Mostrando entradas con la etiqueta Rosalía de Castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rosalía de Castro. Mostrar todas las entradas

lunes, 22 de mayo de 2017

AIRIÑOS AIRIÑOS AIRES DE XURXO LOBATO

Xurxo Lobato e Anxo Angueira, na presentación

XABIER LIMIA DE GARDÓN.
Así salíu na web de La Región
ARTE ET ALIA



‘Creo que cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo da galeguidade’. Quen así pensa é Xurxo Lobato, autor de ‘Airiños aires Rosalía’ autor do proxecto e das fotografías que se amosan nesta exposición, unha das máis importantes e sobranceiras sen dúbida desta tempada Centro Cultural da Deputación. Esta é unha homenaxe a unha das figuras simbólicas identitarias, máis alén diso é o xeito de sentirmos galegos dende o cerne. A exposición, baixo a forma dun percorrido foto-biográfico, é unha aproximación aos espazos e lugares da vida de Rosalía. Velaí a pía bautismal na que foi cristianada no Hostal dos RR. Católicos en Santiago, mais tamén o ar deles, na escaleira do mosteiro de Conxo, ou Simancas (Valladolid), escollendo Lobato un encadre alto con torre e cúpula, campo e ceo, moito ceo. Ás fotos vai engadindo acaídos textos, ‘Conxo, o do claustro triste i as soedades prácidas’ e ‘levaime, levaime, airiños, levaime a donde me esperan’, como contexto nas paredes con unha verba en vermello, en destaque.





Unha terra aquela de Castela, na que escribiu moito de Follas Novas, o seu segundo poemario. E vai inserindo o fotógrafo-biógrafo sensacións dun sentir, compartindo emocións, a campá de Bastavales, a chuvia nas rúas de Compostela, as brañas de Laíño, no Ulla, e a luz da catedral, co sol que ‘lanza serenos raios que firen descoloridos da Gloria ós ánxeles e ó Pai Eterno’.

'En vano, a gaita, tocando unha alborada de gloria'

Na casa da Matanza




‘Miña casiña, meu lar, cantas onciñas de ouro me vals’, arredor de Padrón e Iria Flavia, e a casa da Matanza, onde vivíu os seus derradeiros anos. O exterior dela dende o parral, as fechaduras das portas, a cama co cabezal e a colcha de liño, aínda que Xurxo Lobato é quen de desenfocala almofada e centrarse na rosa fresca que hai alí cada mañá...





Na contorna, Lestrobe, co pazo; o do Arretén, no que nacera a súa nai; o interior da casa da rúa do Príncipe na Coruña, unha de cuxas fotos, de asombroso contraluz, foi escollida para a capa do libro-catálogo, deseño de Xosé Díaz / Imago mundi.

Rosalía de nova en Madrid, na rúa da Ballesta, e xa casada en 1861, no calexo de Álvarez Gato. Está san Ildefonso de Madrid, onde casara con Manuel Murguía, e tamén Vigo, coa imprenta da que saíu Cantares Gallegos, obra que resoa como ‘a gaita, tocando unha alborada de gloria’, do noso foi rexurdimento literario. 


Chega a exposición en itinerancia dende 2016, co patrocinio da Obra Social La Caixa e a colaboración da Fundación Rosalía.


A actualidade da escritora nos nosos días ben da man de Pedro Feijóo e o éxito de ‘A memoria da choiva’ (Xerais, 2013), con trama policíaca, ou as súas obras ilustradas en El Patito Editorial, por artistas como Álvaro de la Vega (2012) e Manuel Figueiras (2015), e a nova icona con ar a Warhol. Así a muller con personalidade propia, moderna e feminista, mesmo ecoloxista, desde a linguaxe visual, a mirada persoal intimista conquerida por Lobato.








miércoles, 24 de febrero de 2016

A Rosalía de Antón Pulido


Un regalo coñecer hoxe esta fermosa achega plástica de Rosalía, a nosa gran poetisa -'alba de groria', parafraseando a ao Irmán Daniel Castelao-, da man de Antón Pulido Nóvoa, grande artista.

Anovando a iconografía. 

Parabéns, mestre da arte.

Rosalía de Castro. Pastel sobre papel. 60 x 60 cm., Fundación Rosalía de Castro.

'A Rosalía de Castro da que se namorou Murguía en Madrid', dí Antón Pulido Novoa, seu autor.


...e xa está no canon iconográfico...
'Triste é o cantar que cantamos,
mais ¿qué facer se outro mellor non hai?
'
                        Rosalía Castro de Murguía: 'Follas Novas', 126 anos.


lunes, 24 de febrero de 2014

Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro


Porque hoxe é o día:

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014:

Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.


Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste.
E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía.
Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña.

Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume.
E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro.
E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras.
E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza.
Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento.
Ceiba coma sempre.
Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014
Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega



sábado, 13 de julio de 2013

Manuscrito inédito de Rosalía e nova foto de Cardarelli


Rosalía Castro, nova foto coñecida tomada por Cardarelli, Santiago, década dos anos sesenta.

                  As de cantar,

                  Que ch ́ hei de dar zonchos,

                  As de cantar,

                  que ch ́ hei de dar moitos.

                  I

                  As de cantar

                  Meniña gaiteira

                  As de cantar,

                  Que me morro de pena.

                   --

                   Canta meniña,

                   Na veira da fonte

                   Canta dareiche

                   Boliños do pote.

                   --

                   Canta meniña

                   Con brando compas,

                   Dareiche unha proya

                   Da pedra do lar.


                   
Rosalia Castro de

                    Murguía


                                      (transcrita por Anxo Angueira, Pte. Fundación Rosalía de Castro)
                                      Podes ler aquí o poema autógrafo (Real Academia Galega).

Este é o poema inicial de Cantares gallegos. Estaba nun exemprar da primeira edic., e ademáis un texto ms. 'Fernán Caballero á Rosalia Castro', carta datada o 25 de xaneiro de 1864, na que aquela autora -Cecilia Bölh de Faber y Larrea (1796-1877), en resposta á nosa autora quen lle adicara o pequeno gran libro auroral da moderna lingua galega escrita.

Estoutra imaxe era a que coñecíamos, da mesma sesión e fotógrafo



domingo, 24 de febrero de 2013

Día de Rosalía e aniversario de Cantares gallegos

Aniversario este ano dos 150 anos de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, primeiro libro monolingüe en galego, idioma que estaba excluído daquela do poder e da cultura, malia ser utilizado pola maioría da poboación... Foi editado en Vigo, na imprenta da Calle (sic) Real, nº 12.

Así a pintou Modesto Brocos en 1880.

                                         ¡Cómo o ventiño da mañán, pirmeiro
                                               no seio das rosiñas se dormía,
                                               e cál dempóis toliño e rebuldeiro
                                               polo espazo inmensísimo subía,
                                               e volvendo a baixar murmuradeiro
                                               por enriba das chouzas rebulía,
                                               nas aliñas levando o fumo leve
                                                  que en trubias ondas a subir se atreve!


                                    (Cfr. Cantares gallegos: 'A Roberto Robert redactore da Discusion, 
                                                                    a quen lle gustan os contos i o galego', IV).



                                         "UN IDIOMA ES UNA TRADICIÓN,
                                          UN MODO DE SENTIR LA REALIDAD,
                                    NO UN ARBITRARIO REPERTORIO DE SÍMBOLOS".

                                      (Jorge Luis Borges, El oro de los tigres, 1972)


viernes, 24 de febrero de 2012

Hoxe é o DÍA DE ROSALÍA (no 175 aniversario do seu nacemento)


A lectura pública de Ourense, será, cando menos no Liceo (ás 19:00)

Da Equipa de Normalización IES Aquis Celenis, Caldas de Reis / Po.

Diante do seu monumento en Rianxo haberá unha lectura
            Promove os actos a Asociación de Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G.):

"Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural". (Vía: Aelg)