Páginas

miércoles, 23 de noviembre de 2016

CON EXPERIMENTA 10 + 1



XABIER LIMIA DE GARDÓN.

ARTE ET ALIA


Ten esta exposición plástica do primeiro andar do Centro Cultural da Deputación que comisaría Paula Cabaleiro un ár de modernidade inusual. Os dez artistas penduran as súas obras nas paredes, ou incluso do teito, amosando unha ducia de propostas (que Cáccamo e Matesanz traen dúas obras cadansúa), en diversas linguaxes plásticas, e... ú-lo está o ‘+1’ que falta? Esta é ou foi, por mellor dicir, ‘Dasein’, actuación (performance) que fixeron Adriana Pazos Ottón e María Roja en directo no día da inauguración: ámbalas dúas dende os seus corpos en danza, puxéronse diante dun video que proxectaba imaxes de fachadas.


Elas movéndose e pintando a cidade coas súas imaxes. Arte nunha acción no tempo o destas mulleres galegas artistas que fixeron arte expandido. Foi a súa unha creación escénica que non pudemos ver aquel día, mais si reproducida e visualizada a posteriori: eis a esencia do efímero, posto en valor cos medios de reproducción asistida...


E así con elas, esta proposta expositiva concibida por Cabaleiro, pontevedresa de Cangas do Morrazo, na ría de Vigo, de Alonso e Cáccamo, Coleman e Matesanz, Trastoy e Vicente. E ademáis, Fandiño, Fernández Castón, quen trae unha obra para ser vista en dúas fases sólidas, Matamoro, con unha sotil aposta luminosa, e Franchesch: a deste con tubos-canles de cores enleados, pseudo dripping expresionista de Pollock que se fai escultura...


As multiformas expresivas dominan no conxunto polimorfo, no que hai algunha pintura. Así Berta Cáccamo e Chelo Matesanz. A dela é unha instalación de 2001, feltro cosido sobre lona e debuxo sobre papel, ‘Lo que Lee Krasner podía haber hecho... pero no hizo’, coa que opina o que tería que ter feito a parella sentimental de Jackson Pollock cando il fervía co ‘action painting’ e a pintura de goteo... E chega Suso Fandiño para poñer o dedo no ollo con ‘Calquera tontería se converte nunha obra mestra se despregas un apabullante e caro rótulo de neón’, de 2013, sarcasmo ao cubo da/coa obra de arte, unha reflexión arredor da expectación que xeran as obras de hoxe nas que tan difícil é definir fronteiras. A súa achega é un letreiro no que unha palabra ilumínase intermitentemente... 



A luz vai por trás nos ‘Cadros en rectángulo’ de Mónica Trastoy: módulos unidos por un vinilo que as conecta, debuxando cunha agulla, evanescencia que se manifesta coa a luz que retroalimenta a obra... 

Uns visitantes diante das obras de Fernández Castón e Sara Coleman.
A de Sara Coleman é ‘Corpo’, de fío de raión tecido en máquina tricotosa e tinguido artesanal, outra instalación na que a luz cenital é fundamental. A peza, que está pendurada e esténdese nun volume, é corpo e espazo, máis que vestimenta, aínda que aquel podería ser a lumieira cenital. 






Dende esta mestizaxe de técnicas e artistas con diversas experiencias e idades vitais, a idea de emocionar ao espectador semella arriscada. E que este forme parte delas tamén... Experimenta quere ser unha forma de sentir a arte con estas ‘ideas modernas’ mais podería terse dado un paso máis facendo unha exposición interactiva, na que participásemos coas obras para formar parte dela.


No hay comentarios:

Publicar un comentario