ARTE ET ALIA. XABIER LIMIA DE GARDÓN
|
Kermesse, 2013, e preside Camiñante VII, 2005. Na parede do fondo, Músico, 2008. |
Era primavera naquela altura cando chegou
Pulido e, estendendo a alfombra coas obras feitas entre 1980 e 2000, amosou a Ourense o seu camiñar plástico. Dúas eran as fases vitais, que traía, a de Cataluña, formativa e de traballo, e a do seu asentamento definitivo en Galicia. Foron anos de intensa actividade, nos que interveu decisivamente en proxectos de país, institucionais, presenza proteica en verdade, dun artista metido a xestor, deseñador gráfico no mundo editorial, e a pouco, profesor de debuxo nun Instituto de Vigo... Neste remuíño de accións, as súas facianas comunicativa e colaborativa, expresaron o seu carácter de home de acordo na construción do edificio cultural galego. Expresión do seu poderoso latexo de hiperactivo en calma é o debuxo que lle fixo en 1994 o gran arquitecto portugués
Álvaro Siza. Dos Chaos de Amoeiro, en Bóveda, onde naceu, ata o seminario da cidade das Burgas, no que estudou latín, humanidades e música mirando o nacente, e Ourense no val. Mestre rural en Casaio, leccións ourensáns con
Prego de Oliver, un grande, nos primeiros sesenta.
|
En Ollando, 1981, os fillos de Pulido miran para o espazo abisal do estudo. |
Logo en Barcelona, Belas Artes e o mestre Hernández Pijoán, outro gran artista. Son as primeiras kermesses, os músicos de clarinete, o ser que camiña baixo nubeiros, en silencio, ou chanta os pés na rocha poderosa dende a que mira a vida, e das súas mulleres, núas e soas. As angulacións expresionistas de seu con encadres cinematográficos. Noutra primavera, a de 2008, chegou coa súa obra recente, e a cidade luciu cos percebes, entre estraloques, baixo as lúas dobres, e as súas mulleres durmían na praia, baixo unha mirada cálida. Daquela os azuis celestes comezan a facerse máis presentes.
INTÉRPRETE DO SEU TEMPO
O artista plástico é un lector avisado que gusta de ler, dende a súa formación humanística, incluso o ensaio antropolóxico e filosofía, áreas de grande importancia no canto das inquedanzas, dende as raiceiras. As súas obras o expresan. Así cando os dous vellos segadores están a falar sentados no cumprido valado, sae
Casares e
Mendoza,
Dieste e
Nélida Piñón; e nos homes que camiñan lixeiros de equipaxe, que veñen e, sobre todo, van, está
Cortázar, Tabucchi,
Vila-Matas, Valente ou
Gamoneda; e nas kermeses da pasada década
Atxaga, McEwan e outros.
|
CAMIÑO VERMELLO, 1988. Óleo lenzo, 130x130. |
S
éntese no ceo a tempestade ambigua: é doce e inquietante ó mesmo tempo. Na terra inscríbense os sulcos da dor. Entre estes dous mundos irreconciliables, entre dúas paisaxes hostís provócase a andadura. (
Ramiro Fonte, 1988).
|
Músico, 1992. |
Na antolóxica as voces de
Ramiro Fonte, Ferrín e
Otero Pedrayo impresas nas paredes son fitos e testemuñas nun camiñar en compañía.
D. Ramón, o seu ilustre conveciño, xa acreditou a súas ‘
fantasías das luces e sombras’. Estas son un eixo central do pulidiano modo, coa imaxinación a traballar dende o mito platónico, sombras na noite, en interiores onde mulleres dormen, azuis e louras, núas; sombras dos danzantes arredor do lume, sombras luminosas das lúas no lombo dese home que avanza dobrado mirando de pisar a eito no pasal interestelar, camiño en zig-zag onde ensaia invisibles cores que as felices
kermesses amosan en ritmos musicais.
|
Camiñante VII, de 2005. |
No canto á disposición das obras, magnífica a montaxe de Carlos L. Bernárdez, de quen é o texto do catálogo, no que se aprecia algunha obra das que vimos no outono en Vigo.
|
Kermesse, tríptico, 2010. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario