Páginas

lunes, 12 de junio de 2017

A LIÑA DE NOA PERSÁN DEFENDE A COR


¿Quien soy al final de esta odisea andante?, 2011, ol. taboa.

XABIER LIMIA DE GARDÓN
ARTE ET ALIA

A liña de Noa Persán defende a cor



A artista lucense Noa Persán (Ainhoa Pérez Sánchez) está a amosar as súas vizosas obras no Centro Cultural, no acaído espazo expositivo da entrada. Coñecíamos a súa obra en Ourense dende que chegara en 2008 invitada polo galerista Manuel Márquez. Ela foi unha das primeiras artistas que apoiou dende a súa galería profesional na rúa Dr. Marañón. Viñera daquela con "Onirismos", e agora trae "Metamorfofiguraciones", recente serie que é a base da exposición, aínda que na escolla haxa obras de comezos da década. A cor verde domínao todo para impoñer unha forma de sentir dende as obras ata o tríptico-catálogo.


El triunfo II, detalle cos relevos engadidos no tocado.
Dende a capa deste unha figura fita para nós, con quimono e finas ramas con frores de ameixa; e na contra capa unha cigarra e unha formiga semellan conversar nas follas dun xardín: aquel é un rostro xaponés, cultura oriental asiática xunto coa chinesa, que rodea a súa forma de ver a pintura, pois vive a vida tamén dende a actividade deportiva ligada ao karate, categoría 2º Dan, e non lle son alleos Hatha yoga e fitness. Hai na súa estética elementos das estampas históricas do Xapón decimonónico do Ukiyo-e, con influenza na Europa do imperialismo co impresionismo, mais tamén non convén desbotar a súa infancia nos Ancares, espazo montuoso de arbórea vexetación e cor dominante. No canto dos animais que parolan, é unha das súas "Fabulonirias" inspiradas en La Fontaine, serie de 2011 da que trae máis obras.

Miedo a caminar, en primero termo, e Las tijeras de la libertad, na parece do fondo.

Elas permítenlle achegarse a un territorio na que a maxia se tingue de bondade, con leccións para o camiño da vida. Hai influenzas no modo de resolver as imaxes polos ilustradores, técnicas nas que a liña prevalece nas formas delimitando con autoridade os campos de cor. Estes son case planos, e amplos nos fondos, con figuras apenas moduladas nas superficies. Nalgunhas obras busca volume engadindo elementos vexetais en relevo, cos que acada efectistas valores táctiles no que se achega á esculto-pintura, un camiño sen dúbida a percorrer.

                                                      DO IKEBANA ÁS ALEGORÍAS

Lying is fashionable, 2015, ol. tea.




Vese en vodas e tamén en eventos colexiais esa estética que emana do Ikebana, nos arranxos florais.

Mais o que interpela a Noa Persán é a súa esencia de ‘frores que viven’, e a artista insírea no seu concepto de elán feminino, unha expresión de sonos dende o corpo vigoréxico e xoven, figuras de muller do século XXI, con algo dese elegante efecto pátina da laca. 















Así nos modelos de retratos, de María Paz de Taboada ou "¡Quién da la vuelta a la tortilla?", que nos fita co corpo espido e fala coa tesoira-pluma logo de suxeitar unha cabeleira con estereotipos de xénero; e nalgún dos seus autorretratos, todos en elaboradas poses sobreactuadas. Noutros engade paisaxes vividas, o faro de Punta Nariga, con mensaxe escrita, recurso que espesa o seu dicir plástico.








Unha exposición de carácter con dúas partes, e no eixo a "Dama do lago", co ollo feminino chorando na lúa. No chan hai unha obra inspirada en Lugo como cidade romana, na que vive esta donostiarra de nacemento.

Palpitando a tu alrededor, 2014, alusión á muralla romana...

No hay comentarios:

Publicar un comentario