Páginas

martes, 17 de octubre de 2017

RELEMBRANDO AS FLORIDAS ARDENTÍAS DE MAIO DE EDELMIRO



Temporais pasaxeiros é a última obra de Edelmiro Vázquez Naval, o poeta de Toubes (A Peroxa). Os responsables de Eurisaces Editora, de Ourense, escolleron unha acuarela dixital de Miguel F. Robledo, suxestiva paisaxe que abrangue capas e solapas, un mundo en silencio dnunhas terras baixas e verdes con auga a carón dunha lagoa con unha estatua de costas, solitaria e enigmática. Esta é a selecta funda que envolve e unifica aquel poemario con As voces da saudade (1988), O rito do regreso (1996), e As luces de noutrora (2010), obra xa ponderada nesta columna de La Región. A minuciosa revisión delas encheuno de tensións, segundo nos comentou o autor, que removelas augas pasadas ten o seu aquel... Este libro que arrexunta todo o de Edelmiro ben de ser presentado entre nós nun ‘acto integral para un poeta integral’, nas atinadas palabras de Claudio Rodríguez Fer, un dos presentadores da obra, con Luís Álvarez Pousa, amigo seu dende os tempos do ‘microclima ideolóxico no que todo tiña cor de ceo’, no Seminario.



Tal vez imos fuxindo da inminente outonía’ concreta Edelmiro, profesor xubilado fai uns anos do IES Otero Pedrayo, no primeiro poema, idea que ecoa (é preciso que acepte que xa foi mediodía/no meu tempo), e resoa noutras partes (Esta luz que esmorece). Achégase polas sendas da nenez revivida aos seus silandeiros lugares de refuxio, por más que aquela fonte non reflicta xa as miraxes e belezas dos tempos, segundo escribe. Malia todo, regresa reconfortado á cidade... Por veces o poeta ve o corvo fúnebre e agoireiro do ‘Nevermore’ de Edgar Allan Poe, e afastalo quere. Lémbrate, Edelmiro, da imaxe daqueloutro que dicía cada solpor ‘cras’, e repetíao a mañá seguinte, ensinanza moral de Sebastián de Covarrubias Orozco que nos invita a non deixar as cousas para o día seguinte: Vive hodie por lema, fronte ao Cras, cras, imaxe dos seus Emblemas morales.

Nunca entrevista recente para LVG, foto Santi M. Amil.

Imaxínote, di o poeta ‘vendo ir índose o río do teu pobo’, e ‘debruzado na ponte do muíño’ sen poder pensar en nada, con Pessoa, ese home que perdido de si mesmo, sinala noutro poema, ‘fuxía tempo abaixo’, por mais que o verdadeiro camiño non estea nos outros: áchase baixo os propios pés, e hai que viaxar só... Escribe, e se describe, en outono, lonxe do río de Outeiro, espazo de seu como a Comala do admirado Rulfo. Esta obra, e as outras do corpus poético conforman así o libro total dun poeta exacto e auténtico, profesor de matemáticas noutrora, con afán por ‘reforzar a estradas que fan posible a construción da nova cidade’, segundo Pousa

O acto na sala de Elcercano coa interpretación duns adagios dos grandes do século XIX polo mestre Ángel Losada, e as declamacións poéticas do profesor Ramón Cao, fóronse intercalando na velada, acadándose así unha gran altura cultural. Un mérito para Javier González, coordinador da editorial.


A rosa enferma de Blake murchándose no Pé de Ourense, e os vinte e dous poetas que canta o reiseñor en Arte de Trobar, entre eles Víctor Campio, quen na presentación sorría beatífico...



No hay comentarios:

Publicar un comentario