Páginas

martes, 3 de julio de 2018

portico


Jenaro Pérez Villaamil
Pórtico de la Gloria de la Catedral de Santiago de Compostela, 1849,  
Palacio de la Moncloa, Madrid




Na Catedral

Coma algún día, polos corrunchos
do vasto tempro,
vellos e vellas, mentras monean,
silban as salves i os padrenostros;
i os arcebispos nos seus sepulcros,
reises e reinas, con gran sosego,
na paz das mármores tranquilos dormen,
mentras no coro cantan os cregos.
O órgano lanza tristes cramores,
os das campanas responden lexos,
i a santa imaxen do Redentore
parés que suda sangre no Huerto.


Señor Santísimo, ós teus pes ¡cánto
tamén de angustia sudado teño!
Mais si o pecado castigas sempre,
ó que afrixido vai a pedircho
daille remedio.

O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios que firen descoloridos
da Groria ós ánxeles i ó Padre Eterno.
Santos apóstoles, -¡védeos!- parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros, e aló na altura
do ceu a música vai dar comenso,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios ca axuda,
de inmortal nome Mestre Mateo,
xa que aí quedaches homildemente
arrodillado, faláime deso.
Mais co eses vosos cabelos rizos,
santo dos croques, calás... i eu rezo.

Aquí está a groria, mais naquel lado,
naquela arcada negrexa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
onde as devoran todo-los demos.
De alí non podo quitá-los ollos,
mitá asombrada, mitá con medo,
que aqueles todos se me figuran
os dun delirio mortaes espeutros.

¡Cómo me miran eses calabres
i aqueles deños!
¡Cómo me miran, facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¡Será mentira, será verdade!
Santos do ceo,
¡saberán eles que son a mesma
daqueles tempos...?
Pero xa orfa, pero enloitada,
pero insensibre cal eles mesmos...
¡Cómo me firen...! Voume, si, voume,
¡que teño medo!

Mais xa nos vidros da grande araña
cai o postreiro
raio tranquilo que o sol da tarde
pousa sereno;
e en cada prancha da araña hermosa
vivos refrexos,
cintileando coma as estrelas,
pintan mil cores no chan caendo,
e fan que a tola da fantesía
soñe milagres, finxa portentos.
Mais de repente veñen as sombras...
Todo é negrura, todo é misterio...
Adiós alxofres, e maravillas...
Tras do Pedroso púxose Febo.

Coma pantasmas cruzas as naves,
silbando salves de padrenuestros,
vellos e vellas que a Dios lle piden
El tan só sabe cáles remedios;
que cando o mundo nos deixa, é sóio
cando buscamos con ansia o ceo.

Ós pes da Virxen da Soledade
-¡de moitos anos nos conocemos!-
a oración dixen que antes dicía,
fixen mamoria dos meus secretos,
para mi madre deixéi cariños,
para os meus fillos miles de beixos,
polos verdugos do me esprito
recéi... ¡e funme, pois tiña medo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario