Algúns dos Irmandiños dos nosos días... |
XABIER LIMIA DE GARDÓN.
o artigo na web de La Región
ARTE ET ALIA
Chega ata nós unha exposición singular como poucas que pon diante dos nosos ollos, en Ourense, a fala, e un sentir de pertenza. Dende A Coruña, onde comeza, pois un 18 de maio de 1916 nacía alí dunha xuntanza a primeira Irmandade da Fala, reunión na sé da Real Academia Galega, entón na rúa Rego de Auga. E o bosque de feitos xerado nas dúas décadas seguintes, amósase agora compactado nuns grandes contedores-caixas de madeira clara, onde por fóra hai serigrafías con imaxes e dos que penduran cadros, como o autorretrato de María Corredoira ou o retrato de Risco. De alí comezou o roteiro por outras seis cidades, Santiago e Vigo, logo do seu paso por Pontevedra, chega aquí, para seguir viaxe a Lugo e Ferrol. Entre nós, témola visitado no espazo de entrada do Centro Cultural da Deputación.
Foron os iniciadores históricos os irmáns Villar Ponte con algúns amigos, “catro vagos d’A Coruña” segundo sinala con fina ironía D. Ramón Otero Pedrayo en ‘Arredor de si’, quen precisa como andaban a transformar a nosa cultura rural nunha outa cultura dende a recuperación da lingua galega. Estamos pois no seu centenario, 1916/2016, que ben sendo máis ben o noso... Logo virá o 1918, fito de partida na definición do nacionalismo galego, por mais que as Irmandades señan moito máis que un movemento político un verdadeiro rexurdimento cultural, co que hai que contar na definición de ‘século de prata’ do Reino. Eles foron "xente nova ou con ideas modernas", segundo Antón Villar Ponte.
As Irmandades en dez cubículos de memoria
Dez espazos para profundar na dimensión global dende dez temas que amosan a súa cerna, podéndose ver nas cabinas documentos, imaxes, obxectos e publicacións, e ademais escoitar discursos e gravacións musicais.
Alí están as lentes de Vicente Risco, unha pluma Parker 51 de Castelao, e o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo..., e con eles a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade ou o violín de Quiroga que foi de Antón Losada Diéguez.
A música foi, sen dúbida, un fito central na recuperación do galego, e aquí están o estandarte de ‘Queixumes dos Pinos’ da Coral Polifónica Follas Novas, e o cartel da Coral de Ruada, de 1931, obra de Camilo Díaz Baliño.
Para Castelao esta obra de Asorey era a primeira escultura galega. Picariña, 1918. |
E con eles a literatura, e a presenza na sociedade, dende a creacións dun voceiro, A Nosa Terra, e as editoriais (Céltiga, Lar, Nós). Unha idea que nos permite que reflexionemos no que temos hoxe co Estado das Autonomías.
O cultivo das ciencias sociais e experimentais, as Escolas do Insiño Galego e Seminario de Estudos Galegos son parte dos logros. Outro é a participación das mulleres, en "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home".
No hay comentarios:
Publicar un comentario