abano dos significados; e o Hércules circense adestrando nas aforas dunha cidade é un forzudo manco coa parella da Garda Civil vixiando...
No primeiro andar está o mundo do circo, co domador de cans, e o da cabra, que comparten espazo nos cadros coa muller barbuda saída dunha obra de Ribera, pintor do Barroco, e o mono que pinta o retrato dunha ovella cun burro por modelo, dun gravado de Goya, preferindo Manolo Figueiras basearse no debuxo preparatorio co texto ‘no morirás de ambre’ (sic) do mestre aragonés. O Hamlet do ‘Ser ou non ser’, diante dun auditorio sen rostro, abre o abano dos significados; e o Hércules circense adestrando nas aforas dunha cidade é un forzudo manco coa parella da Garda Civil vixiando...
Nos despachos, e significadas salas, hai tamén obras. Así no salón, un Edipo coa Esfinxe-Cicciolina, e noutra estanza gravados, obra gráfica co pintor e a modelo ou grupos á mesa tomando café.
No nivel baixo, arredor do patio está o mar, inspiración deste artista de orixe ourensá que traballa e vive na costa pontevedresa. Velaquí o melodrama do mariñeiro cantando no peirao cara o mascarón de madeira do barco en relevo, obra de empeño no compositivo e perspectiva.
Ao redor, hai acaídas composicións de grandes barcos na liña do horizonte con simetrías mariñeiro embarcado/muller en terra e un 'Malevitch boat' ben suxestivo…
E na da entrada, unha acaída Parada circense, e o Cabalo de Troia; sendo a introdución do río do tempo do artista un antigo guerreiro e a inscrición ‘Baile de salón’, en alemán.
A necesidade dun folleto como guía faise necesario para unha mellor transparencia. Dende esta fachada con soportais urbanos da Praza das Damas a rota da arte gaña en visibilidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario